A Real Academia Galega programou para o mes de maio a serie Unha palabra para don Ricardo, un conxunto de pequenas pezas audiovisuais sobre a figura de Ricardo Carvalho Calero, que conforman "un retrato colectivo" do protagonista do Día das Letras Galegas 2020.
A serie de microespacios, que comezou a emitirse o venres, difúndese cada día a través da web e das redes sociais da RAG e tamén é televisada pola TVG.
Conta coa participación de académicos e académicas de número, correspondentes e persoas que tiveron algunha relación co autor ao que a Real Academia Galega lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.
Cada participante elixe unha palabra que destaca a característica que, ao seu xuízo, mellor define o homenaxeado ou que retrata un aspecto persoal, unha faceta ou unha obra do autor que valora especialmente.
Comezamos a serie #UnhapalabraparadonRicardo coa lembranza do protagonista das #LetrasGalegas2020 que garda o académico Salvador García-Bodaño. O poeta recorda o discurso de #CarballoCalero no primeiro #17demaio (1963), dedicado a #Rosalía.#CarvalhoCalerohttps://t.co/hjIkEwRUMF
— Real Academia Galega (@AcademiaGalega) May 1, 2020
Compromiso, galego, cabal, poeta, filólogo, galeguista, soñador, lingua, gramática, orador ou independente son algúns dos termos a través dos cales irán debuxando un retrato colectivo que inclúe tamén nalgúns casos a lectura de poemas ou textos de referencia de Carvalho Calero.
"Son intervencións breves que, no seu conxunto, conforman un poliedro de voces, admiracións e afectos", detalla o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes.