A RAG dedicará o Día das Letras á sarriá Xela Arias pola súa poesía "transgresora"

A escritora e tradutora será homenaxeada en 2021 para recoñecer ademais a dimensión pública e comprometida da súa vida "tomando sempre posición a favor da lingua galega"
Xela Arias.AEP
photo_camera Xela Arias.AEP

A Real Academia Galega dedicaralle a Xela Arias (Sarria, 1962 – Vigo, 2003) o Día das Letras Galegas de 2021. O Pleno da institución acordou na sesión celebrada onte pola tarde homenaxear o ano que vén a quen foi unha das voces máis destacadas da poesía galega contemporánea. Xela Arias é autora dunha poesía "singular, transgresora, sincera e comprometida" que será celebrada ao longo dun 2021 durante o cal a RAG lembrará ademais o seu labor como editora e tradutora que verteu milleiros de páxinas de clásicos universais ao galego.

Por idade, formou parte dun grupo de poetas que tamén recibirán a homenaxe da RAG a través dela: o dos mozos e mozas que renovaron a poesía a partir dos primeiros 80 en temas, estilo e forma. Pero a dela é unha desas voces singulares e inclasificables, de tal maneira que —en palabras de Ana Romaní— "o seu é un nome que se pronuncia sen xeración".

"A protagonista das Letras Galegas 2021 concibía a poesía como un xeito de indagar e cuestionar a orde das cousas, de describir o que se aprende a ocultar. A pescuda do eu fonda e reflexiva, a afirmación do corpo feminino, a perspectiva de xénero e a procura de novos espazos para a poesía mediante a recitación ou o diálogo coa fotografía, a música e a pintura, son algúns dos trazos destacados da súa voz como creadora, que anticipou nos anos 80 do século pasado moitos temas e características formais da poesía galega da década seguinte", resaltaron desde a institución galega.

Os primeiros versos sairon en revistas e xornais nos anos 80


Os primeiros versos que Xela Arias publicou sairon en distintas revistas e xornais dende os primeiros anos 80. En 1986 foi finalista do premio Losada Diéguez co seu primeiro libro, Denuncia do equilibrio. Cunha linguaxe rupturista, o poemario anticipa liñas da poesía dos 90 e expón unha imaxinaría construída a través da incerteza, tomando a violencia e a animalidade como eixes.

En 1990 saíu do prelo ‘Tigres coma cabalos’, volume no que os versos e a fotografía se fusionan a través de vinte e catro poemas acompañados doutras tantas imaxes, a maioría de corpos espidos, entre eles o da propia autora. No seu terceiro poemario, Darío a diario (1996), dedicado ao seu fillo, abordou a maternidade dende unha ollada afastada do tratamento tradicional. En 2003 chegou o seu derradeiro libro, ‘Intempériome Intempériome’, un chanzo máis na súa exploración para converter a desobediencia e a transgresión en palabra poética. Todos estes volumes, e mais sesenta e dous poemas publicados en revistas e obras colectivas, foron recompilados en Xela Arias. Poesía reunida (1982- 2004) (2018), edición a cargo da profesora e crítica literaria María Xesús Nogueira.

Prestou a voz en mobilizacións cívicas como a do Prestige


A elección de Xela Arias como protagonista das Letras Galegas 2021 recoñece igualmente a dimensión pública e comprometida da vida e da obra da autora. Prestou a súa voz en mobilizacións cívicas —coma as que se produciron tras a marea negra do Prestige— e tomou sempre posición a favor da lingua galega, non só como poeta. Como parte do equipo de Edicións Xerais, onde traballou dende 1980 a 1996, contribuíu ao proceso de fixación da norma do galego. Fíxoo como correctora de estilo e editora, e tamén ao iniciar nos anos 80 un labor pioneiro no mundo da tradución, un eido poucas veces recoñecido, pero que en 2021 tamén será homenaxeado na súa figura.

Entre outros títulos, verteu ao galego dende o inglés, o italiano, o portugués ou o castelán autores e autoras como Bram Stoker (Drácula), Roald Dahl (As bruxas), Angela Carter (Venus negra), Gianni Rodari (Contos ó teléfono), Carlos Oroza (Caballum) ou Jorge Amado (O Gato Gaiado e a Andoriña Señá: Unha Historia de Amor); e formou parte dos equipos que trouxeron á nosa lingua o Quixote de Cervantes ou Dublineses de James Joyce. A súa tradución de Amor de Perdición (1986) de Camilo Castelo Branco foi merecente do Premio de Traduçao da Língua Portuguesa; o seu O derradeiro dos mohicanos (1993) de James Fenimore Cooper foi recoñecido co Premio Ramón Cabanillas de Tradución; e foi galardoada postumamente co Premio de Tradución Plácido Castro (2004) por O Spleen de París de Charles Baudelaire.

Nos últimos anos da súa vida, tras licenciarse en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galego-Portuguesa, Arias foi docente nos institutos de Chapela (Redondela), Álvaro Cunqueiro e Valadares II (Vigo), A Sagriña (A Guarda) e Terra de Xallas (Santa Comba), Paralaia (Moaña), Valle-Inclán (Pontevedra) e Xelmírez II (Santiago).

Infancia na Granxade Barreiros

Infancia na Granxa de Barreiros Xela Arias naceu en A Vilerma, na parroquia sarriá de Maside. Sarriaos eran tamén súa nai Amparo Castaño e o pai, o escritor Valentín Arias. Xela estudou ata os 7 anos na Granxa de Barreiros, un proxecto pedagóxico creado en Ortoá por Antonio Fernández López co obxectivo de integrar a natureza e cultura galegas na parendizaxe escolar. Os compromisos laborais do pais motivaron o seu traslado a Lugo, onde residiu entre 1965 e 1969. Máis adiante o destino foi a parroquia de Sárdoma e finalmente Vigo, cidade á que acabaría vinculando a súa actividade cultural e artística.

Nomeamento

A RAG tamén acordou no pleno de onte nomear académica de número a filóloga Ana Isabel Boullón Agrelo, que ocupará o posto do finado Xosé Luís Franco

Comentarios