Antón Vidal Andión: "Quizais é o momento de aprender a decrecer"

Cotobade, terra de seus pais, é o refuxio íntimo de Antón Vidal Andión, o novo presidente da editorial Galaxia. Este pontevedrés, herdeiro intelectual de Xaime Isla Couto, asume o cargo nun momento decisivo no eido da edición. Entre os grandes retos do sector sinala a incorporación das novas tecnoloxías e a corrección da caída da venda de libros
Antón Vidal Andión en su casa de Cotobade
photo_camera Antón Vidal Andión en su casa de Cotobade

Avogado e fundador da Universidade de Vigo, Antón Vidal Andión (Pontevedra, 1948) vén de ser elixido polo Consello de Administración da editorial Galaxia como novo presidente do selo. Substitúe no cargo a Alfonso Zulueta de Haz, que veu desempeñando esta función dende o falecemento de Benxamín Casal en 2013. Vencellado dende sempre co pensamento galeguista, Vidal Andión foi fundador de Coalición Galega en 1983 e actualmente traballa nas fundacións Penzol, Isla Couto e Otero Pedrayo. Ademais é o vicepresidente da asociación cultural e medioambiental Canón de Pau de Cotobade, unha localidade á que permanece estreitamente ligado e recoñece como o seu refuxio íntimo e persoal.

Está pendente de que a Xunta Xeral de Accionistas de Galaxia o confirme com presidente.

En realidade, para min esta situación non supón demasiada mudanza porque levo moitísimos anos entregado a Galaxia, á empresa, ao que significa historicamente e aos principios que a rexen. Non é logo un cambio extraordinario nin na miña vida nin no selo. Coñezo Galaxia dende hai moitísimos anos. Chegar á presidencia é case unha consecuencia de todo isto.

Vaino ter que compaxinar co de ser secretario das fundacións Isla Couto, Otero Pedrayo e Penzol. Váiselle acumular o traballo.

Non, non se acumula. Xa non son secretario da Fundación Isla Couto e tampouco da Penzol, da que son vicepresidente. Son dos que pensan que hai que lle ir dando paso aos que veñen detrás.

Cales son eses principios que di que rexen a editorial Galaxia?

Galaxia nunca foi unha empresa mercantil ao uso. Foi creada nos anos 50 por necesidade. Era un xeito de facer política cultural nun momento moi difícil en España. Os vellos militantes do Partido Galeguista están detrás da súa creación. A súa aparición supón o mantemento de todo o movemento galeguista. O seu obxectivo era expandir, afortalar e trasladar ás novas xeracións o que era a cultura galega.

"Ninguén sabe por onde van vir os tiros. Estamos todos á expectativa. Imos cara outra sociedade e haberá que adaptarse"

Era unha empresa case única no seu día. Ségueo sendo hoxe?

Non, non, a Deus grazas hoxe existen moitas outras editoriais que fan moito polo galeguismo e a cultura galega. Tampouco é a nosa pretensión iso de ficar sós. Galaxia foi no seu momento un instrumento necesario para a conservación da cultura galega, pero hoxe xa está moi ben acompañada. Como debe ser.

Substitúe no cargo a Benxamín Casal.

Falar dos amigos na ausencia ten a súa dificultade. Benxamín foi a peza de unión xeracional entre os vellos galeguistas, Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto e outros moitos máis, cos que eramos máis novos, que agora xa non o somos tanto. Foi un presidente que viviu unha etapa importante na editorial tralo pasamento de Xaime Isla e de Carlos Casares. O gran labor de Benxamín foi acadar unha sucesión continuada.

Coincide agora un momento de moito ‘pontevedresismo’ en Galaxia: Alfonso Zulueta de Haz e vostede mesmo no Consello de Administración, Víctor Fernández Freixanes na dirección...

Alfonso non é nacido en Pontevedra, pero deixou un impacto extraordinario na cidade. Tanto como para consideralo pontevedrés. Aí está o papel que xogou na creación do Ateneo, que eu gocei de mozo, cando estaba estudiando no instituto. Víctor xa non digamos. Pero é que Pontevedra é unha cidade de acollida, que recibe a todo o mundo, da que estar orgulloso. Ademais está moi unida ao galeguismo máis moderno. Para nós é unha honra como pontevedreses estar en Galaxia, unha editorial que ten agora mesmo unha vocación transnacional. Acabamos de poñer en marcha o selo Mar Maior en Arxentina, que quere ser a editorial dos galegos no mundo, que quere abrir un mercado entre fillos e netos de galegos, e Os soños do Gatipedro, unha liña infantil que tamén publicará en castelán.

A pesar de ser pontevedrés, vostede agora mesmo está case máis ligado a Cotobade que á capital da provincia.

Sempre estiven moi unido a Cotobade. Meus pais eran cotobadenses. Para min Cotobade significa un primeiro contacto coa realidade galega. É onde aprendín o idioma dos meus avós e da miña xente. Este é o meu universo persoal, o meu universo íntimo, e nel sigo pasando unha parte moi importante da miña vida. É máis que a miña patria, a miña matria, un concepto un tanto esquecido, pero que quizais sería máis correcto, ligado coa nai terra. Cotobade é logo a miña matria.

Fálase de vostede como o herdeiro do pensamento de Xaime Isla Couto. É así?

Non, non. Non me atrevo a dicir iso. Somos moitos os seus herdeiros. É certo que tiñamos en común moitas cousas, por exemplo, o pensamento cristián, que quizais sexa o máis coñecido. O que herdei foi a fortuna de telo coñecido. Era un home dunha grandeza extraordinaria.

"Trasladar a cuestión lingüística ao eido xurisdiccional non é boa idea. O que hai aquí é un problema político e social"

Vai asumir a presidencia nun momento crucial relacionado coa crise editorial e co reto que supoñen os novos soportes.

A situación é complexa. O mercado do libro caeu un 42% en España. Isto, baixo o meu punto de vista, non está relacionado só coa crise. Quizais haxa que crear novos hábitos de lectura, cambiar algunhas cousas. Á súa vez están os elementos tecnolóxicos. Aínda que isto vai moito máis lento do que parece. En Estados Unidos o libro electrónico supón só o 2% do mercado. De momento o libro físico segue aí, a xente prefire tocalo. A cousa é que ninguén sabe por onde van ir os tiros. Estamos todos á expectativa. Ata agora foron tempos de crecemento. Agora quizais o que temos que facer é aprender a decrecer. Imos ter outro tipo de sociedade, outro tipo de mercado, e haberá que adaptarse a todo iso. As linguas minoritarias teñen ante si unha cantidade de retos aínda maior. Pero xogaremos as nosas bazas. Aí está por exemplo a potencialidade que ten para nós o mercado brasileiro.Ese é o noso futuro inmediato. En Galaxia o noso obxectivo, en todo caso, segue a ser o mesmo: dar a coñecer a cultura galega ao mundo. Esa é a nosa grandeza.

Ramón Villares dixo esta mesma semana ao respecto da decisión do Tribunal Supremo de desestimar o recurso da Real Academia Galega contra o Decreto do Plurilingüismo que este era un conflito político que non se ía solucionar con sentenzas xudiciais. Existe un conflito co idioma?

Este debate tócanos moito aos que levamos toda a vida loitando pola defensa da lingua. Eu penso que as linguas minoritarias precisan unha protección especial. Baixo o meu punto de vista trasladar a cuestión lingüística ao eido xurisdiccional non é boa idea. Estamos a falar dun problema político e social sobre o que convén reflexionar. Iso si, a sociedade galega debe ser consciente de que, se se perde a lingua, desaparece como pobo.

Vostede foi un dos fundadores da Universidade de Vigo. Está orgulloso da institución? Ten aínda asuntos pendentes?

Eu tiven a fortuna de formar parte daquel grupo de xente que fundou a Universidade de Vigo, así é. Estou orgulloso de ter feito o que fixemos naqueles tempos porque non foi nada sinxelo. E os resultados están hoxe á vista. Sendo unha das universidades mais novas de España, 25 anos, está nos ranking das mellores do estado. Pero quizais o máis importante é que a súa implantación nas distintas cidades creou unha serie de novas dinámicas que as cambiaron completamente. Aí está o caso de Pontevedra. Ben se ve.