'A rañala, raparigo', 'Sue Ellen, estás bébeda' o cómo escoger la mejor frase de doblaje de la TVG

A Secretaría Xeral de Medios abre o próximo luns o prazo para votar as frases favoritas da dobraxe da TVG no marco do concurso As grandes frases da dobraxe da Galega organizado con motivo da celebración dos 25 anos da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG). Frases míticas como o 'Sue Ellen, estás bébeda' da serie Dallas; a versión enxebre do 'Sayonara, baby' de Terminator como 'A rañala raparigo'; o 'És un pimpín, Son Goku' de Dragon Ball ou 'Terma Chewie, que escorrego!' son só algunhas das emblemáticas opcións.

A recepción de frases rematou o pasado venres, 30 de abril, e a partir do luns todos aqueles interesados en participar poden comezar a votar a súa frase favorita a través de twitter. As bases de participación poden atoparse na web da CRTVG, así como na do Centro Multimedia de Galicia.

O concurso contará con tres gañadores (un premio á frase proposta máis votada e dous á promoción viral) e entre os agasallos destacan reprodutores blu-ray, discos duros externos ou videocámaras dixitais.

Ademais deste concurso, as aulas dotadas de equipamento avanzado da rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) están a acoller ata o 21 de maio unha morea de actividades con motivo da celebración dos 25 anos da CRTVG como exposicións fotográficas e vídeos conmemorativos, ou cursos relacionados co sector audiovisual.

De feito, as aulas da Rede CeMIT da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago e Ferrol están a acoller cursos de stop motion e a visita de personaxes emblemáticos e representativos dos 25 anos de vida da CRTVG como o Xabarín, Santiago Pemán, o home do tempo da Galega, Xosé Ramón Gayoso ou Terio Carrera, entre outros.

Comentarios