domingo. 07.06.2020 |
El tiempo
domingo. 07.06.2020
El tiempo

Punk por enriba de todo

O grupo pontevedrés Desarmotización (de Mendizábal) lanza a través de internet o seu novo traballo, 'Vive poco', en plena alerta sanitaria ► "Cando todo pase, publicaremos o formato físico"

O punk faise un sitio no medio da alerta sanitaria polo coronavirus. O grupo de Pontevedra Desamortización (de Mendizábal) vén de lanzar, a través de internet, o seu novo traballo, Vive poco. "O título puxémosllo en xaneiro, antes de todo isto. E decidimos deixalo", conta o batería da banda, Rodrigo Cota (fillo). Fai referencia a unha frase moi famosa que se lle atribúe ao actor James Dean: "Vive deprisa, morre novo e deixa un bonito cadáver".

O 22 de marzo, o grupo colgou o seu novo traballo na páxina de Bandcamp do selo autoxestionado Llorón, que é o que llo lanza. Na páxina do grupo no mesmo portal de música en liña pódese ler cal é o seu lema: "No suena bien, no está bien hecho y nos mola el rollo".

Al Capone, Mata a un nazi ou Relojería Joyería Venezuela son algúns dos temas do terceiro traballo de Desarmortización (tras dous anteriores gravados no Local de Música: o single Litronas de sangre e El baile de las mariposas), un grupo punk que naceu en 2016 en Pontevedra. Os seus integrantes son Cota, César Patiño, que é o baixista e cantante, e Gonzalo Vázquez, que é o guitarrista. "Os tres tiñamos ganas de montar un grupo punk. Así que un día, tomando algo, decidimos facelo", conta o batería. "E así seguiu sendo todo no grupo. Funcionamos dun xeito moi punk, sen meditar moito as cousas, intuitivamente. Cremos moito niso e na autoxestión. Seguimos funcionando coa mesma filosofía".

A intuición e a autoxestión guían a carreira desde grupo que ten como lema: "No suena bien, no está bien hecho y nos mola"

Sen embargo, Cota recoñece que na banda houbo certa evolución. "Si que é verdade. Comezamos cunhas composicións moito máis básicas. Hoxe facemos cousas un pouco máis complexas e achegámonos a outros estilos. Pero sen pensalo demasiado. Porque saen así". Esta explicación repítese ante case calquera outra cuestión. Por que se chaman así? "Porque foi un nome que saíu e aí quedou. A primeira idea foi formar a banda. A segunda, de Gonzalo, chamarlle así. Non hai ningunha razón concreta detrás".

LICEO MUTANTE. Gravado no Liceo Mutante, o colectivo cultural underground que ten a súa sede en Rosalía de Castro, ao que os integrantes do grupo están moi vinculados, o novo traballo contou coa colaboración de Joni Galmán (foto) e José Solla (masterización).

A pesar de estar prohibidos concertos e espectáculos culturais, e a pesar de que moitos selos tanto discográficos como editoriais decidiron aprazar os seus lanzamentos, Desarmotización seguiu adiante co lanzamento do seu novo disco. "Si. Por agora sae no formato dixital, a través da Bandcamp de Llorón, e despois, cando todo isto pase, imprimiremos a portada en cartulinas e poñerémonos a dobralas para para meter dentro os CD e poder vendelos por aí", conta Rodrigo Cota. "Pero por agora só se pode escoitar en internet». Aínda que os temas xa se puideron oír en directo antes. "Si, os temas xa os tocamos nalgún concerto e funcionaron moi ben. Agora queda podelos volver tocar por aí, en sitios autoxestionados aos que nos apeteza ir".

Punk por enriba de todo
Comentarios