O público reconcíliase con Culturgal

Antón Lopo, Suso de Toro, María Reimóndez, Bernardo Atxaga e Pedro Feijoo comparten protagonismo con Ana Pontón na segunda xornada da feira, que se pechou co concerto de Leilía
 
Público do sábado á tarde en Culturgal. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Público do sábado á tarde en Culturgal. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A líder do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, compartiu este sábado o protagonismo da segunda xornada da Feira das Culturas Galegas, Culturgal, que se celebra no Recinto Feiral de Pontevedra, co elenco de escritores e escritoras que coincidiron no evento e que incluía a Antón Lopo, Bernardo Atxaga e Pedro Feijoo. O día central da feira foi tamén o da confirmación da reconciliación co público, que volveu ateigar o espazo en varios momentos pola tarde.

A política nacionalista acudiu á presentación dos dous libros que lle dedicaron recentemente María Reimóndez (A semente, a árbore, a froita) e Suso de Toro (Descubrindo Ana Pontón) para falar do que supuxo ese achegamento á literatura galega para ela. "A relevancia dos dous libros ten que ver con que a protagonista é efectivamente unha muller, pero non unha muller calquera", puntualizou Reimóndez. "Porque muller é tamén Esperanza Aguirre". Segundo a escritora e tradutora, Ana Pontón conseguiu "deixar de ser obxecto para ser suxeito" nun contexto hostil

O escritor Bernardo Atxaga e p crítico Ramón Rozas. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
O escritor Bernardo Atxaga e o crítico Ramón Rozas. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A nacionalista referiuse á participación nos libros como "experiencias novidosas" para ela e como "dous retos de carácter moi diferente". Falou da síndrome da impostora e das dúbidas que lle xeraba, sobre todo no caso da obra de Suso de Toro, acceder a esa exposición pública que lle esixía. Aproveitou, ao tempo, para criticar duramente, xunto cos dous autores que a acompañaban, a falta de pluralidade política nos medios públicos galegos, aos que se deu por sentado que non serían convidados a falar dos libros e se reprochou non dar a cobertura debida a unha feira como Culturgal.

Antes de Pontón, no mesmo espazo dedicado ás letras, Antón Lopo, xunto a Branca Novoneyra e Xosé Luis Mosquera Camba, presentara a segunda edición do poemario Azul Monforte. Xa pola tarde, Kalandraka presentou a tradución ao galego da obra de Bernardo Atxaga, que estivo acompañado polo crítico Ramón Rozas.

Concerto de Leilía no Pazo da Cultura. RAFA FARIÑA
Concerto de Leilía no Pazo da Cultura. RAFA FARIÑA

A xornada literaria rematou en Culturgal cunha conversa, conducida pola xornalista Teresa Cuíñas, entre os tres gañadores dos Premios Xerais deste ano: Pedro Feijoo (novela), María Reimóndez (literatura xuvenil) e Leticia Barbadillo (literatura infantil). 

Na programación da xornada central de Culturgal tamén tivo un lugar destacado a música en directo. Pola mañá, a cantautora coruñesa Silvia Penide estivo presentando o seu novo disco, Mientras dura el aplauso. Pola tarde, no mesmo escenario estivo actuando Ailá, un proxecto saído das noites de festa na Casa das Crechas de Santiago de Compostela que supón un dos achegamentos actuais máis interesantes á música tradicional galega. 

Ademais, este sábado tamén tivo lugar o espectáculo central de Culturgal, o único que ten unha entrada á parte. Nesta ocasión correu a cargo de Leilía. As pandereteiras, que anunciaron hai meses que lle dicían adeus aos escenarios, ofreceron en Pontevedra unha das súas últimas actuacións.

Comentarios