lunes. 26.10.2020 |
El tiempo
lunes. 26.10.2020
El tiempo

"Vou contra a norma a saco"

Aurora Redondo, A Rabela, este luns, sentada nunha rúa de Pontevedra. DAVID FREIRE
Aurora Redondo, A Rabela, este luns, sentada nunha rúa de Pontevedra. DAVID FREIRE
'Que prenda a faísca' é o título do que será o primeiro álbum da pontevedresa Aurora Redondo, A Rabela. Verá a luz arredor do 10 de xullo. O compromiso feminista e coa lingua marca de xeito transversal o traballo desta moza, que pasou pola escola de artes Bonobo e publicará o seu traballo co selo Arte Calavera

"A Rabela era o nome da casa da miña familia paterna, en Moraña", di Aurora Redondo (Pontevedra, 1992) para explicar de onde vén o seu nome artístico. A rapeira está a punto de publicar o seu primeiro traballo, Que prenda a faísca, un EP con catro temas onde o compromiso co feminismo e coa lingua está moi presente, "pero de xeito transversal", explica a moza, moi involucrada en tecer redes no ámbito do novo hip hop galego, do feminismo e do transxénero. Estivo, por exemplo, na organización do primeiro encontro de rap e regueifa feminista, que se celebrou o ano pasado en Pontevedra. O seu disco publicarao arredor do 10 de xullo o selo Arte Calavera, vinculado á escola de artes Bonobo. Subirase ás plataformas de música on-line, aínda que ela conta con que saia tamén en formato físico. O concerto de presentación terá que agardar. "Será en outono en Compostela, a beneficio do proxecto de escolas de ensino en galego Semente".

Como comeza vostede a rapear?
A través da poesía. A min gustábame moitísimo escribir: contos dende moi pequeniña, poesía a partir de 2º da ESO. Coñecín o hip hop a través de amigos aos que lles gustaba e que tamén rapeaban. Como tocaba algúns instrumentos empecei a experimentar con iso. Recitaba os meus textos coa música de fondo. Así empecei.

"O rap é un mundo moi podre, unha escola de machiños que non me representa. Se eu parezo 'chunga' é porque son incómoda e non encaixo"

Tiña algunha referencia?
Non, ningunha referencia concreta. Daquela escoitábase a Nach, a Morodo, Dios ke te Crew tamén estaban aí... Pero eu comecei a facer temas pola miña conta. Intentei improvisar tamén, pero non fun quen. E acabei por abandonar e facelo só para min. Quedou no ámbito privado. Marchei estudar a Salamanca e só cando volvín para aquí, hai tres anos, volveu o rap. Metinme nun taller de Noites Abertas de freestyle e cambiou todo. Ese taller e atoparme coa xente da regueifa, como Alba María ou Séchu Sende, foron dous momentos clave. Achegarme á regueifa e ver que se podía improvisar doutra forma foi o que me flipou.

Non era quen de improvisar e agora si?
Si. Mira, lembro tratar de facelo con amigos aos que se lles daba moi ben e nada, era incapaz, bloqueábame. Co tempo vas entendendo o que pasaba. Hai un tema de xénero aí: a esixencia que temos as persoas educadas como mulleres para facer sempre as cousas perfectas. É así: somos moito máis vulnerables ante as críticas. Non digo que non haxa tíos sensibles que deixen de facer cousas por non expoñerse, pero no caso das mulleres e das persoas trans é unha cuestión estrutural. Temos unha autoestima tan baixa que funcionamos así en xeral. Calquera cousa que non vas facer perfecta, prefires non facela. Eu diso non sei; iso non o meu, non é para min; non estou preparada... A min pasoume. Quería facelo, pero bloqueábame, frustrábame e concluín que non podía. Ata que, nun obradoiro de regueifa, descubrín que si que podía, que só tiña que aprender as claves e practicar.

Aurora Redondo, A Rabela, este luns, sentada nunha rúa de Pontevedra. DAVID FREIRE (2)

Ata no rap está presente o síndrome da impostora.
Claro. Está en todas partes. O rap, por enriba, está asociado a toda unha serie de estereotipos, de poses de malotes e tipos chungos. Pero eso a min non me representa para nada! Eu o que podo ser é incómoda. Iso seguro. Se algo estou aprendendo ultimamente é precisamente a non calar, así que a cousa vai a máis. Podo parecer chunga, pero porque non encaixo e porque non estou disposta a aceptar que iso me relegue a unha esquina. En realidade son un boliño de pan!

Pasou pola escola de artes Bonobo e co seu selo, Arte Calavera, vai sacar o seu disco.
Si, fun á escola porque eu tiña as miñas propias ideas sobre as bases que quería usar para os meus temas, pero faltábanme recursos para poder facer música electrónica. Cando lles dixen que tiña letras propias comezamos a traballar con elas. Publicar o disco con eles xurdiu case de xeito natural.

"Reivindico a revolución e a transformación social baseadas nos coidados e no agarimo"

O feminismo e o compromiso coa lingua adivíñanse como temas centrais. É así?
Non hai ningún tema especificamente sobre eses asuntos, pero evidentemente están aí, de xeito transversal, porque forman parte de min. Interésame falar de moitas outras cousas nos meus temas.

Con estes intereses e sendo muller, séntese soa no mundo do rap?
Un apunte importante que quizais debería facer aquí é que eu non me identifico co xénero feminino, senón que me considero máis ben unha persoa sen xénero ou transxénero. Penso que o outro é unha construción social e cultural inventada. Con todo, acostumo a usar o feminino para referirme a min. Sobre o que preguntas, o ano pasado sentíame soísima. Pero soísima! Foi a partir de comezar a subir vídeos á rede improvisando que coñecín a Silvia [Mella], de Flow do Toxo, coa que fixen o tema Fastío. Xuntas comezamos a movernos, porque ata hai ben pouco non había tías rapeando en galego. Estaba Aíd, que hai tempo que marchou, e Menina Arroutada... O pasado verán fixemos un encontro de rap e regueifa feminista, no Quilombo, e xa foi algo. Estamos contactando e coñecéndonos. Para este ano, de feito, queriamos seguir tecendo redes organizando un encontro transfeminista de artistas para falar e sentirnos arroupadas. Porque é certo que cando eres diferente e vas contra a norma, e eu vou contra a norma a saco, exposte moitísimo e necesitas apoio. Por exemplo, cando vas a unha batalla de galos necesitas sentirte forte, porque vas soa contra os lobos. Se sabes que detrás tes quen te acompaña, lévase mellor.

"Hai que escoitar á disidencia. Estou aquí para dar voz aos que non encaixan, para falar das cousas que se agochan"

"A miña escola non é o rap, é o feminismo", din en Fastío.
Iso dío Silvia. Represéntaa máis ben a ela, aínda que eu podo coincidir máis ou menos con iso. É que o rap é un mundo súper xerárquico, no que tes que estar demostrando todo o tempo o que vales, que tes talento... É un mundo moi podre nese sentido. E Silvia coñéceo ben, viviu moitas cousas. Por iso o di. Esa escola de machiños evidentemente non nos representa. Ela empoderouse no ámbito feminista. Por iso o di. No meu caso, a miña escola foron moitas cousas: o rap, por suposto, pero tamén a regueifa e máis. A min o que me interesa é reivindicar a revolución que pasa pola transformación social baseada nos coidados e no agarimo. Hai que escoitar á disidencia. Eu estou aquí para dar voz aos que non encaixan, para falar das cousas que se agochan. E para curarme.

"Vou contra a norma a saco"
Comentarios