Ramón Piñeiro, del labriego ilustrado al gafapasta que soñó un país en un brasero

Cúmprense hoxe un cento de anos do nacemento en Láncara do intelectual que impulsou a xeración Galaxia, aglutinou o galeguismo interior na súa mesa camilla e puxo as trabes da Galicia autonómica
Ramón Piñeiro e a súa dona, Isabel López, nunha foto escolmada da fotobiografía que prepara Galaxia
photo_camera Ramón Piñeiro e a súa dona, Isabel López, nunha foto escolmada da fotobiografía que prepara Galaxia

Ramón Piñeiro foi «un campesiño ilustrado», en palabras do actual presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares. E tamén «un gafapasta que soñou un país», segundo o seu afillado e crítico cultural Grial Parga. O home que veu ao mundo o 31 de maio de 1915 no lugar lancarés de Armea de Abaixo foi un neno pegado a un libro a quen «a cousa da aldea nunca lle gustou», como lle contaría o seu irmán Aníbal Piñeiro á xornalista de El Progreso Ana Casanova co gallo de ser merecedor do Día das Letras en 2009.

«Galego de nación e de cultura europea», resume o académico da Real Academia Galega (RAG) Henrique Monteagudo, quen ultima para Galaxia unha fotobiografía sobre Ramón Piñeiro que verá a luz en novembro deste ano.

A contorna que viu nacer a Ramón Piñeiro hai hoxe un cento de anos foi a casa labrega que compartían o oficial primeiro do Concello de Láncara Salvador Piñeiro García e Vicenta López Fernández, que tivo tamén cartería. Ramón foi o segundo dos cinco fillos e, nas lembranzas do seu irmán Aníbal, converteuse cedo nun sabio adolescente a quen os vellos lle preguntaban polo que acontecía no mundo, xa que «o deus del eran os libros e os xornais».

O neno Ramón viu por primeira vez a luz eléctrica en Lugo, segundo o relato da súa irmá Consuelo a Ana Casonova. Na cidade bimilenaria agromaría a súa socialización política, coas Mocidades Galeguistas, como ten apuntado Villares, que nas vésperas do Día das Letras de 2009 lembrou que en Lugo viviu Piñeiro unha das súas experiencias máis arriscadas, «ao ser detido o 20 de xullo de 1936 por defender a legalidade. Salvou a vida por un pequeno milagre».

A xeira luguesa do adolescente Ramón aconteceu en dúas etapas, xa que se vira interrompida polo tempo que botou en Sarria como contable da familia Cortiñas.

Rememora Mercedes Vázquez Saavedra, na súa obra ‘Ramón Piñeiro, do Val de Láncara a Compostela’, que o mozo de 15 anos atopou no vello señor Pedro unha alma xemelga con quen compartiu lecturas de xornais e suscricións a El Pueblo Gallego e O Sol, entre outros. Este interludio sarriao serviu para que as inquedanzas políticas de Piñeiro se fixeran «conscientemente galeguistas», nas súas propias verbas.

A consciencia adquirida na tenda dos Cortiñas tivo como catalizador un mítin de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao no Lugo da preguerra e como aliados a Ánxel Fole e Luis Pimentel, con quen Ramón Piñeiro compartiu tertulias antes de verse obrigado a mudalas polas cociñas marciais e o rancho de repolo durante a Guerra Civil.

Explica Monteagudo que Piñeiro pagou con cárcere en 1946 a súa actividade clandestina. «Non houbera moitos presos políticos galegos naquela altura que non o tivesen sido xa antes», engade.

O labor posterior do pensador de Láncara correspóndese cos períodos máis coñecidos e tamén máis controvertidos da súa biografía: os anos 50, nos que agromou a xeración Galaxia; a finais dos sesenta e nos estertores da didatura, o tempo socrático da mesa de braseiro no seu domicilio compostelán, e xa na Transición, coa súa participación e impulso das estruturas da nacente autonomía galega.

Monteagudo entende que poida haber discrepancias e unha «crítica razoable» co proceder de Piñeiro, pero rexeita «a lenda negra» que sinala o intelectual como o gran felón do nacionalismo político en favor do que se deu en chamar a vertente «culturalista».

«Son ideas palmariamente falsas que van contra a realidade histórica», incide Monteagudo, quen sinala que Ramón Piñeiro mantivo unha relación excelente con membros destacados do nacionalismo do exilio, como Blanco Amor, Luis Seoane e Rafael Dieste, e que mesmo o comunicado que fixo público a Fronte Popular Galega na morte de Piñeiro evidencia «unha relación de amor/odio» co petrucio da cultura galega.

Sostén Monteagudo que a actuación de Piñeiro, as súas rupturas coas etapas anteriores, responden a unha evolución no pensamento e á acción dunha persoa formada «na tradición democrática republicana», pero en ningún modo «a unha conspiración contra o nacionalismo».

Lamenta o académico certa tentación «cainita» do nacionalismo galego e sinala tamén «acoitelamentos simbólicos» como o que disque lle inflixe Xosé Luís Méndez Ferrín a Piñeiro en ‘Retorno a Tagen Ata, onde o personaxe Ulm Roam, un intelectual pactista non revolucionario, ten sido interpretado como un trasunto satírico de Piñeiro, aínda que o propio Ferrín o teña negado algunha vez.

Por contra, Monteagudo explica que Piñeiro achega un pensamento novidoso para os seus coetáneos ao defender unha autonomía galega dentro dun federalismo europeo, «no que non teñen sentido a soberanía nacional e a autodeterminación», que é rexeitado de plano pola xeración máis nova, «un nacionalismo marxista, antiimperialista e anticolonialista» e que xa naceu sen coñecer máis realidade que a ditadura.

Nas primeiras eleccións democráticas, Ramón Piñeiro concorre na listaxe ao Senado da Candidatura Democrática Galega, a carón de Isaac Díaz Pardo, «e pola provincia de Lugo».

Pouco despois, é un dos asinantes do manifesto Realidade Galega, xunto a persoas como García Sabell, Rafael Dieste «ou mesmo Carvalho Calero» para finalmente abrazar as ringleiras do PSdG como independente, cabo de Carlos Casares ou Benxamín Casal, camaradas de Galaxia.

«É outra ruptura no pensamento de Piñeiro, que defendera sempre a necesidade de artellar partidos galegos en todo o espectro ideolóxico: democristiáns, socialdemócratas..., pero galegos», explica Monteagudo. Engade que Piñeiro procurou un espazo o máis coherente posible coas súas ideas, co obxecto de salvar o Estatuto de Autonomía, nun contexto no que o BNPG era «antiautonomista e pro autodeterminación».

Interpreta Monteagudo que moitos «dos mellores aspectos da Galicia que vivimos hoxe saíron da cabeza de Piñeiro». Quizais dese voto de investidura que os deputados de Galaxia do PSdG lle deron ao seu compañeiro de xeración Fernández Albor para ser investido como presidente da Xunta por Alianza Popular. «É unha xogada da que nacen as trabes fundamentais da realidade galega, pola que se conseguen un estatuto de primeira, a Lei de Normalización Lingüística e a creación do Consello da Cultura Galega».

Grial Parga vai un chisco máis aló: «É posible que a Galicia que imaxinaba estivese a varios anos luz de distancia da verdadeira».

Henrique Monteagudo Académico da RAG e autor dunha fotobiografía sobre Ramón Piñeiro A suposta traizón de Ramón Piñeiro ao nacionalismo político é unha lenda negra, ideas palmariamente falsas que van contra a realidade histórica»

Piñeiro defende unha autonomía galega dentro dun federalismo europeo onde cre que non teñen sentido a soberanía nacional nin a autodeterminación»

Moitos dos mellores aspectos da Galicia que vivimos hoxe saíron da cabeza de Ramón Piñeiro»

Aníbal Piñeiro Irmán de Ramón Piñeiro A cousa da aldea nunca lle gustou; o deus del eran os libros e os xornais e os vellos preguntábanlle o que acontecía no mundo»

Ramón Villares Presidente do Consello da Cultura Galega Piñeiro foi detido o 20 de xullo de 1936 en Lugo por defender a legalidade. Salvou a vida por un pequeno milagre»

Grial Parga Afillado de Ramón Piñeiro e crítico cultural É posible que a Galicia que imaxinaba Ramón Piñeiro estivese a varios anos luz de distancia da verdadeira»

Comentarios