O Día das Letras Galegas distingue "o compromiso e lealdade" de Fraguas

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, destacou que coa celebración da figura de Fraguas quíxose reivindicar as "raíces" da lingua e da cultura galega

Acto do Día das Letras Galegas. SALVADOR SAS (EFE)
photo_camera Acto do Día das Letras Galegas. SALVADOR SAS (EFE)

O descubrimento dunha placa na escola de Famelga na que estudou Antonio Fraguas (Insuela, Loureiro, 1905-Santiago de Compostela, 1999), ao carón da carballeira do lugar -"esta catedral de carballos", en palabras do presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Fernández Freixanes-, serviu para inaugurar este venres, en Cerdedo-Cotobade, os actos en homenaxe ao historiador, etnógrafo, antropólogo, xeógrafo, investigador e mestre -"mestre de mestres", para a académica Fina Casalderrey-, ao que este ano se lle adica o Día das Letras Galegas.

A carballeira de Famelga acolleu pola mañá a actividade central da conmemoración do 17 de maio, o pleno extraordinario da RAG, aberto ao público, que se convoca en lembranza da personalidade homenaxeada. Ao seu remate, pasadas as doce e media do mediodía, autoridades, políticos, familiares e veciños trasladáronse á Praza da Chan de Carballedo, no mesmo concello, onde se celebrou o acto institucional da Xunta de Galicia. Un e outro evento tiveron que realizarse baixo carpas por mor da ameaza permanente de chuvia.

ESENCIA. Clodio González, Fina Casalderrey e Francisco Díaz-Fierros foron os académicos encargados de intervir na homenaxe da Academia, "neste lugar importante, onde estaba a escoliña na que o neno Fraguas descubriu a curiosidade polo coñecemento", sinalou Freixanes. "Aquí está a esencia de Fraguas, que construíu o mundo a través das súas raíces".

O profesor Clodio González Pérez foi o encargado de realizar unha semblanza biográfica sobre o homenaxeado, do que destacou "o seu compromiso e lealdade con Galicia". O académico suliñou o interese de Fraguas pola tradición dende que era cativo e dividiu o seu repaso biográfico en seis apartados que coincidían con seis puntos clave da súa vida.

Os dous primeiros fixeron referencia á influencia determinante que exerceron sobre el unha criada que tiña a familia, mamá Antonia (Antonia Pérez Estraviz), que vivía coa súa familia na aldea próxima de Insuela, na parroquia de Loureiro, "analfabeta, pero un manancial inesgotable de sabedoría popular, que espertou no neno a curiosidade por coñecer o mundo dos devanceiros", e o mestre da escola de Famelga, Antonio Vidal Proenza.

A BOA VILA. O terceiro capítulo vital no que se detivo o académico foi o seu paso polo Instituto de Pontevedra, onde pasou a ser "Antonio, o da aldea", e naceu o seu interese polo propio. "Na Boa Vila foi onde espertou no mociño de Loureiro o interese pola terra e pola defensa dos seus, labregos e canteiros".

As súas relacións en Santiago de Compostela, a través do Seminario de Estudos Galegos, con persoeiros galeguistas como Otero Pedrayo, Filgueira Valverde ou Bouza-Brey, "onde mestres de Pontevedra como Losada Diéguez e Castelao pasan a ser compañeiros", foi o cuarto fito que destacou González Pérez da vida de Fraguas.

Os dous últimos foron o ingreso tanto nas Irmandades da Fala como na RAG e a inauguración do Museo do Pobo Galego. A esta última institución adicoulle as dúas últimas décadas da súa vida, nas que foi primeiro director do museo e despois, tras o pasamento de Xaquín Lorenzo, o seu "irmán" Xocas, presidente do padroado, concluíu Clodio González.

"O seu compromiso e lealdade superaron as humillacións e atrancos da Guerra Civil e da posguerra. Venceu aos inimigos, se algunha vez considerou a alguén como tal", dixo o académico, que rematou a súa intervención citando ao homenaxeado: "Eu traballei sempre por e para Galicia. Unhas veces acertei, outras non; pero en todo canto levo feito puxen sempre toda a miña ilusión, todo o pouco que sei, sen esperar nunca nada a cambio".

ARMADURA. "Entregouse á causa do galeguismo sen rancores nin vinganzas, a pesar de ter sido depurado e apartado da educación pública durante anos. Pero a docencia foi a súa armadura para resistir", dixo, durante a súa intervención, a escritora, mestra e académica Fina Casalderrey, que centrou o seu discurso, titulado "O mestre que explorou a cara oculta da lúa", na vocación docente de Fraguas. "Sabio humilde que se entregou á causa galega, foi ante todo un mestre", sinalou. "Mestre de mestres".

Casalderrey, que tamén se referiu ao investigador como "Indiana Jones das corredoiras", tal e como se lle chama no proxecto didáctico "Primavera das Letras" da RAG, destacou a capacidade do homenaxeado para decatarse a tempo da importancia do traballo de campo coa cultura popular, "da urxencia da recollida dun patrimonio inmaterial que se esvaía". E rematou citándoo tamén para suliñar o seu amor pola educación. "Nunca presumín de nada, salvo dunha cousa: os meus alumnos". Segundo concluíu Fina Casalderrey, "o ensino foi o impelente da súa existencia".

Ademais, para a académica, Fraguas foi quen de recompoñer a historia "cos pequenos tesouros que foi atopando, coma quen explora a cara oculta da Lúa, convencido de que tamén nela hai luz: a luz da memoria colectiva".

O encargado de pechar o pleno da RAG, no que tamén interveu Víctor Fernández Freixanes, foi Francisco Díaz-Fierros cunha reflexión sobre o amor pola natureza de Antonio Fraguas. O seu discurso titulouse "Sentimentos da paisaxe en Antonio Fraguas" e centrouse na súa ollada como xeógrafo, da que destacou o interese pola "comuñón do ser humano coa natureza". "Se hai algo que distingue as súas descricións dos vales e ribeiras galegos son as ilustracións literarias que normalmente as acompañan e que recolle do cancioneiro popular ou dos poetas máis identificados co mundo campesiño, como Noriega. Neste senso, amósase de total actualidade, pois hoxe todos os atlas ou catálogos das paisaxes, seguindo as recomendacións do Convenio Europeo, levan sempre ao par das descricións xeográficas as pegadas que a súa percepción estética deixou na literatura ou na pintura", analizou Díaz-Fierros.

AUTORIDADES. Ao acto na carballeira de Famelga asistiron, ademais dos académicos, familiares, políticos e veciños, autoridades como o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; a conselleira de Educación, Carmen Pomar; o presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, e a a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba.

A RAG explicou onte que a celebración da figura de Antonio Fraguas na contorna elixida, na súa terra natal, tiña como obxectivo reivindicar as raíces da lingua e da cultura galegas. "O noso idioma é froito da lealdade durante séculos da xente do común das aldeas e das vilas mariñeiras, que o mantivo vivo mentres permanecía afastado da chamada alta cultura", salientou Freixanes que, despois, en Carballedo, volveu sobre esta idea. "Somos o que foron os nosos avós. Fraguas foi quen de atoparlle a grandeza épica á aldea".

A sesión concluíu coa interpretación do himno galego por parte de integrantes da banda de gaitas e percusión Foula do concello Cerdedo-Cotobade.

As actividades arredor da figura de Fraguas, como lembrou Freixanes, continúan. Entre outras cousas, o homenaxeado o Día das Letras Galegas protagonizará un simposio, a finais de ano na Coruña, na propia sede da Real Academia Galega.

Comentarios