"Queriamos reivindicar e dignificar a mulleres como Luz Fandiño"

A Casa das Campás acolle este mércores a proxección de A poeta analfabeta, o documental sobre a escritora e activista que dirixiu Sonia Méndez
Luz Fandiño na rodaxe de 'A poeta analfabeta'. CÓSMICA PRODUCIÓNS - Interior
photo_camera Luz Fandiño na rodaxe de 'A poeta analfabeta'. CÓSMICA PRODUCIÓNS

Escritora. Activista. Autodidacta. Emigrante na Arxentina. Emigrante en Francia. Pobre. Poeta. Muller. Militante do uso da lingua. Feminista. De esquerdas. Referente ético, político e cultural. Iso é Luz Fandiño (Santiago de Compostela, 1931) a protagonista do documental A poeta analfabeta, que este mércores (19.30 horas, acceso de balde ata completar cabida) se poderá ver na Casa das Campás de Pontevedra dentro da programación municipal Maio, mes da lingua.

"A poeta analfabeta é un retrato dunha muller moi peculiar", explica a directora do documental, Sonia Méndez, viguesa vinculada a Pontevedra. "Sorprende moito coñecer a unha muller como Luz Fandiño e descubrir como foi a súa vida e as distintas facetas da súa personalidade. A todo iso súmaselle na película a descuberta de como é o seu día a día, a súa vida cotiá".  

"Queriamos que fose coñecida máis alá de determinados ámbitos. Queriamos que a xente a descubrise. Queriamos visibilizala e dignificala"

Cineasta, actriz e guionista, Méndez púxose á fronte deste proxecto, hai algo máis de dous anos, cun obxectivo: reivindicar a figura de Luz Fandiño. "O que queriamos era reivindicar e dignificar a figura de mulleres como Luz. Queriamos que fose coñecida máis alá de determinados ámbitos. Queriamos que a xente a descubrise. Queriamos visibilizala e dignificala", remata.

NATI JUNCAL. En realidade, a idea de facer un documental sobre Luz Fandiño foi da socia de Sonia Méndez en Cósmica Producións, Nati Juncal. "A miña amiga e socia na produtora, Nati Juncal, coñecía a Luz Fandiño case dende que chegou a Compostela", explica a directora. "Ela foi a que tivo a idea primeira de facer o documental. Naquel momento non era para nada seguro que se puidese facer", recoñece. "Primeiro que nada eu tiña que coñecela. Pero coincidiu que foi a presentación dun libro seu, acudín e quedei fascinadísima. Aí comezou o camiño de A poeta analfabeta".

"Hai moitas cousas dela que te fascinan nas distancias curtas, pero quizais o que máis é a conexión que ten coa xente nova"

O documental gravouse cando Fandiño tiña 88 anos. Seguírona no día a día e a partir de aí foron debullando detalles da súa vida e da súa personalidade. "Houbo moitas cousas que me impactaron á hora de facer o documental, moitas cousas dela que te fascinan nas distancias curtas, pero quizais o que máis foi a conexión que ten coa xente nova. De entrada foi o que máis me sorprendeu. Despois, co tempo, funo entendendo".

O filme estreouse no ano 2020. E foi finalista aos premios Mestre Mateo na categoría de Mellor documental. "A verdade é que a experiencia co público está sendo moi boa. Á xente estalle gustando. E a ela gustoulle tamén moito, que para nós era importante", conta Sonia Méndez. "Pero o máis importante de todo, polo que de verdade se fan estas cousas, é que chegue ao público, que a xente o vexa. Estase proxectando en moitos sitios así que estamos moi contentas". 

Comentarios