A RAG celebrará o pleno do Día das Letras Galegas en Cerdedo-Cotobade

A institución perfila a conmemoración do 17 de maio co concello de Antonio Fraguas

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, asinando no libro de honra da RAG ante Freixanes e Monteagudo. RAG
photo_camera O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, asinando no libro de honra da RAG ante Freixanes e Monteagudo. RAG

Cerdedo-Cotobade será o escenario principal da conmemoración do Día das Letras Galegas deste ano. A localidade natal de Antonio Fraguas, o persoeiro homenaxeado o vindeiro 17 de maio, será sede do pleno extraordinario que a Real Academia Galega (RAG) celebrará nesa xornada. Ese é o acto central do Día das Letras Galegas, xunto con outro, de carácter institucional, que vén celebrando tradicionalmente a Xunta de Galicia xusto antes do da Academia e que acostuma a ter lugar no mesmo lugar.

A información fíxoa pública este martes a RAG trala reunión que mantiveron membros da executiva da Academia con representantes do Concello de Cerdedo-Cotobade, co alcalde, Jorge Cubela, á cabeza. O obxectivo era ir perfilando os detalles da celebración arredor da figura de Antonio Fraguas Fraguas, nacido en Loureiro, Cotobade, en 1905 e finado en Santiago de Compostela en 1999.

COLEXIOS. O presidente da RAG, o pontevedrés Víctor Fernández Freixanes, o secretario, Henrique Monteagudo, a arquiveira-bibliotecaria, a tamén pontevedresa Fina Casalderrrey, e o vicesecretario, Andrés Torres Queiruga, reuníronse co rexedor nunha xuntanza na sede da Academia na que tamén participaron a técnica de cultura de Cerdedo-Cotobade, Mónica González, e Ana Campos Ricoy e Francisco Javier Guimarey Mariño, directora e director do CEIP de Tenorio e do CEIP Plurilingüe de Carballedo, dous colexios de Cerdedo-Cotobade.

"Ademais de abordar a organización do Día das Letras Galegas, na xuntanza acordouse que a presentación da nova edición do proxecto web da RAG Primavera das Letras terá lugar o 28 de febreiro en Cotobade, da man da súa comunidade educativa", informa a RAG. "Primavera das Letras fornece o alumnado de infantil e primaria de recursos lúdicos e didácticos para achegalo ao universo vital e creador da figura homenaxeada cada 17 de maio, nesta ocasión Antonio Fraguas".

O persoeiro homenaxeado pola Academia este ano foi director e presidente do Museo do Pobo Galego, "profesor depurado polo franquismo e querido polo alumnado, narrador oral excepcional e intelectual cunha popularidade pouco común", explica a Academia.

Fraguas dedicou a vida ao estudo da cultura e do territorio galegos desde distintos eidos, con especial atención á etnografía e á antropoloxía. "Cos seus traballos e conferencias contribuíu ademais a defender o galego como lingua de expresión válida para calquera coñecemento".

PONTEVEDRESES. A Real Academia Galega escolleu homenaxear nos últimos sete anos a catro escritores e estudosos pontevedreses de perfís variados: Valentín Paz-Andrade (2012), Xosé Filgueira Valverde (2015), María Victoria Moreno (2018) e, agora, Antonio Fraguas (2019). Os actos centrais en 2012 na honra de Paz-Andrade, nacido en Lérez, tiveron lugar en Vigo, se ben a capital da provincia acolleu distintas homenaxes e unha ofrenda floral no cemiterio no que está enterrado.

En 2015, Xosé Filgueira Valverde protagonizou un dos Días das Letras Galegas máis polémicos dos últimos anos. O acto central da RAG tivo lugar no Museo de Pontevedra. A Xunta celebrou a súa homenaxe no instituto Sánchez Cantón.

O ano pasado foi a vez de María Victoria Moreno, nacida en Estremadura, pero afincada en Pontevedra, onde desenvolveu a súa carreira como autora en lingua galega. O Teatro Principal, ao igual que xa pasara en 2002 co Padre Sarmiento, acolleu o pleno da Real Academia Galega. O instituto Torrente Ballester, no que a escritora se xubilou e ao que lle doou a súa biblioteca, foi o escenario no que a Xunta organizou a súa actividade do 17 de maio.

No caso de Antonio Fraguas mantíñase a dúbida de se a Academia celebraría os actos en Santiago, onde o autor desenvolveu a súa carreira, ou na súa localidade natal, dende onde se fixo campaña en apoio á súa candidatura para ser homenaxeado no Día das Letras. Finalmente, a RAG decidíu conmemorar a xornada en Cercedo-Cotobade.

Vida e obra. Clodio González asina a biografía da web da Academia
A Real Academia Galega vén de publicar en academia.gal, na sección Letras Galegas, unha biografía de Antonio Fraguas, escrita polo académico correspondente Clodio González. Segundo informa a RAG, o espazo seguirá a se alimentar ao longo deste ano con imaxes, documentos, novas, reportaxes e entrevistas arredor dun home que desde mozo desenvolveu un importante traballo "desinteresado, silandeiro e constante a prol da nosa cultura, sen nunca agardar nada a cambio", salienta o biógrafo.

O presidente da Academia inaugurou ademais o ano na sección Tribuna cun artigo no que, alén da súa crónica vital "construída desde a coherencia e a lealdade ao seu país", destaca a utilidade pedagóxica da figura de Antonio Fraguas. "Abre para todos nós a explicación profunda da nosa identidade: o tesouro inmenso da cultura popular", conclúe Freixanes, en palabras facilitadas pola RAG.

Comentarios