Lunes. 10.12.2018 |
El tiempo
Lunes. 10.12.2018
El tiempo

A RAG publica na súa web unha biografía de María Victoria Moreno

María Victoria Moreno. EP
María Victoria Moreno. EP

Marilar Alexandre e Fina Casalderrey foron as encargadas de elaborar a peza

A web da Real Academia Galega (RAG) publicou unha biografía de María Victoria Moreno, autora homenaxeada este ano o Día das Letras Galegas. Deste xeito comezan os actos a favor da difusión do seu legado literario e da súa vida, que concluirán o próximo 17 de maio no Teatro Principal de Pontevedra, onde se celebrará o acto central.

Na biografía, as autoras Marilar Alexandre e Fina Casalderrey percorren os principais títulos de Moreno, desde a publicación en 1973 de Mar adiante -unha das obras pioneiras de literatura infantil galega-, ao compromiso co ensino da lingua e a cultura galegas en pleno franquismo ou o seu labor como editora.

Segundo o texto das académicas, María Vitoria Moreno "contribuíu, xunto a outros autores e autoras da súa xeración, a situar a literatura infantil e xuvenil galega nun lugar digno; a pór en valor o uso da lingua galega, falándoa e escribíndoa ben, a meterse na pel dos personaxes e a gozar coa literatura, coa beleza das palabras".

"Toda a súa vida é un exemplo de compromiso coa causa da lingua galega e da xustiza social", conclúen.

Na biografía, as autoras enmendan a confusión difundida pola propia autora sobre a súa data de nacemento, que foi 1939 e non 1941, como ela afirmaba.

"Filla de malagueña e toledano, nacida circunstancialmente en Cáceres, foi galega por elección", destacan as Aleixandre e Casalderrey, que lembran que Pontevedra foi o seu primeiro destino como mestra en 1965 e onde regresou definitivamente ata o seu falecemento en 1967 tras un par de anos impartindo aulas en Lugo.

Ademais da biografía, na sección Tribuna de academia.gal a académica Marilar Aleixandre publica unha carta aberta dirixida a Moreno na que, entre outras cuestións, destaca a importancia de Pontevedra na vida da autora homenaxeada.

A RAG publica na súa web unha biografía de María Victoria Moreno
Comentarios