O 'Que non pare a música' trae a Pontevedra a Dakidarría, SonDaRúa ou Boyanka Kostova

Carlos Sadness, La Casa de los Ingleses, Cora Velasco, Furious Monkey House e Baiuca tamén actuarán desde este venres e ata o domingo no Recinto Feiral

RECINTO FEIRAL_ presentacion do festival _Que non pare a musica___ Co director da Agadic_ Jacobo Sutil_ a concelleira de Cultura_ Carme fouces_ e o xerente de Global Setup_ Daniel Aragunde
photo_camera Un momento da presentación de 'Que non pare a música'. JAVIER CERVERA

O Recinto Feiral de Pontevedra acolleu este xoves a presentación do programa do ciclo de concertos Que non pare a música, que se celebrará na explanada do recinto desde o venres ata o domingo co obxectivo de contribuír á recuperación e desestacionalización da oferta de música ao vivo en gran formato.

Dakidarría, SonDaRúa, Boyanka Kostova, Carlos Sadness, La Casa de los Ingleses, Cora Velasco, Furious Monkey House e Baiuca conforman un cartel maioritariamente galego, que conta co apoio económico da Xunta por medio da convocatoria extraordinaria de axudas para espectáculos musicais da programación do Xacobeo 21-22.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación aos medios desta iniciativa, promovida pola empresa Global Setup, na que salientou a súa aposta por unha produción cen por cento galega coa contratación  de diferentes empresas técnicas e promotoras artísticas da nosa Comunidade.

Baiuca: "Hai que levar os nosos proxectos fóra e demostrar o potencial que temos na casa"

RECUPERACIÓN DAS PROMOTORAS. O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade explicou que a empresa organizadora de Que non pare a música é unha das 17 adxudicatarias das subvencións para espectáculos musicais, inserida no Plan de reactivación cultural co obxectivo de contribuír á recuperación económica das promotoras independentes fronte ao impacto da crise sanitaria. A través desta medida, distribúense 850.000 euros entre ciclos e espectáculos que se desenvolven nas catro provincias ata finais de ano e suman arredor de cen actuacións, tanto de artistas e grupos galegos como da escena nacional e internacional.

SABER MÁIS | Niños Mutantes actuarán en la Sala Karma el día 19

Esta nova proposta do outono cultural galego nace con vocación de continuidade ao redor de varios obxectivos como a desestacionalización e descentralización da oferta musical en gran formato, a  sostibilidade, o impulso da presenza feminina nos equipos técnicos e no cartel artístico ou a aposta polas bandas locais, entre outros.

Con tal fin, levantouse un recinto cuberto na explanada do Recinto Feiral, con capacidade para mil persoas de pé e no que se garante a aplicación das medidas sanitarias vixentes. Nel soarán na noite do venres os ritmos urbanos de Dakidarría e SonDaRúa, ademais do hip hop retranqueiro de Boyanka Kostova.

O sábado será a quenda para o pop de Carlos Sadness e da banda local La Casa de los Ingleses, mentres que o domingo pola mañá actuarán os tamén pontevedreses Furious Monkey House e Cora Velasco. Xa na sesión de tarde, terá lugar o concerto de Baiuca, no seu regreso aos escenarios tras a experiencia vivida en Sudán durante o golpe de estado neste país africano.

Comentarios