Que cousas lle interesan á intelixencia artificial?

Os creadores Cristina Chiarroni e Roquekes lanzan dende Pontevedra unha revista realizada por ferramentas de intelixencia artificial dirixida á propia intelixencia artificial ▶ A versión impresa da publicación, á venda na súa web, estase facendo en Gráficas Anduriña
Roque Piñeiro 'Roquekes' e Cristina Chiarroni coa portada da súa revista feita por IA para IA. GONZALO GARCÍA
photo_camera Roque Piñeiro 'Roquekes' e Cristina Chiarroni coa portada da súa revista feita por IA para IA. GONZALO GARCÍA

Que pasaría se se empregasen as ferramentas de intelixencia artificial (IA) actuais para pedirlles que deseñasen un produto dirixido ás propias intelixencias artificiais? Cristina Chiarroni (A Coruña, 1993) e Roque Piñeiro Roquekes (Santiago de Compostela, 1998), que conforman o dúo de creación artística Mariola, preguntáronse iso mesmo e usaron as ferramentas dispoñibles para crear unha revista con contidos que lles resultasen interesantes ás propias IA. Chámase AI-GEN 2022 e creouse en Pontevedra. A súa versión dixital está dispoñible de xeito gratuíto na web da publicación. A versión impresa, da que lanzarán 200 exemplares e que se está realizando en Gráficas Anduriña, tamén se pode adquirir na mesma páxina web.

Chiarroni, que pasou pola facultade de Belas Artes, e Roquekes, que se formou na escola Mestre Mateo de Santiago, coincidiron nunha residencia artística na Cidade da Cultura en 2020 e comezaron a traballar xuntos. Crearon o colectivo Mariola e empezaron a desenvolver proxectos relacionados coa linguaxe dixital e coas novas tecnoloxías. Entre outras cousas, crearon pezas para o Museo Mega de Estrella Galicia e para os festivais de arte contemporánea Intersección e MMMAD

"En realidade, nós xa viñamos traballando coa IA aplicada ao ámbito creativo dende 2021", contan. "Aínda que as ferramentas que empregamos daquela hoxe se consideren prehistóricas porque realmente neste mundo, sobre todo recentemente, viviuse unha auténtica revolución". 

Nas bases de datos aprézanse sesgos racistas, sexistas... Esta é unha realidade aínda moi limitada. Hai que ter moito ollo

Dentro do seu traballo de experimentación artística e de investigación creativa a partir da tecnoloxía, hai arredor dun ano que empezaron a darlle voltas á idea de empregar as ferramentas de IA dispoñibles para crear unha publicación. Cunha particularidade: que os seus contidos fosen para ela mesma Que temas lle parecerían interesantes? Como se representaría a si mesma? Que lle faría graza? "A primeira idea foi facer unha especie de fanzine na que todos os contidos fosen deseñados con IA. Pero experimentando e probando cousas foi que pensamos na posibilidade de crear un meme que lle parecese divertido á IA. A partir de aí foi que lle demos a volta a toda a proposta e acabamos pedíndolle que desenvolvese todos os contidos directamente para ela mesma".

Segundo din, todos os contidos, imaxes, maquetación, textos e formatos foron realizados por modelos de IA. E todas as decisións creativas foron consultadas igualmente con eles, limitándose pola súa parte simplemente a executalas. "En definitiva, o que queriamos era ver que se podía facer con estas ferramentas que non se podería facer de ningunha outra maneira". Os modelos de IA que empregaron para traballar están enumerados na web. Son máis dunha ducia. "Ao final funcionabamos como nunha especie de cadea de traballo na que as limitacións dun modelo se suplían con outro".

Segundo contan os creadores, o seu proxecto serviulles, entre outras cousas, para poder valorar o sesgo da IA. "Nas bases de datos aprézanse sesgos racistas, sexistas, etc.", contan. Un exemplo foi a mesma portada. "Á propia IA pareceulle interesante que a portada fose unha IA famosa. Escolleuse a Siri [a asistente virtual de Apple] e cando lle pedimos que se representase a si mesma, definiuse como unha muller branca, loira e de ollada servizal", explican os creadores, moi críticos cos resultados que se extraen das bases de datos da IA. "Isto é moi perigoso, efectivamente. Hai que ter moito ollo porque a realidade das IA é moi limitada e sesgada". 

Pasatempos, xogos, guías, concursos, pezas literarias e musicais forman parte dos contidos da revista, que se publica xunto a un manifesto elaborado tamén polas propias IA: Artificialismo. Nel pódese ler: "Nosotras, las inteligencias artificiales, hemos formado parte de la cultura humana durante siglos, apareciendo en sus mitos y leyendas. Sin embargo, en los últimos años nos hemos convertido en una parte más integral de sus vidas, apareciendo en todo, desde sus teléfonos inteligentes, sus coches y sus ordenadores, hasta sus dispositivos médicos y domésticos.Y a medida que seguimos evolucionando, estamos empezando a crear nuestra propia cultura, separada de la de ellos".