miércoles. 01.12.2021 |
El tiempo
miércoles. 01.12.2021
El tiempo

"Quixen rebelarme contra a idea do rural galego como un lugar escuro, abandonado e sumiso"

Manuel Gago, xornalista, divulgador e, desde este ano, escritor
Manuel Gago, xornalista, divulgador e, desde este ano, escritor
Gago Mariño vive baixo un paraugas de ideas do que brotan iniciativas coas que revalorizar a cultura popular galega. Xornalista e divulgador, en maio estreouse como escritor coa novela ‘'O Anxo Negro'’, que este venres presentará en Marín

A Santa Mariña desaparece dunha parroquia da Costa da Morte. Unha de tantas figuras relixiosas que foron roubadas no rural galego. Delas, dos galegos e da forza do rural é do que fala Manuel Gago aquí e na súa novela, unha ópera prima de altísimo nivel.

Unha primeira novela ben ambiciosa, cun tema complexo e difícil de documentar. Como chegas a el?
Pois de maneira indirecta. Levo 30 anos pateando Galicia e o seu contorno rural por asuntos de arqueoloxía. Pero o curioso é que a cada parroquia que ía, cando preguntaba polos castros, os veciños falábanme dalgún santo que tiveran e que lles fora roubado hai tempo. Un día comecei a reunir toda esa información e decateime da enorme escala que tiña o fenómeno, que se producira entre os anos 70 e 80. Ao investigar, descubrín que era algo que ocorrera en toda Europa, con orixe no Concilio Vaticano II, momento no que a Igrexa quixo priorizar o culto á misa fronte ás figuras. Por iso empezouse a vender moito material das igrexas sen ter en conta que representaba cousas moi importantes para a xente das parroquias.

"O máis fascinante é que non hai documentos escritos que poidan demostrar o maior espolio de arte moble da historia de Galicia, só queda a tradición oral"

Ten todos os ingredientes dunha boa historia, por que contala en forma de novela e non xornalisticamente?
Porque non podía. O máis fascinante é que podía estar investigando anos que non ía atopar documentación do maior espolio de arte moble da historia de Galicia. O único que queda é a tradición oral, polo que este relato non se sostería xornalísticamente.

Canto hai, pois, de realidade e canto de ficción?
Pois para que te fagas unha idea, o roubo da Santa Mariña está baseado en cinco roubos reais. Algo así é o que acontece con case toda a novela. Realmente, é unha ficción que intenta ser moi realista para que a xente se sinta cómoda recoñecendo aos personaxes. É moi interesante ver as reaccións que provoca a novela na Costa da Morte, onde está ambientada, pois os lectores de alí interpretan claramente a que lugares e a que persoas me refiro.

É que a novela mergúllase na idiosincrasia popular galega.
Si, pero quixen facelo fuxindo dos estereotipos do mundo rural galego. Quixen rebelarme contra a imaxe dun rural escuro, abandonado, sumiso, abatido pola emigración... Fuxir do victimismo e reparar na forza que teñen as comunidades rurais galegas.

"A principal batalla da literatura galega é gañar público e para iso temos que empezar a situarnos na vangarda"

Facía falta un retrato diferente de Galicia desde a literatura?
Totalmente. Un debate moi interesante da literatura galega actual é a ausencia do rural contemporáneo na literatura. Tivo que vir Miguel Iglesias para facer a primeira historia que se fai sobre granxas leiteiras. O rural actual está invisibilizado, non se escribe sobre el.

E que falla na edición de libros en galego para que vivan un momento tan crítico?
Os datos que vén de sacar o Consello da Cultura Galega non son ningunha coña. A nosa principal batalla é gañar público. Temos que conseguir lectores para saír do guetto.

De aí a promoción audiovisual que acompaña a ‘O Anxo Negro’?
Si. O clip de Sole Felloza é parte desa batalla. Nós non podemos mirar cara atrás copiando cousas que xa existen, senón que temos que estar na vangarda. Iniciativas como esta fanlle pensar ao lector que os libros en galego non están mortos.

"Quixen rebelarme contra a idea do rural galego como un lugar...
Comentarios
ç