Redrum Teatro estreará 'Hamelin' o 23 de febreiro en Santiago

A xira deste novo espectáculo terá paradas en Cangas, Pontevedra, A Illa de Arousa, Lugo, Teo ou Verín 
Ensaios de Hamelin CEDIDA
photo_camera Ensaios de 'Hamelin'. CEDIDA

Redrum Teatro está a ultimar xa o que será o seu 16º espectáculo teatral: Hamelin. A compañía retoma esta semana os ensaios, primeiro no edificio da SGAE en Santiago e despois no Auditorio da Illa de Arousa, de cara á súa estrea o 23 de febreiro no Teatro Principal de Compostela. A montaxe poderase ver tamén nunha segunda función no escenario santiagués o día 24 antes de iniciar unha xira que se estenderá ao longo do ano e que, até maio, fará paradas en Cangas (4 de marzo), Pontevedra (9 de marzo), A Illa (1 de abril), Lugo (20 de abril), Teo (28 de abril) e Verín (6 de maio). As entradas para as dúas funcións de Santiago xa están á venda a través da plataforma www.compostelacultura.gal e na Zona C (Praza de Cervantes) de martes a sábado, no seu horario habitual. 

Esta será a segunda ocasión que a compañía adapte ao galego un texto de Juan Mayorga, autor teatral que no 2022 recibiu o Premio Princesa de Asturias das Letras. Despois de traer á nosa lingua O mozo da última fila, Redrum escolle agora Hamelin, obra de 2005 pola que o dramaturgo recibiu o Premio Max ao mellor autor teatral. 

Alex Sampayo encargarase da dirección e mais da adaptación deste Hamelin en galego, que contará cun elenco conformado por sete intérpretes: Machi Salgado, Belén Constenla, Guillermo Carbajo, Mónica García, Roberto Leal, Rubén Porto e Fran Lareu. A axudantía de dirección recae en Laura Míguez, mentres que o deseño de iluminación corre a cargo de Carlos Álvarez-Ossorio e o espazo sonoro, de Fernando Epelde. O Hamelin de Redrum conta co apoio da Xunta de Galicia a través das axudas á creación escénica e do Concello da Illa de Arousa, que acolle a Redrum para os seus ensaios. 

Os abusos na infancia

Hamelin é unha proposta escénica que xorde a partir da versión máis escura do conto popular de O frautista de Hamelin para poñer o foco na infancia, así como nas diferentes formas que ten a sociedade de relacionarse con ela, o papel que xoga no seo do noso contexto social e as diferentes violencias que se poden chegar a exercer sobre a cativada. Unha obra de grande atracción que fai partícipe o público de constantes dicotomías contemporáneas sobre a culpabilidade, a inocencia, os erros colectivos, as invisibilidades, as realidades familiares ou as condutas individuais. 

En Hamelin, Mayorga aborda o tema da pederastia cunha sutil linguaxe e escenas cheas de elipses, onde as cousas quedan aludidas, onde o espectador debe poñer da súa parte para interpretar, para imaxinar, para encher os silencios. O dramaturgo aposta así por un espectador activo que imaxine máis aló do que se amosa en escena.