La RAG inicia la búsqueda de un presidente para la era Feijóo

O actual presidente da RAG, Xosé Ramón Barreiro. (Foto: AGN)
photo_camera O actual presidente da RAG, Xosé Ramón Barreiro. (Foto: AGN)

A Real Academia Galega (RAG) inicia o venres o camiño que rematará cun novo presidente desta institución.  O 18 de decembro Xosé Ramón Barreiro vaise tras esgotar o seu mandato e mantendo en pé a liña aperturista iniciada por Del Riego e, aínda que non se presentaron candidaturas e o proceso electoral non comezou, existe entre os académicos un consenso que aposta pola continuación coa renovación desta entidade e a salvargarda da súa independencia política.

Soa con forza o nome do escritor Xosé Luís Méndez Ferrín como candidato a suceder a Barreiro. Dende Vigo, o autor de 'Con pólvora e magnolias' afirma que todo isto son ''especulacións'' e lembra que o proceso electoral comeza o venres e non antes, polo que ''non é o momento de facer declaracións''. Porén, expresou que sería ''desexable'' que o novo presidente fose decidido por consenso, ''pois así funciona a Academia''.

A opción de Ferrín conta con varios apoios. Hai uns días Xosé Ramón Barreiro cualificaba como ''irreprochable'' o traballo que o escritor, eterno candidato de PEN Clube de Galicia ao Premio Nobel, desenvolveu na Academia Galega. Algúns, como Francisco Fernández Rei, ven nel a unha persoa capaz de englobar un consenso. Así, só ten gabanzas para o seu traballo na revista 'A trabe de Ouro', ''onde foi capaz de integrar un equipo de xente moi diversa''.

Outros académicos veñen amosando publicamente o seu apoio á opción de Ferrín, como é o caso de Margarira Ledo, Darío Xohán Cabana ou Ramón Lorenzo. Por outra banda, outros como Xesús Alonso Montero ou Xosé Luís Franco Grande, quen se teñen amosado críticos co actual curso da RAG, non confían nesta aposta.

Segundo informaron diversos medios de comunicación, ate este xoves Méndez Ferrín foi a única persoa que comunicou a súa dispoñibilidade para ocupar o cargo que abandona Barreiro a través de cartas persoais aos diversos académicos.

Nun prazo máximo de tres meses

O venres comeza o proceso electoral na RAG. Éste, segundo os estatutos da institución, pode durar ate un máximo de 3 meses. Mais a Academia non quere agotar ese espazo de tempo. O que será o presidente en funcións dende o 18 de decembro ate a escolla do novo presidente, o actual secretario Manuel González, ten declarado a súa intención de que o proceso sexa o máis breve posible e que xa haxa novo presidente para o mes de febreiro.

Desta forma, será o presidente en funcións o encargado de convocar o plenario no que se escollerá ao novo presidente. As candidaturas poderán presentarse ate 48 horas antes desa xornada. Segundo os estatutos cada candidatura deberá ir avalada alomenos por 3 académicos.

Nas candidaturas tamén van incluidos os postos que poderían formar parte da Executiva, polo que para a existencia dunha candidatura única, e seguindo co espírito de consenso que reina na RAG, ademáis do presidente poderían ter lugar negociacións para consensuar o resto da lista. Fernández Rei advirte que na institución ''hai tantas sensibilidades como académicos'' e que ademáis de presidente e Executiva o verdadeiro órgano de decisión é o plenario.

Unha etapa difícil

O novo presidente terá que ser a cabeza da Academia nunha etapa na que as políticas lingüísticas da Xunta liderada por Feijóo xerarán un amplo debate na sociedade. A preocupación da RAG xa se deixou ver cando no mes de setembro Xosé Ramón Barreiro recomendou ao presidente da Xunta ''sosegar e tranquilizar e non crear problemas'' nunha sociedade que ''está crispada co tema do idioma''.

O que si parece claro é o obxectivo de continuar coa ''liña aperturista'' iniciada durante a presidencia de Francisco Fernández del Riego, cando se iniciou unha etapa de ampliación no número de académicos coa entrada de diversos persoeiros do mundo das letras que anteriormente non terían cabida.

Comentarios