Rafa Domínguez: "A guinda do noso proxecto cultural será a Bienal de Arte"

Prometeu recuperar a Bienal de Arte. Prometeu atoparlle unha nova sede ao Ateneo. Cesou ao director do Museo para nomear á que será a primeira muller nese cargo en máis de 90 anos. E decidiu dar de lado o proxecto para o antigo convento de Santa Clara para empezar un de cero. "Non me poden acusar de non facer cousas", di Rafa Domínguez.
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, diante do Museo. GONZALO GARCÍA
photo_camera O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, diante do Museo. GONZALO GARCÍA

"O balance que podo facer dos meus primeiros 100 días na Vicepresidencia é bo. Cambiamos a dirección do Museo, anunciamos a recuperación da Bienal de Arte...", empeza a enumerar Rafa Domínguez (Pontevedra, 1976). "Non me poden acusar de non facer cousas. Estamos traballando moito e moi ben. E penso que na boa dirección". Especialista en Medicina Interna (que segue a traballar no que era o hospital privado da súa familia, hoxe Hospital Quirón), entrou a formar parte da Executiva local do Partido Popular (PP) en 2014. En 2019 presentouse por primeira vez ás eleccións como candidato popular. Como número un volveuse presentar este ano, cando o PP recuperou a Deputación Provincial. Nesta institución ocupa dende o pasado xullo unha das vicepresidencias, a que se ocupa do Museo de Pontevedra.

Pediulle algún consello ao seu antecesor no cargo, César Mosquera?
Teño unha boa relación persoal César Mosquera. Tivemos dúas conversas sobre a Deputación e sobre o Museo e foron enriquecedoras. Non ten por que darme consello ningún. Os dous falamos sinceramente do que pensamos.

E a Ana Isabel Vázquez?
Pregunteille pola Bienal de Arte, si. Pero a verdade é que chamei a ducias de persoas para saber sobre determinados temas. Non teño complexos en chamar a quen eu entenda que pode darme información, axudarme ou darme unha visión diferente sobre un asunto.

Preguntáballe por Vázquez porque ela foi a deputada que tomou a decisión, moi controvertida no seu momento, de eliminar a Bienal.
Era un momento de crise económica moi severa e os concellos non entendían que se gastase diñeiro nunha bienal de arte. Nun primeiro momento anunciouse un aprazamento, pero despois non se chegou a retomar nin pola súa parte nin por parte do Goberno do PSOE e do BNG. Así que esta é unha aposta que facemos pola arte en Pontevedra. Temos un modelo de cidade recoñecible internacionalmente. Iniciouno o señor Lores e nós apoiámolo. Pero entendemos que hai un estancamento. Cal é o próximo movemento de Lores? Pechar outra rúa? A miña aposta é que este modelo pode aproveitarse para crear sinerxias co mundo da arte e da cultura. E o Museo ten que ser o epicentro das actividades culturais de Pontevedra. Esta ten que ser unha cidade cultural de referencia e non o é. E a guinda do noso proxecto cultural é esta Bienal de Arte, que queremos que volva colocar a Pontevedra no mapa nacional e internacional.

Faremos esta bienal con moito agarimo porque, se os regresos xa sempre custan moito, esta é toda unha resurección

A última custara arredor de medio millón de euros. Andará por aí o seu orzamento? Será maior? O da reforma de Santa Clara, estimada polo anterior goberno en 20 millóns de euros, xa dixo que se quedaba curta.
Non temos aínda pechado o orzamento, pero pode ser esa cantidade da que falas ou algo máis. O que si que temos é que facela con moito agarimo porque, se os regresos xa sempre custan moito, esta é toda unha resurrección. O que é seguro é que lle pediremos a outras administracións que participen, tanto á Xunta como ao Concello, porque é algo que pode atraer a moitísima xente a Pontevedra e, polo tanto, vai ter unha repercusión económica altísima. 

Outra controversia importante que enfrontou Ana Isabel Vázquez foi a situación na que están os fondos arqueolóxicos do Museo, especificamente, no seu caso, os miliarios romanos. Santa Clara dáballe solución a esa situación, pero vostede xa anunciou que non irán para aí.
Non, non anunciei iso.

Non deu a entender que ao rexeitar o proxecto previsto non se trasladarían aí?
Non, eu o que dixen é que non se ía executar esa actuación tan agresiva no xardín e que non se colocaría aí ese almacén e ese laboratorio de restos arqueolóxicos. Estamos vendo aínda onde se colocarán os miliarios e os fondos arqueolóxicos. Dende o pasado luns, a nova directora está deseñando un novo proxecto museístico que incluirá onde se instalarán os miliarios. Aínda non está decidido.

Eu non dixen que os miliarios e os fondos arqueolóxicos non se instalarán en Santa Clara. Iso será decisión da directora

Barállase construír unha nova construción para darlle saída ao problema do tratamento e depósito deses restos? Fóra da cidade de Pontevedra?
Estamos estudando distintas posibilidades. Volvemos ao que xa teño comentado: a importancia que ten Santa Clara dentro da cidade, tanto o convento como os xardíns. Insisto no dito: discrepo absolutamente coa decisión de cargarse eses xardíns e non entendo que Lores e Mosquera quixeran facelo. Repito: falamos dunha escavación de 2.500 metros cadrados para convertir iso nun almacén de restos arqueolóxicos. Non o admito. Non pode ser que se lle dea solución a un problema do Museo así. Hai un millón de sitios mellores. Estamos traballando niso, en ver a onde se poden levar e como se poden clasificar. Pero que non conten comigo para cargarme os xardíns de Santa Clara e menos para facer un depósito de restos arqueolóxicos de segunda categoría, que non teñen a entidade suficiente para ser expostos. Agora ben, no proxecto museístico que está deseñando a nova directora é onde se vai especificar que coleccións van aos edificios centrais e que coleccións irán a Santa Clara. Aí poderían estar perfectamente os miliarios. Será decisión dela.

Rafa Domínguez na Sala Castelao do Museo. GONZALO GARCÍA
Rafa Domínguez na Sala Castelao do Museo. GONZALO GARCÍA

Porque o proxecto museístico tanto dos denominados edificios centrais como de Santa Clara vaino deseñar directamente Ángeles Tilve co seu equipo?
Por suposto. Iso é cousa da dirección do museo. Ela e o seu equipo son os que saben. Cando exista ese proxecto será cando se lle poida trasladar aos arquitectos. Por iso se está traballando a toda velocidade nel. E por iso é tan importante que o faga alguén que coñeza moi ben o Museo.

Insiste en conservar "a esencia" dos xardíns de Santa Clara e refírese ao seu valor, pero na primeira achega que se fixo dende O Areeiro só se sinalaba a importancia dunha ducia de árbores. Pola contra, tanto no informe que se lle pasou á Deputación como na intervención pública da directora da estación fitopatolóxica, Carmen Salinero, fíxose fincapé no caótico do espazo e na cantidade de exemplares que hai mortos ou enfermos.
Pero eu non me refería ao valor de pezas concretas, senón ao valor dun xardín que leva 400 anos pechado ao público. Referíame ao valor dese espazo verde en xeral. Non debe haber moitos xardíns desas características, no centro dunha cidade, dos que poida dispoñer de repente a cidadanía. Cando falo de protexer eses xardíns non me refiro a protexer plantas en concreto senón o espazo en xeral. O meu compromiso é que calquera pontevedrés que acceda a el poida atopar a esencia do que foi un espazo restrinxido ao público durante 400 anos. Pero é que ademais é moito máis barato e moito máis operativo facer unha nave en calquera outro sitio para que funcione como almacén e laboratorio de tratamento arqueolóxico que facer esa gran escavación en Santa Clara.

Recoñeceu que un dos proxectos presentados ao concurso público lle gustaba, pero ante a posibilidade de rescatalo...
Non, non é que me gustara, ollo. O que dixen foi que un dos estudios, aínda sabendo que perdería o concurso porque non se axustaba ás bases, presentou un proxecto no que se defendía que había que preservar o espazo dos xardíns. Utilicei ese exemplo para defender a miña argumentación. Non quería participar nunha agresión desas características. Pero tamén dixen que os estudios fixeron todos un gran traballo. A min non me gustaba un máis que outro. 

O que quería preguntarlle é se tamén descartaba recuperar a algún deses estudios finalistas [Nieto Sobejano, Kaan Architecten, David Chipperfield-Carlos Seoane, Kengo Kuma e Snohetta-Alfonso Penela] para desenvolver o novo proxecto.
Todo o contrario. Poden volver a presentarse e, de feito, parten cunha vantaxe clara porque coñecen ben Santa Clara xa que puideron estudar o convento a fondo. Invitámolos a participar no proceso que se abra agora. Nós imos facer as cousas dereitiñas e ben. E de forma rápida. As cousas hai que pensalas, pero no momento no que se toma unha decisión hai que executala de vez. 

Invítaos a participar porque se vai convocar outro concurso?
A idea que temos é rematar primeiro o proxecto expositivo. Despois abrir un proceso de licitación e finalmente proceder coa adxudicación. Non vai ser a dedo.

Imos facer as cousas dereitiñas. Santa Clara terá un proceso de licitación e despois adxudicarase. Non vai ser a dedo

Estáselle acusando dende a oposición política do mesmo do que tamén se lle acusou aos seus predecesores: de dirixir na sombra o Museo de Pontevedra. Faino?
Eu non sei de arte. Polo tanto, malamente podo dicir que se faga isto ou o outro. Do que si presumo é de ter bastante sentido común. Iso é o que me levou a prescindir do anterior director, que tiña un proxecto que eu non comparto no seu punto fundamental. E volvo repetir: Xosé Manuel Rey ten o noso agradecemento pola súa enorme profesionalidade e parte do seu traballo vai servir para deseñar o que será o futuro de Santa Clara. Forma parte da historia do Museo de Pontevedra e ten as portas abertas para o que necesite.

Xa atopou espazo para o Ateneo de Pontevedra?
O espazo existe, pero o problema é que eu non sabía que as xuntanzas do Ateneo, segundo me informaron, non son en horario laboral, digamos. Poden ser ás oito, ás nove ou ás dez da noite. Dar cun espazo que teña esa dispoñibilidade é difícil. Igualmente manteño o meu compromiso de axudarlles a resolver este tema. Farémolo seguro.

Non me meto a nivel estatal, pero nesta Deputación honrarase ás persoas que traballaron por Galicia e foron asasinadas

Tamén se reuniu coa Fundación Bóveda e coa Fundación Castelao e ás dúas lles prometeu colaboración. Non ten medo de non poder cumprir tantas promesas?
A idea é que os orzamentos despois me permitan cumprir. Verémolo nos próximos meses. Polo momento, a Fundación Bóveda foi recibida e ten o meu compromiso de que axudar a poñer en valor o nome de Bóveda. A Fundación Castelao, outro tanto: non fora recibida durante oito anos nesta Deputación. Sendo o Museo o depositario do legado de Castelao, esta colaboración ten que darse. 

Foi o primeiro líder do PP pontevedrés que participou no Día da Galiza Mártir. Este ano, xa como vicepresidente provincial, puxo no monumento da Caeira un ramo de flores no nome da Deputación. Pero acusóuselle de hipocrisía porque, ao tempo que vostede facía iso, Alberto Núñez Feijóo prometía derogar a Lei da Memoria se chegaba ao Goberno. Non caen nunha contradición?
Eu coas decisións que se toman a nivel estatal non me meto. Non son avogado e non sei que quere derogar exactamente o señor Feijóo desa lei, pero seguro que ten os seus motivos. Eu o que podo defender son as miñas actuacións e dende esta vicepresidencia da Deputación honrarase a memoria das persoas que traballaron por Galicia e foron asasinadas. Entre elas Bóveda. Da mesma maneira penso que todas as institucións debemos colaborar en axudar á xente que perdeu familiares, do bando que fosen, a atopalos, sabendo que en Galicia estas vítimas foron maioritariamente do bando perdedor. 

"Esta é unha cidade ideal para atraer nómades dixitais"

Vostede, que ten sido tan crítico co alcalde, Lores, ao que acusa de non apoiar ao empresariado nin de favorecer a industrialización da comarca, que ten pensado facer como responsable de Promoción Económica na Deputación? 
O primeiro que vou facer é ir ao polígono de Barro, que medrou exponencialmente. O que quere dicir que cando ofreces un espazo en condicións, as empresas van de forma masiva. Os políticos non podemos conseguir que as empresas veñan, pero podemos crear as condicións adecuadas para que as empresas se instalen. En Pontevedra non se crearon condicións deste tipo nos últimos 24 anos. Só se lle puxeron trabas. Aquí conseguir unha licenza leva dous anos como pouco. A xente cansa e marcha para Vigo. Sen entrar no ataque político continuo a calquera empresa que está instalada legalmente. 

O de Barro e o de Lalín son os dous polígonos que dependen da Deputación. Como van ocupalos?
Imos crear as mellores condicións posibles para que quen necesite chan poida dispoñer del. Pero é que se pode ir máis alá dos polígonos. Por exemplo, tratando de atraer a nómades dixitais a Pontevedra, que é unha cidade ideal para eles. Pola miña parte, non coñezo nin unha soa medida tomada polo señor Lores neste sentido nin na de reducir os tempos das licenzas nin en ningún outro dentro deste ámbito. 

O outro día concedéuselle unha subvención directa ao Concello de Arbo. Van volver entregarse subvencións nominativas na Deputación?
Foi un caso excepcional e conta cos informes favorables tanto do interventor como dos servizos xurídicos. Así se lle explicou á oposición. Respondeuse desta maneira a unha situación de emerxencia.

Compatibiliza o seu cargo na Deputación co liderado da oposición no Concello e co exercicio da medicina no Hospital Quirón. Pode con todo?
Estou podendo. Todo se reduce a unha cuestión organizativa, aínda que efectivamente a que sofre é a familia. Á vicepresidencia estoulle dedicando todas as tardes. No caso do grupo municipal, levo traballando con este equipo fantástico cinco anos e confío plenamente nel. Con el gañamos as eleccións, non o esquezamos, así que mal non o fai. E son xefe do servizo de Medicina Interna en Quirón porque esta é a miña profesión e sei que se a abandono, aínda que sexa temporalmente, despois custa volver. A maiores sinto que exercer, que pasar consulta, me axuda a manter os pés no chan.