Pablo Rodríguez: "Rei Zentolo é unha árbore ben plantada"

Vinte anos despois, Rei Zentolo transcendeu a marca de camisolas. O libro que vén de publicar coa editorial Galaxia confirma, entre outras cousas, a penetración social daquela idea que tiveron tres rapaces en Pontevedra. Pablo Rodríguez é o único dos fundadores que hoxe segue vinculado á empresa
Pablo Rodríguez, fundador de Rei Zentolo, co libro do seu XX aniversario na mans. RAFA FARIÑA
photo_camera Pablo Rodríguez, fundador de Rei Zentolo, co libro do seu XX aniversario na mans. RAFA FARIÑA

Facturan ao ano máis dun millón de euros. Teñen máis de 25 empregados directos. Agora mesmo funcionan con seis tendas propias en Galicia. "Pero antes de finais de anos queremos duplicar ese número", puntualiza Pablo Rodríguez (Pontevedra, 1979), o único dos tres fundadores de Rei Zentolo que permanece ligado á empresa. A marca festexa este ano o seu 20º aniversario publicando o volume Antes molabamos máis (Galaxia, 2023) no que se repasa a súa historia, con luces e sombras, éxitos e fracasos, a través dalgúns dos seus deseños máis importantes e de 20 colaboracións doutros tantos "amigos e amigas": do músico e escritor Xurxo Souto á humorista e guionista Carolina Iglesias, do actor e humorista David Amor á escritora Antía Yáñez. A introdución asínaa o antropólogo Rafa Quintía, que remata o seu texto "sen medo e sen vergoña" cunha afirmación: "neste mundo kilombo que nos tocou vivir, ás veces, unha camisola pode ser a mellor bandeira".

Antes molaban máis?
Iso é o que din (ri). O título do libro está posto para precisamente quitarlle importancia a efeméride no canto de tomala demasiado en serio. Ademais, a xente da nosa xeración é moito de estar todo o tempo apelando á nostalxia e de idealizar o pasado. Nós recoñecemos que facemos o mesmo. Tamén che digo o de que antes molabamos máis xa nolo dicían cando sacamos a segunda quenda de camisolas. 

Que é este libro que veñen de publicar?
Este libro é un agasallo para nós. Para min persoalmente foi unha honra que Galaxia quixera editar unha escolma do noso traballo. O que colla este libro vai ter diante unha selección importante dos nosos deseños. Son moitos, pero non son todos. Sobre todo están os que fixemos para camisolas. 

Teñen contabilizados cantos levan realizados?
Para camisolas máis de mil. E aquí están case todos. Ao principio pensamos en facer algo máis exquisito, quedar cos que considerabamos máis relevantes, pero finalmente, sendo fieis á nosa filosofía, decidimos que non, que había que botar a fartar. E acabamos incluíndo algo de todo, do bo, do malo e do regular. Ao final, todo forma parte da nosa historia e da nosa evolución. Iso era o interesante. Ademais, como che dicía, a nosa filosofía dende o principio foi ser honestos e populares no mellor sentido da palabra, chegar á maior cantidade de xente. No libro, por un lado, aparece esa selección de deseños e, por outro, unha historia resumida dividida en etapas. Finalmente, ten tamén 20 colaboracións de 20 persoas da cultura galega que consideramos amigos e amigas e que, por casualidades da vida, tropezaron con nós nalgún momento da nosa andaina. 

O agarimo da xente e a vinculación que sente co proxecto foi o que nos fixo medrar. Hoxe somos máis que unha marca

Dalgunha maneira o libro confirma que Rei Zentolo é máis que unha marca.
Precisamente ordenar e documentar a nosa historia para poder sacar o libro deunos unha panorámica do noso traballo a partir da que, si, podemos afirmar que Rei Zentolo é algo máis que unha marca. É algo máis que un produto á venda. Para min, que me levo ocupando da parte creativa da marca dende o comezo, é importante, para valorar un proxecto, poder tomar distancia. Porque un proxecto é como unha árbore. Ti plantas unha semente que vai medrando. Cando pasas todo o día ocupándote dos detalles dunha empresa, é como estar metido nunha cova. Estás podando, botando esterco, enderezando as ramas, quitando as follas secas, matando formigas... Nunca tes tempo de vela de dar un paso atrás para vela ben. Pero é só así como se ve a envergadura que realmente ten e o que se está facendo. Este libro obrigounos a coller distancia e a ver realmente que é Rei Zentolo. E penso que é algo do que podemos estar orgullosos. É unha árbore ben plantada. A maiores direiche que este libro tamén serviu para constatar o cariño que nos ten a xente. E iso é algo moi bonito. É o que nos fixo medrar. Ver a vinculación que a xente sinte co proxecto lévanos a estar moi agradecidos e constata iso do que falamos, que isto é hoxe máis que unha marca. A min gústame pensar que cando levas unha camisola do Rei Zentolo lévala con orgullo, con forza, cunha querencia coa que non levas outra. Conclusión: nestes 20 anos tivemos moitos erros, pero algún acerto tivemos que ter. 

Equivocáronse moitas veces?
Equivocámonos moitísimas veces e seguímonos a equivocar. Perdemos moitas oportunidades, por exemplo. Eu que sei, en canto a gañar presenza a nivel estatal. Faltounos experiencia. Ser tan botados para adiante como fomos ao principio fíxonos nacer e medrar rápido, porque tamén é verdade que tivemos cen mil oportunidades de deixar todo isto cando a cousa non arrancaba e teimamos en tirar para adiante, pero tamén nos levou a cometer moitos erros cando tiñamos que ter acougado un pouco. Por exemplo quixemos asumir moitas cuestións empresariais que non fomos quen de enfrontar porque nos faltaban experiencia e coñecemento. En fin, hai que asumir que o camiño tamén se constrúe a base de tropezar. Que hai que intentar? Pois de que os erros sexan os menos posibles.

Fala do teimudos que foron no comezo. No libro recóllese como no ano 2004 se presentaron coas súas camisolas en 40 tendas de Santiago de Compostela e como en 39 delas as rexeitaron.
Esa é unha das moitísimas anécdotas que temos dos primeiros anos. Ao principio as tendas non querían o produto. Pero hai que pensar tamén que isto era algo que non estaba explotado. Hoxe, 20 anos despois, o asunto non é nada novidoso, está máis visto que o tebeo e mesmo queimado en moitos aspectos. Pero daquela non había nada parecido. Non existían nin camisolas nin ese recurso de tirar do propio para vender cousas. Hoxe fano dende marcas de supermercados ata bancos. Todos presumen de galegos. Pero hai 20 anos, o galego a nivel empresarial igual o empregaba Sargadelos, que tiña ese vencello histórico, e pouco máis. A nós, ao primeiro, rexeitábannos sen parar. 

As raíces de Rei Zentolo están no chapapote do Prestige. E igual que as nosas, as de moitas outras cousas que se fixeron en Galicia

Pero, como di, insistiron.
Eramos mozos e eramos moi cabezóns. Tiñamos esa teima e estabamos convencidos de que a cousa tiña que saír. Cando vimos que non funcionaba o das tendas multimarca foi cando dixemos, vale, pois imos buscar nós directamente o noso público. Onde? Pois aos festivais. Que hoxe tamén tes mil en catro meses, pero daquela tampouco eran tantos. Ortigueira, Pardiñas... E comezaban a arrancar o SonRías, o Revenidas, o Cultura Quente... Alí nos plantamos. Pensamos que ese formato de ocio encaixaba moi ben coa nosa proposta. E efectivamente foi así. Alí demos cos nosos clientes, esa xente que atopaba as camisolas orixinais e divertidas. E aí nacemos. Realmente en 2002, que foi o primeiro ano no que fomos vender camisolas. Faciamos unhas poucas que vendiamos nun festival. Co que gañabamos faciamos máis entre semana e volviamos ir a outro. E así botamos aquel verán. Nin sequera existía Rei Zentolo, porque daquela tiñamos a convicción romántica de que cada deseño se vendera por si mesmo, sen marca nin nada. Se che gusta a camisola, mércaa. Que máis dará de onde veña ou quen a faga! Foi unha desas veces que a realidade pasou por enriba de nós: ao ano todo dios nos preguntaba como demo nos chamabamos. E así naceu Rei Zentolo.

Lembra moito eses primeiros tempos nunha furgoneta cos amigos? Tenos presente ou hoxe quedan moi atrás?
Que furgoneta? (ri). Eu saquei o carné de conducir con 40 anos. Toda esa época fíxena en autobús. Cando conseguimos a furgoneta xa eramos potentados. Iamos no autobús con toda a cacharrada: tenda de campaña, mesa de praia e caixa coas camisolas. Acórdome moito daqueles tempos, claro. Era moi divertido, pero tamén algo que fas con 20 anos, porque se me din que o teño que facer hoxe, nin de coña. E sen internet!

Funcionaban a base do boca a boca.
Iso é. O segundo verán que fomos aos festivais, a xente xa nos recoñecía. A partir de aí empezou o ruxe ruxe e as chamadas das tendas para pedirnos que lle levaramos material. Falando deses primeiros tempos habería que lembrar que o ano 2003 foi tamén no que estoupou todo o movemento cultural galego vinculado dalgunha maneira á marea negra do Prestige. Supuxo un pulo para moitos proxectos porque levou a que moita xente, tanto de dentro de Galicia como de fóra, comezara a ver con outros ollos o que se facía aquí, a valoralo doutra maneira. Xa o comentei antes nalgunha entrevista, se Rei Zentolo é unha árbore, as súas raíces están no chapapote do Prestige. E igual que as nosas, as de moitas outras cousas que se fixeron en Galicia.

Falando da penetración social de Rei Zentolo, a súa revisión pop do retrato de Rosalía de Castro chegou máis lonxe que ningún outro dos seus deseños.
De todos os nosos deseños foi o que entrou no imaxinario popular. É unha imaxe que a xente ten interiorizada. E a maioría das persoas non sabe de quen é. É unha icona popular. Dalgunha maneira iso tamén é un orgullo.  

E unha faena.
Mira, isto é algo diso que fomos aprendendo co tempo: hai moitas cousas que poden dar cartos que non nos interesa facer e hai cousas polas que non recibes un peso pero que supoñen un orgullo, coma esta. Para nós é un dos grandes méritos de Rei Zentolo. Se o ano que vén a empresa desaparece, é o legado que deixará. Estou seguro de que sería a imaxe pola que se nos lembraría: a nosa Rosalía.

Só queda vostede dos tres socios fundadores. Bota en falta aos que foron os seus compañeiros no inicio desta aventura?
Xa me chaman ‘Maclau’ (ri). Son circunstancias da vida e das empresas. ‘Miranda’ [José Manuel Prieto], que foi o meu primeiro socio, deixou de traballar con nós por unha cuestión persoal, ao pouco de empezar, cando eramos aínda só tres colegas. Decidiu que para el era mellor seguir por outro lado e nada máis. De feito, a súa saída obrigounos a tomarnos o da empresa por primeira vez en serio porque tiña que vender as súas accións e tiñamos que poñer a cousa en orde para poder facelo. Obrigounos a parar co rollo feirante. E Salva [Salvador Vázquez] foise nun momento completamente diferente, moito máis recente, hai cinco anos, e por cuestións completamente diferentes tamén. A empresa xa pasara por dúas ampliacións de capital e tiñamos uns socios investidores, que hoxe xa non están, que foron os que tomaron a decisión da súa saída. A súa marcha, a dun e a doutro, a pesar de ser moi distintas, foron igualmente complicadas dende o punto de vista persoal. Pero igual que pasamos por crises económicas, tamén pasamos por estas outras. Todo na vida son etapas. Hoxe Rei Zentolo, eu diría que dende a pandemia, está pasando por unha frutífera e doce. Traballamos con xente moi válida. Metémonos en proxectos que van para adiante e estamos facendo cousas que funcionan. E no meu caso trato de seguir centrado en coidar desta árbore. Se boto en falta aos que foron os meus socios en todo isto? Hai días que si e hai días que non. O que está claro é que, sen eles, Rei Zentolo nunca tería chegado a onde chegou e, se hoxe estivesen con nós, probablemente estariamos noutro sitio que non sería este. Teño que dicir que os dous están contentos co libro, que é algo que a min tamén me fai feliz.

Outra socia de Rei Zentolo, que incluso asina un texto no libro, foi a deseñadora e artista Nieves Sierra, coa que lanzaron unha marca efémera, Yobordo.
Fíxate que tivemos a dúbida de incluír no libro Gigoló, a marca coa que intentamos funcionar fóra de Galicia, e Yobordo, que foi un proxecto máis vinculado ao mundo da moda que tivemos durante tres anos. Pero tiñan que estar porque forman parte da nosa historia. No caso de Yobordo foi unha proposta que gustou moitísimo, que tiña moito potencial, pero que non soubemos xestionar ben. Veu a crise e alá foi todo. De calquera maneira, foi unha cousa moi bonita e merecía aparecer. Tamén che digo que houbo outros proxectos na órbita de Rei Zentolo que, ao final, non saen, como por exemplo o local que tivemos en Pontevedra, A Pega Moura, ou algunha outra aventura máis artística. En fin, facer cousas creativas é algo moi pouco rendible, pero que achega moitas cousas.

Eu son carne de outlet. Os deseños aos que lles teño máis cariño son os que dando o primeiro paso xa se esnafraron

Cara onde vai hoxe a marca?
Pois mira, despois de moitas incertidumes e desasosegos, o que estamos é desfrutando deste momento doce. Que vai pasar o ano que vén? Ninguén o sabe. Gustaríanos facer moitas cousas, pero quen sabe o que pode pasar. Hai nada aínda andabamos con máscaras e para o ano que vén igual estamos en plena terceira guerra mundial. Cos anos aprendes a ser prudente e a xestionar as expectativas e os erros; a ter filtros, que son moi importantes; a saber que interesa de verdade e que non.

Cal é súa camisola favorita?
Ummm (pensa un anaco). Non sabería. Podería dicirche como os músicos iso de que realmente o que me gusta é o que está por facer, ese tópico. Pero é que a min o que me apaixona é o proceso creativo. É o que tira de min para seguir con isto 20 anos despois. Ese momento no que sae a idea, ese subidón. En definitiva, nós o que facemos son paridas. Sempre o dixemos. Son paridas porque parimos todos os deseños e porque que saian é como un parto. Despois, aínda que ti pares todos os deseños máis ou menos igual, cada un ten a súa propia vida. Hainos que triunfan, que teñen moito recoñecemento, que se manteñen por si sós. Pero, ao final, aos que lles tes máis cariño é aos fillos parvos, aos que no primeiro paso que deron xa se esnafraron. Eu son carne de outlet. Os meus deseños preferidos son os que acaban no de Allariz a 5 euros. Mira, a primeira quenda de 35 camisetas que fixemos, en Serpón de Monte Porreiro, por certo, era con catro deseños: o de pementos de Padrón, que é o único que se vendeu ininterrompidamente durante estes 20 anos, un da Catedral de Santiago cunha pegada dactilar, o de ‘Habelas hainas’ e un ao que lle chamabamos o polbo-paraugas. Aínda temos pola oficina algunha do polbo-paraugas daquelas 35 primeiras camisolas. Non conseguimos vender nin a primeira. Era unha artistada e non funcionou. O polbo-paraugas lembrounos durante moito tempo, aínda hoxe, o fácil que é non atinar. 

É unha das súas favoritas?  
Que va! Era moi fea. Pero si que é unha das que máis quero. E sabes que? Ímola relanzar, cos outros tres primeiros deseños orixinais, neste aniversario.


Libro, exposición, reedición de camisolas e festa polo 20º aniversario
A marca Rei Zentolo naceu a partir dunha idea que tiveron en 2003 tres amigos de Pontevedra: Pablo Rodríguez, José Manuel Prieto Miranda e Salvador Vázquez. Ocorréuselles estampar camisolas en galego, tirando de humor e retranca, a partir dunha relectura de símbolos propios. Non existía nada parecido. Vinte anos despois, a marca, convertida nun esrtudio creativo con varias ramificacións, festexa o seu aniversario publicando un libro coa editorial Galaxia e organizando unha serie de actos para a segunda parte do ano. Entre outras cousas reeditaron a súa primeira quenda de catro camisolas; queren montar unha exposición e celebrarán unha festa nalgún espazo destacado de Galicia.