sábado. 25.09.2021 |
El tiempo
sábado. 25.09.2021
El tiempo

"Quería que o novo álbum soase a cinema, que cada un dos temas fose unha película"

undefined
Rosa Cedrón. DP
A cantante e chelista Rosa Cedrón asegura que abre "unha nova etapa" con ‘Nómade’ ► Para ela é importante emocionarse con cada traballo.

Asegura vostede que este disco abre 'unha nova etapa'. En que sentido?

En moitos sentidos. Hai tantas cousas que cambiaron que non sei cal destacar. ‘Nómade’ é unha viaxe para saír da escuridade, do que nos ten abaixo. É un empoderamento humano e do que sente.

Canta, interpreta e compón. Esas tres tarefas xa as fixera. En ‘Nómade’ asume tamén a produción executiva, unha tarefa que non está relacionada directamente coa música.

Quixen asumir ese risco. Eu son de cociñar lento, de ‘slow food’. Voume tomando o meu tempo. Podes saber de cantar ou de tocar un instrumento, pero tamén vas aprender outras cousas que non sabías. Tampouco foi tan dífícil. Tiña unha infraestrutura. Cheguei a un punto no que sei con quen traballo ben e con quen non. Xúntome coa xente adecuada. Na gravación foi todo rodado.

O estudo que elixiu foi Casa de Tolos, do lucense Segundo Grandío.

Xa traballara con el en cancións soltas. Foi moi divertido e relaxado. Un dos cambios máis grandes foi buscar o bo rollo. Foi un traballo fluído.

Houbo gravacións pouco fluídas?

Noutros discos atopábaste con comentarios de que non me gusta este arranxo ou estoutro. En seguida me puxen de acordo con Miguel Arthur.

Este álbum estaba anunciado para o ano pasado.

Empezamos a traballar cando empezou a pandemia. Cada un estaba na casa, aínda que os dous vivimos na Coruña. El mandábame as gravacións de piano por WathsApp e eu devolvíalle as de voz.

Era como facer o mesmo mecano con dúas caixas de pezas?

Non foi complicado. Coñecémonos ben. Empezamos a traballar xuntos desde ‘Nada que perder Non me colle de novo. Xa o fixera por Skype con Cristina Pato en ‘Soas’. Ela estaba en Nova York. A pandemia trouxo máis tempo para facer as cousas.

Botou a pandemia co disco e coa súa filla Éire, que ten nove anos.

Levámolo ben.

Dedícalle ‘Ti, miña flor’.

Sempre lle dedico unha canción. Este disco vai dedicado aos meus amigos, á miña familia e aos ‘meus queridiños’. Eu chamo así os que me escoitan, veñen aos concertos e compran os discos. Con moitos teño contacto por Facebook. Quéroos porque os artistas vivimos disto grazas a eles.

Un deses ‘queridiños’ é Sabela Ramil. A concursante de ‘Operación Triunfo’. Pensou nela para colaborar en ‘Nómade’?

Facer colaboracións era complicado pola pandemia. No meu baúl dos desexos teño un proxecto de colaboracións que me gustaría facer.

Sabela cantou ‘Benditas feridas’ nun dos concursos televisivos máis populares de España.

Sorprendeume moito. Non sabía nada. Tampouco cando entrou en ‘OT’. Non son de estar pendente deses programas, pero avisáronme. Dixen: "¡Ai, Dios mío! ¡Un tema en galego!". Era complicado nun programa deste tipo. Sabela pensou: "Se marcho será facendo o que me dea a gana".

Foi alumna súa de música.

Si. Era unha rapaza cariñosa cunha voz preciosa á que lle faltaba deixala saír. Eu dicíalle que tiña que deixar voar o paxaro que levaba dentro.

Falamos ao principio do xeito no que asume riscos. O primeiro single do disco vai ser unha canción na que escribiu letra e música, ‘Devolverme el aire’.

Era un tema que levaba moito tempo agochado. Non atopaba o seu lugar por estética ou por sonoridade. Foi o primeiro tema que escolleu Sergio Muro de Oteyza para empezar a traballar.

Cando chegou ó estudo de Segundo Gandío tiña os temas definidos, pero sen arranxos.

Prefiro que os temas respiren, que cada colaborador aporte o seu.

Parte duns temas armados a piano e voz. Cambiaron moito en Casa de Tolos?

Sempre me gustou o son das orquestras, por iso chamei a un compositor de bandas sonoras, Sergio Muro de Oteyza. Quería que o álbum soase a cinema, que cada tema fose unha película.

Vostede deixou un grupo amplo, Luar na Lubre, por unha carreira en solitario.

Deixei o ensino porque me sentía constrinxida. Daquela eras solista e facías o que querías. Con Luar na Lubre recorrín medio mundo, foi bonito, pero necesitaba emocionarme outra vez no escenario. Cando entrei levaban dez anos, non era un proxecto meu.

Fáleme de como é Mike Oldfield en persoa?

Colaborou con el. É un xenio. Ten ese carácter introvertido e xeneroso. Non esquece de ti. Despois de ‘Tubullar Bells II’ volveu chamarme para que cantase cando veu a España para presentar outro disco. 

"Foi unha pena que o meu pai morrese antes de chegar a ter o novo disco nas mans"

Vén de publicar ‘Nómade’. A dedicatoria escribe: "Na memoria do noso pai. 5 de maio de 2021". Usa o plural para referirse a vostede e ao seu irmán Javier.

Foi unha pena que o disco non chegase a tempo de que o meu pai o tivese nas mans. El foi o ‘culpable’ de que nos dedicásemos á música. O seu irmán Manuel Cedrón tocaba o trombón na banda de Lugo. Os nosos pais déronos a posibilidade de ter unha carreira de música con moito esforzo persoal e económico. Empezamos con 8 ou 9 anos. O meu irmán logrou a praza de profesor de violín no Conservatorio da Coruña con 19 anos. Eu empecei de profesora en Ferrol. Estaba a punto de conseguir a praza, pero preferín marchar de xira con Luar na Lubre.

Nunca se arrepentiu de deixar un posto seguro?

Nunca. Teño pasado momentos duros, pero non.

"Quería que o novo álbum soase a cinema, que cada un dos temas fose...
Comentarios
ç