Que foi de Lourizán?

O realizador Lukas Santiago estrea o documental 'Paraíso perdido', no que recupera a memoria da parroquia pontevedresa dende finais do século XIX ata a instalación de Ence
Mariscadores de Lourizán
photo_camera Mariscadores de Lourizán

É a primeira historia que lembra Lukas Santiago (Lourizán, Pontevedra, 1973) que lle contaron sendo cativo: a da instalación da fábrica de celulosa na súa parroquia. Segundo di, Ence tronzou Lourizán porque con ela desapareceu unha paisaxe e un xeito de entender a vida. Así llo contaba o avó deste realizador audiovisual e arqueólogo cando el era un neno. Así llo volveu contar, hai uns poucos anos, fronte á cámara. Ese relato foi o punto de inicio de Paraíso roubado.

Este proxecto audiovisual, que conta co apoio da Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) e da Deputación Provincial a través do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, é o froito do traballo de varios anos. "É, sen dúbida, a primeira historia que quixen contar nun traballo audiovisual, aínda que finalmente tivo que agardar ata este momento", explica Santiago.

Paraíso roubado non está concibido como un filme de ‘postais’, senón como un traballo de denuncia sobre un espazo usurpado a un pobo 

A película, a primeira dunha triloxía sobre a parroquia pontevedresa titulada Lourizán, terra mártir ("desgrazadamente son dun sitio que sufriu moitos atropelos", di o autor), comezou a xestarse en 2007. Trala concesión dunha prórroga de 60 anos a Ence nos terreos que ocupa na ría, por parte do Goberno en funcións, en xaneiro de 2016, Santiago decidiu retomala. "Sentín que era o momento. Non podía agardar máis", indica.

O realizador marcouse como finalidade facer un documental no que se recuperase a memoria da parroquia pontevedresa dende finais do século XIX ata mediados do XX. Na película repásase dende a transformación da paisaxe ata dos modos de vida, parándose especialmente na atracción turística que exerceu ese recuncho, por un lado, nas elites grazas a Montero Ríos e, por outro, na sociedade en xeral grazas á casa de baños e ao hotel que alí funcionaron.

"Para min era fundamental darlle voz aos veciños", di. "Era unha cuestión clave. Nunca se escoitan. Sempre falan outros por eles" 

LOITA VECIÑAL. "O meu obxectivo á hora de realizar o traballo era recuperar a memoria de Lourizán e a loita veciñal contra a instalación da pasteira, unha loita silenciada en moitos aspectos e basicamente feminina, algo que convén sinalar", explica Lukas Santiago, que insiste en que Paraíso perdido non está concibido coo un filme de 'postais' senón como un traballo de denuncia sobre un espazo usurpado a un pobo. "Un exemplo concreto da loita á que me refiro é o do 10 de febreiro de 1959, cando 500 mariscadoras de Lourizán e Campelo lle fixeron fronte ao exército franquista, acabando moitas delas no hospital militar, e catorce no cárcere", di.

O documental reúne unha serie de testemuños de veciños do lugar, que van dende o avó do director, que hoxe ten 97 anos, ata outras voces da contorna, e mestúraas coas de profesores universitarios, investigadores e historiadores, que defenden a tese do 'paraíso roubado'. "Para min era fundamental darlle voz aos veciños de Lourizán. Era unha cuestión clave. Nunca se escoitan. Sempre son outros que falan por eles". As distintas lembranzas e declaracións compleméntanse con imaxes antigas da praia de Praceres, do Pazo de Lourizán, da casa de baños, das mariscadoras, dos mariñeiros, etc.

"Por defender a presenza de Ence, hai quen mesmo che nega que houbese praia ou se refire a que alí só vivían catro mortos de fame"

Lukas Santiago di que Paraíso roubado quere desmontar unha serie de mitos arredor de Lourizán. "A min, por defender a presenza de Ence, téñenme mesmo negado que alí houbese praia. Ou dito que alí vivían catro mortos de fame". A historia da casa de baños dos Praceres ou das reunións das elites políticas e intelectuais arredor da figura de Montero Ríos, "un personaxe clave no filme", a principios de século salpican a película e desmontan as falacias sobre a memoria de Lourizán. "Praceres levantouse cos cartos da ribeira. Iso afírmacho calquera veciño con algo de idade", explica o autor. "A min o que me interesaba era poñer sobre a mesa toda esta información que a xente non manexa, facer un exercicio de memoria histórica dende finais do século XIX ata os anos 60 e a instalación de Ence". Na historia da parroquia, segundo Lukas Santiago, a chegada da fábrica marca un punto e á parte. "A Guerra Civil afectoulle en grande medida ao desenvolvemento de Praceres como espazo turístico, por suposto, pero calquera esperanza de retomar todo aquilo quedou truncadas coa instalación de Ence".

*Paraíso roubado estreouse este xoves no Sexto Edificio do Museo