"Quería demostrar que pola densidade auga e aceite non se mesturan"

A escritora e enxeñeira María Canosa recompila trinta curiosidades científicas do noso día a día para os máis pequenos na súa última obra H2...Oh!!! Pingas científicas 
Maria Canosa-DistritoXermar
photo_camera Maria Canosa. DistritoXermar

En H2...Oh!!! Pingas científicas presenta curiosidades científicas para os máis pequenos, como xurdiu esta obra?

Francisco Castro díxome que quería un libro de ciencia divertida e que non era a única que pensa que hai que escribir ese tipo de cousas. Facía moito tempo que tiña curiosidades científicas que me parecía que era fermoso contar. Eu que sempre escribín ficción, sentíame responsable, xa como unha escritora con certa traxectoria, de facer libros de divulgación de distintas materias, porque creo que fan moita falta tamén en galego.

Que nos vamos atopar no libro?

Son 30 temas diferentes, cada un dos capítulos trata unha curiosidade da ciencia, de materias como a bioloxía, as matemáticas ou a física. Non hai que ler todo o libro seguido, son como pequenas anécdotas da ciencia contadas como un conto, de maneira sinxela e comprensible. Tento que sexa dunha maneira agradable e divertida.

De esas 30 pingas científicas, cal destacaría?

Auga e aceite: o touciño e a velocidade da física. Quería desmontar unha teoría que sempre se dá a medias. Dise que non se mesturan porque teñen diferentes densidades, pero en realidade é pola polaridade das moléculas. A auga crea unha atracción, algo que non lle ocorre ao aceite, que é inmune ao magnetismo da auga; senten indeferencia. A densidade ordena as moléculas, pero o que fai que non se mesture é a polaridade.

Por que a auga para darlle título ao libro?

Falo da auga ao longo de todo o libro, é un dos elementos máis importantes para a vida. Témola moi cerca e non lle prestamos suficiente atención.

Licenciada en Enxeñería de Camiños, Canles e Portos, por que decidiu estudar esa carreira?

A medida que crecemos perdemos a vergoña de preguntar o porqué das cousas. Eu era unha rapaza moi curiosa, interesábame todo,non distinguía entre materias, interesábame coñecer o mundo. Os plans educativos non están deseñados para que un poida formarse en materias diferentes, obrígannos a decidir entre as ciencias e as letras. Parecíame que a mellor maneira de levar as dúas cousas da man era estudar ciencias e seguir facendo cousas de letras pola miña banda.

A maioría das súas obras son infantís, por que se centra en escribir para ese público?

Cando estudiei a carreira adicáballe moitas horas a estudar e non tiña tanto tempo para escribir, e pensei en facer unha cousa máis. Parecéume un desafío, e a min gústame que me poñan retos. É un público moi agradecido e moi crítico, fanme aprender e soñar, déixanme mesturar a fantasía coa realidade e sorprenderme. Eu fun moi feliz lendo de pequena e sentía que tiña que devolverlle á literatura eso que tanto me deu a min.

Ademais de escribir traballa en radio, prensa e televisión, que é o que lle impulsa a dedicarse aos medios de comunicación?

Da televisión chamáronme como unha substitución para facer unha proba e acabei alí. Aprendo moitísimo, en ‘Coma un allo’ disfrutei moito participando na realización do guión. Este tipo de programas gústanme moito, a xente sen decatarse está aprendendo cousas ao mesmo tempo que participa. Ademais estes programas dignifican Galicia, espallan o patrimonio cultural, natural e intelectual.

Como comezou a escribir?

Tiven unha axuda extra no sentido de non terlle medo porque a miña nai, Concha Blanco, é escritora. Para min ver que se inventaban contos na casa ou poemas parecíame algo normal, igual que se facía unha tortilla para cenar, pois ás veces miña nai poñíase a escribir e de aí saía un libro.

Sempre tivo claro que quería comunicarse en lingua galega?

É a miña lingua nai, a que máis domino e a que máis quero. Eu educo ás miñas fillas en galego, é algo natural. Cando unha vai medrando vaise dando conta da riqueza que temos os que temos a sorte de gozar dunha lingua propia. A miña intención é dignificar o galego,que todos teñamos claro que é unha lingua válida en todos os sentidos.

Comentarios