Real Straits actuarán o 10 de novembro no Pazo da Cultura

A banda tributo de Dire Straits (grupo de rock británico liderado por Mark Knopfler) Real Straits ofrecerá un concerto en Pontevedra dentro da súa xira galega

Imaxe promocional da banda tributo Real Straits. ADP
photo_camera Imaxe promocional da banda tributo Real Straits. ADP

A banda tributo de Dire Straits (grupo de rock británico liderado por Mark Knopfler) Real Straits ofrecerá un concerto en Pontevedra dentro da súa xira galega. Actuará o 10 de novembro no Pazo da Cultura (22.00 horas; entradas á venda en ticketea.com e Café Tertulia; 24,20 e 22 euros), un día despois de telo feito na Sala Rouge de Vigo e un antes de facelo na Sala Capitol de Santiago de Compostela.

O guitarrista Ángel Miguel é o encargado de asumir o papel de Knopfler nesta agrupación na que tamén militan Dany León (guitarra), Samuel Rodríguez e Fernando Chacón (teclados), Alejandro Blanco (batería), Antón Ceballos (baixo) e Juan Flores (saxo). Tamén participan ou teñen participado en Real Straits músicos de Ilegales, Elliot Murphy ou Avalanch, segundo indican os promotores da actuación.

Tras celebrar o 30º aniversario da publicación dun dos discos máis importantes da banda británica, Brothers in Arms, Real Straits realizan agora unha xira para conmemorar o que é o 40º aniversario da fundación do grupo de Knopfler (1977). O título do novo espectáculo é The Real Story of Dire Straits.

"Se trata de un recorrido histórico a través de esta música eterna, dejando patente cada una de las épocas y cada uno de los discos, con una propuesta apasionante y única", din os responsables da actuación. "A través de este viaje, el público revivirá, nota a nota, canción a canción, la que ha sido la banda sonora de sus vidas".

Comentarios