Anxo Iglesias: "Quería que as crianzas fosen as protagonistas deste libro"

O autor de Unha nova dimensión, poemario premiado co Merlín de Literatura Infantil nesta última edición, e a ilustradora da obra, María Montes, falan deste delicioso libro que entende a poesía como un divertimento
María Montes e Anxo Iglesias na pasada edición de Culturgal. RAFA FARIÑA
photo_camera María Montes e Anxo Iglesias na pasada edición de Culturgal. RAFA FARIÑA

"E se fose a poesía?". É o título do quinto e último capítulo de Unha nova dimensión (Xerais, 2022), a obra galardonada este ano co Premio Merlín de Literatura Infantil. Dáse a circunstancia de que o seu autor, Anxo Iglesias (Vigo, 1967), foi o segundo galardoado por unha obra poética nas 37 edicións. O anterior fora Antonio García Teijeiro, en 1996, polo poemario Na fogueira dos versosMaría Montes (Pontevedra, 1987) formou parte do xurado que elixiu aquel orixinal titulado Equinoccio e recibiu o encargo de ilustralo.

Con xitanxáforas, adiviñas, trabalinguas, ladaíñas, pareados octosílabos, pictopoemas, litogramas, tautogramas e mesmo un aforismo pareado palindrómico, Unha nova dimensión saíu do prelo o pasado 3 de novembro, uns días antes de que un emocionado Anxo Iglesias recollera o galardón pola súa primeira obra publicada. Xa daquela acumulaba louvanzas por un delicioso libro no que prima a compoñente lúdica e imaxinativa a partir do concepto xeométrico de dimensión. A poesía entendida como xogo e fonte de diversión e, sobre todo, como unha dimensión con entidade propia. Todo un festival de creatividade. Anxo e María volveron atoparse en Culturgal, onde se presentou o libro, a finais de novembro.

É profesor de Educación Física no IES Auga da Laxe de Gondomar, membro fundador da asociación Espazo Lectura e integrante do grupo de música infantil A banda dos cueiros e Unha nova dimensión é a súa primeira obra publicada. Como xurdiu este libro?
ANXO: É unha boa pregunta... Vén de moito tempo atrás, aínda que eu non sabía que iso era así, porque eu non tiña ningunha idea na cabeza para facer este libro. De sempre tiven aí unha teima de xogar coas dimensións, co espazo e co tempo, pero non acababa de atopar unha maneira de darlle encaixe a todo iso. Quería, dalgunha maneira, que todo iso nos levase á poesía. Realmente o libro foi unha cousa de tres meses. No momento que atopei esa idea de cara a onde levar o libro, porque quería deixar unha proposta, todos os poemas foron xurdindo, porque buscaba en cada unha desas cousas que tiña na cabeza.

Anxo Iglesias
Anxo Iglesias. RAFA FARIÑA

"Presenteino por saber outras opinións, máis aló da xente amiga, pero non pensaba gañar"

"Teñen que darse unha morea de circunstancias para que gañe a poesía, entre elas a valentía do xurado"

"Ao confluír dous procesos creativos ten que haber un punto de encontro"

Que supuxo a victoria? Porque, á hora de presentarse, sabía que a poesía era unha aposta arriscada dado o palmarés do premio.
ANXO: Sinceramente, eu non pensaba en que ía gañar. Cando acabei o libro, aínda que llo pasei a algunha xente amiga, non deixa de haber un afecto, unha cercanía, que non é o mesmo que o vexa unha persoa de maneira obxectiva, desde fóra, que non ten ningún vencello contigo. O que buscaba cando o presentei foi: bueno, pois a ver que outras opinións recibo desta xente que non me coñece e a ver que lles di. Esa era a idea. Evidentemente non pensaba para nada gañar. De feito, cando o presentei xa me dixeron isto é poesía. É coller o historial dos premios e sacar conclusións. Teñen que darse unha morea de circunstancias, entre elas que o propio xurado teña, non digo a valentía, pero si diga isto e poesía, e que? Isto gústame e imos apostar pola poesía aínda que sabemos que non é habitualmente o máis comercial'.

A súa relación co libro, María, empezou precisamente formando parte do xurado.
MARÍA: Exactamente. Todos estabamos co libro de Anxo na cabeza, pensando que se todos o tiñamos nalgún lugar especial, á marxe de que había moitas obras que nos gustaban e estaba a cousa reñida, sería por algo, á marxe da calidade. Tiña algo máis que a todos nos gustaba. A dificultade para ilustralo foi un pouco tamén como a súa dificultade para definir esa dirección de a onde quería chegar. Para min foi igual, como vou facer para expresar no papel as dimensións e eses conceptos tan físicos ou matemáticos.

Cando estaba lendo o libro como xurado, xa ía ilustrándoo mentalmente?
MARÍA: Os poemas si. Na parte central, tan rica en imaxes, si. Víñanme moitas imaxes á cabeza. Pero a parte da liña, do punto e do plano foi máis complicado.

O 15 de xullo fállase o premio e inmediatamente actívase o encargo da ilustración. Como foi ese proceso contrarreloxo?
MARÍA: Foi o que dixo Anxo, moi xenerosamente, na entrega dos premios. Hai moi pouco tempo e eles [a editorial e o propio autor] tampouco estaban dispoñibles para facer un diálogo máis activo, pero ao final saímos airosos, sabendo a idea que Anxo tiña na cabeza. Porque nun inicio as ilustracións eran diferentes e a miña forma de ilustrar é máis barroca e igual el tiña unha idea máis limpa.
ANXO: Ao final, nun proceso dese tipo, no que conflúen dous procesos creativos, por unha parte a escrita e por outra a imaxe, sempre hai que facer un camiño e buscar un punto de encontro. Eu díxeno e é certo, porque o sei e porque intentei poñerme no seu lugar, que ese proceso podemos facelo dunha maneira tranquila, cunha comunicación fluída desde o primeiro momento. Pero as circunstancias foron as que foron. Se en vez do Premio Merlín fose un finalista teriamos máis tempo, pero era o momento que era, a finais de xullo e sei que para ela foi difícil. Pero ao final atopamos un punto no que a ilustración, o texto e a palabra fixeron sinerxia.

María Montes
María Montes. RAFA FARIÑA

"É un recurso para a rapazada chegue con outras ganas á poesía, non como a nosa xeración"

"A dificultade para ilustralo foi como a de Anxo para definir a dirección do libro"

Que sensación tivo cando viu o libro editado, coas ilustracións?
Que xa era outra dimensión.

Literalmente.
ANXO: Si, porque, con todos os respectos, se fose un libro de narrativa de adultos, por exemplo, a portada ou algunha imaxe non lle achega tanto. Pero o texto coa ilustración nun poemario infantil, no momento que iso colle unha forma, é un sumatorio. Ao final o que estás vendo é outra cousa. Cando o vin a primeira vez pensei: non sei está ben ou está mal, pero que bonito é.

Todo o libro é unha emoción.
MARÍA: Si. Encantaríame ver dentro da cabeza de Anxo como o visualiza, como é para el o plano ou a liña, en que recuncho de papel o poñería, pero é imposible estar dentro da cabeza do outro.
ANXO: En calquera caso o entendemento foi moi bo. Con María dá gusto traballar porque nun momento determinado podes ter outra visión sobre as cousas pero cando hai receptividade, cando hai escoita e disposición, ao final sempre chegamos.

Que tal está sendo a acollida?
ANXO: A sensación que teño é que está gustando, pero non teño nin idea. Recibo mensaxes moi bonitas tanto de xente amiga como de outra polas redes. Estou moi contento.

Generated by  IJG JPEG Library
Ilustración parao poema A ancha chaira. MARÍA MONTES

Tal como incidía Tamara Lema, integrante do xurado e mestra, é un libro que se presta moito a ser un recurso educativo.
ANXO: Si, de feito xa falaron comigo varios profesores porque cren que é un recurso. Tamén era unha intención. Eu non escribín o libro pensando a ver se este libro despois acaba nunha escola, pero é certo que está dirixido a iso, a que nenos e nenas sexan protagonistas, a que experimenten e descubran a poesía. Ten moitísimas pistas para que vexan que cantidade de cousas poden facer coas palabras. É un recurso magnífico para os docentes.
MARÍA: E que cheguen con outras ganas á poesía, non como a nosa xeración, que nos custaba moitísimo, e que chegamos xa de adultas.

E moito máis alá do típico soneto endecasílabo.
ANXO: Bueno, hai unha décima. Unha décima con gheada. E un romance. Intentei abrir a todos eses xogos con palabras. Podía darlle a volta, podía cortar as palabras e crear unhas novas, que non teñen sentido, pero que parece que si o teñen. Podo facer adiviñas... Era un xogo, que o seguinte fora diferente do anterior.
MARÍA: E ademais está todo o tempo interpelando ao lector. E o do compromiso poético do final xa me conquistou.

Generated by  IJG JPEG Library
Ilustración para Xitanxáforas do extezo exparior. MARÍA MONTES

O libro inclúe, ademais, un rap (Tictac Rap-poema do tempo) cun código QR para escoitalo en Youtube e outro enlace para cantar sobre a base musical ao estilo karaoke.
ANXO: Iso foi unha ocorrencia posterior. Falei cuns rapaces do meu instituto, que eu sabía que facían composicións de hip-hop, para ver se facían unha base. Despois propúxenlle a Xerais incluíla para que os nenos puidesen rapear con ela. E dixeron que estaría ben entón que houbese como un exemplo cuns nenos cantando. Acabamos facendo todo, contrarreloxo tamén. En setembro, dúas semanas antes [de ir o libro a imprenta]. Moi contento, tamén, porque iso permitiu a participación doutra xente que non imaxinaba que ía estar facendo un libro comigo, como Simón e Bruno. Ou que o meu fillo André [Iglesias], que ía estar cantando cunha amiga [Comba Moo].

Unha nova dimensión 2
Ilustración de Tictac Rap-Poema do tempo. MARÍA MONTES