O que contan as madeiras do mar

Xerardo Chere Rodríguez expón na zapatería Mecada de Pontevedra, durante a primavera, 27 táboas que pintou despois de recollelas polas praias galegas 
 
Chere Rodríguez coas súas obras na zapatería Mecada de Pontevedra. GONZALO GARCÍA
photo_camera Chere Rodríguez coas súas obras na zapatería Mecada de Pontevedra. GONZALO GARCÍA

"A táboa fálache", di Xerardo Chere Rodríguez (O Barco de Valdeorras, Ourense, 1967). "O soporte destas pinturas son madeiras que recollo nas praias. Case todas son restos de lanchas, de naufraxios ou de incendios, que contan a súa propia historia. Eu límpoas e convértoas en algo diferente".

Mestre do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) A Xunqueira de Pontevedra e veciño de Vilagarcía de Arousa, Chere Rodríguez expón, durante esta primavera, 27 das súas táboas na zapatería Mecada (Rúa da Oliva). De tamaño e características diferentes, tamén proceden de distintos puntos, como O Grove, Cambados ou Vilagarcía.

Unha das pinturas de Chere Rodríguez.
Unha das pinturas de Chere Rodríguez.

"Para min, pintar é hoxe moito máis que un hobby, é felicidade", explica o home, que tamén é autor de murais, como o que lembra o Día Mundial da Síndrome de Down na avenida de Uruguai en Pontevedra, debaixo da Ponte da Barca, ou os que hai no colexio do Toural, en Vilaboa, ou no instituto Bouza Brey, en Vilagarcía. Á parte, está involucrado no proxecto Redeiras, de Cambados, e ten traballos, asinados como Gerardelos, realizados con cerámica de Sargadelos.  

"A primeira táboa que recollín nunha praia foi antes da pandemia [2020]. En canto a tiven na man xa vin claro o que tiña que debuxar. Metinlle os personaxes que necesitaba e expúxena. Gustou e, a partir de aí, seguín". 

O autor conta que aproveita os restos de pintura das madeiras e as súas propias vetas para deseñar as súas composicións. "Ao final, cada táboa vén xa coa súa paisaxe. Eu o que fago é introducir personaxes".

Case todas son restos de lanchas que contan a súa propia historia

Segundo conta, gusta de inspirarse na realidade para as súas pinturas. Por iso as máis das veces introduce o factor humano. Porque o mar e as praias que el coñece están habitado por persoas que fan surf, marisquean, toman o sol, pasean ou pescan. "Ás veces son só puntiños ou un anaquiño de pé, pero están aí".

A inspiración di que, no seu caso, chega a partir da observación. "Cando vou á praia convértome nun mirón, si. Despois trato de reproducir o que vexo".

Por agora di que segue sumando táboas ao proxecto. Pese a ser dunha vila do interior de Galicia, a súa fascinación polo mar está aí. "Saín de Valdeorras con 18 anos para ir á Coruña e xa quedei para sempre na costa", sinala.  "Pero tamén teño táboas do río Sil. Así que a min, en realidade, o que me tira é a auga".

Comentarios