As rapazas de Shego e os australianos Eggy actuarán no Surfing the Lérez

O festival pontevedrés, que se celebrará na Illa das Esculturas entre o 22 e o 24 de xuño, segue soltando aos poucos os nomes que conformarán o seu cartel
Unha foto promocional das Shego.
photo_camera Unha foto promocional das Shego.

A banda de rapazas Shego e o grupo australiano Eggy son dúas das novas incorporacións ao Surfing the Lérez, que o evento vén de avanzar nas súas redes sociais. O festival pontevedrés, que se celebrará na Illa das Esculturas entre o 22 e o 24 de xuño, segue soltando aos poucos os nomes que conformarán o seu cartel.

Maite, Raquel, Charlotte e Aroa son as integrantes do grupo de punk Shego, que traballa co selo Ernie de Ponte Caldelas. En xuño de 2021 lanzaron o seu primeiro EP Tantos chicos malos y tan poco tiempo. Despois viñeron colaboracións con Zahara ou Natalia Lacunza. Este ano, despois de lanzar o seu primeiro disco, recibiron o Premio MIN ao Mellor Artista Emerxente

No caso dos australianos Eggy, que presumen de temas que "impactan con melodías experimentais e vangardistas", segundo explica o festival pontevedrés, incluíron o seu paso polo Surfing the Lérez na súa xira europea.

Os dous nomes súmanse aos do dúo pontevedrés Visi, o DJ coruñés Gorllitox, os galegos The Rapants (que repiten tras ofrecer un concerto épico o ano pasado) e o cantautor británico Adrian Timms, que leva dúas décadas afincado en España.

O acceso ao Surfing the Lérez, como sempre, será gratuíto

Comentarios