Ramón Rozas: "O universo propio de Camilo Camaño é a liberdade"

Un libro asinado polo xornalista Ramón Rozas recolle aspectos da vida e da obra do coñecido artista morracence ►O traballo preséntase hoxe ás 20.30 horas no Museo Massó de Bueu
O xornalista Ramón Rozas
photo_camera O xornalista Ramón Rozas

O Museo Massó acolle esta tarde a presentación do traballo do xornalista Ramón Rozas titulado ‘Camaño Xestido. Na procura dun mundo propio, unha viaxe do barro ao branco’, que versa sobre a obra do coñecido artista morracense.

Segundo explicou Rozas, este novo volume de A Mangallona está feito a partir dos textos elaborados polo xornalista, que se completan con imaxes do artista morracence. O traballo xurdiu «a partires dunha visita que fixen á Mangallona e de coñecer a súa obra», comeza explicando Rozas, que destaca que o libro describe tanto a obra como o percorrido vital do artista a través dos seus distintos xeitos de entender a arte.

Reflicte «a busca de todo artista de tentar crear un universo propio, que no caso de Camilo Camaño é a liberdade. Crea como, cando e onde quere e non está suxeito a modas. O seu traballo é unha resposta ao que vai sentindo», afirma o autor do libro.

«Faime moita ilusión poder colaborar coa Mangallona e que os meus textos acompañen os cadros de Camilo Camaño»

Rozas destaca tamén a «diversidade temática» de Camilo Camaño, que abrangue debuxo, pintura e escultura e subliña «o seu xeito de facer retratos».

O contido do traballo asinado por Ramón Rozas destaca tamén «a súa preocupación polo patrimonio cultural», que se recolle na súa obra, na que destaca a súa visión, «que está pegada á xente».

Neste sentido, Ramón Rozas indica que Camilo Camaño procura «facer cultura dende o máis próximo».

O libro está ilustrado con numerosas imaxes e fai un percorrido polas súas primeiras pinceladas, pola súa etapa de abstracción e o «retorno á realidade».

«Faime moita ilusión poder colaborar coa Mangallona e que os meus textos acompañen os cadros de Camilo Camaño, indicou Rozas.

Presentación. O acto, que comezará ás 20.30 horas, contará coa presenza do artista Camilo Camaño Xestido; do autor do libro; o alcalde de Bueu, Félix Juncal, e de María Jada, en representación da Fundación Casa-Museo de Camaño Xestido A Mangallona.

A presentación está organizada pola Librería Miranda de Bueu, en colaboración coa Fundación Casa-Museo de Camaño Xestido A Mangallona.

Comentarios