Carlos Valle: "A relación de Laxeiro con Pontevedra é esencial"

A Real Academia Galega de Belas Artes encargoulle un achegamento global á figura de Laxeiro, da que é profundo coñecedor. O volume que resultou desta encarga preséntase este mércores na Coruña.  
 
Carlos Valle co seu volume sobre Laxeiro. DAVID FREIRE
photo_camera Carlos Valle co seu volume sobre Laxeiro. DAVID FREIRE

Como parte das iniciativas levadas a cabo pola Real Academia Galega de Belas Artes para conmemorar, o ano pasado, o Día das Artes Galegas dedicado a José Otero Abeledo Laxeiro, encargóuselle a Carlos Valle (Pontevedra, 1953) un volume que repasase a traxectoria do creador de Lalín. O resultado é Laxeiro. Outros ollos, nova mirada, que percorre a vida e obra do artista dende os seus primeiros debuxos nos anos 20 ata, por exemplo, o lenzo que pintou en apoio ás reivindicacións do alumnado de Belas Artes de Pontevedra en 1993. Historiador da arte galega, Medalla de Galicia e Premio Cidade de Pontevedra, autor de máis de 250 publicacións, Valle, que foi director do Museo de Pontevedra entre 1986 e 2018, hoxe pide deixar á marxe a institución á hora de facer a entrevista. 

A nova mirada á que se fai referencia no título deste volume é a súa?
Esta é unha monografía sobre Laxeiro que me encarga o presidente da Real Academia de Belas Artes, da que eu son membro. O encargo realízase concretamente nunha sesión ordinaria e píllame por sorpresa porque non tiña nin a máis mínima idea de que se me ía encargar este traballo. Con todo, eu dixen de inmediato que si. Despois, xusto cando retornaba da Coruña, pensei: "en que lío me metín". A partir de aí foi que empecei a refrescar a Laxeiro. E digo refrescar porque Laxeiro para min non era ningún descoñecido. En primeiro lugar porque son historiador da arte e en segundo lugar porque, aínda que teño feito traballos sobre distintos territorios, a miña investigación esencial é sobre Galicia e, particularmente, sobre Pontevedra. O subítulo deste volume, Outros ollos, nova mirada, é, en definitiva, unha referencia autobiográfica. Eses outros ollos son os meus. O libro formula, por unha parte, un estado da cuestión sobre Laxeiro e, por outra, ofrece moitas achegas significativas sobre o artista, que mesmo axudan a debuxar un Laxeiro un pouco diferente ao coñecido. Despois de Castelao é probablemente o artista galego que máis se ten estudado e ao que más iniciativas se lle teñen dedicado, sen embargo existían aspectos da súa biografía que estaban ou confusamente tratados ou directamente equivocados.

Despois de Castelao é probablemente o artista galego que máis se ten estudado, sen embargo existían aspectos da súa biografía que estaban ou confusamente tratados ou directamente equivocados

Por exemplo?
Por exemplo, eu documento neste libro o momento exacto no que decide retornar de Buenos Aires e por que: nin máis nin menos que para participar na Bienal de Arte Pontevedra, onde leva un premio. Pasei bastante horas na Biblioteca Antonio Odriozola repasando a prensa para documentar toda a secuencia deste regreso. Aí atopei este e outros tesouros que permiten pautar aspectos moi importantes da biografía de Laxeiro. Igual que esta volta a Pontevedra é clave, tamén o é a exposición que realiza aquí en 1934, no que daquela era a sala de Turismo. A cidade neses momentos era unha referencia cultural en Galicia,. A Atenas galega, se lle chamou, non sen razón. Vivíase un momento fascinante. Máis cousas novas nesta obra: certa cronoloxía, que se puido rectificar. Este foi un volume que me deu moito traballo e ao que dediquei moitas horas.

Ese dato do regreso para participar na Bienal de Pontevedra vén a confirmar a importancia da cidade na biografía de Laxeiro.
A relación de Laxeiro con Pontevedra é esencial. Coñece Pontevedra cando vén facer aquí o servizo militar. Os vínculos co Partido Galeguista e, máis tarde, as bolsas da Deputación afianzan esa ligazón. Non hai que esquecer tampouco o traballo formidable que realiza no Café Moderno, por exemplo.

A presentación do seu volume coincide coa exposición protagonizada por Laxeiro no Instituto Cervantes de París. É pertinente unha reivindicación da relevancia internacional deste artista?
Dende logo que si. Neste caso, faise nun país e nunha cidade que son esenciais para a arte mundial. E nun país e nunha cidade igualmente esenciais para a nosa arte. Porque cando a Deputación renova as bases para a concesión das súas bolsas nos anos 20, París é unha das tres grandes capitais artísticas do mundo. Aínda que Estados Unidos se converta en referente da renovación artística, como en tantas outras cousas, a partir do papel xogado polos norteamericanos na Segunda Guerra Mundial, ata ese momento a onde había que mirar era a Europa. E alí vai observar e formarse a xeración de Os Renovadores, que reformulan a arte galega a partir da esencia. Falamos, entre outros, de catro grandes artistas, todos bolseiros da Deputación de Pontevedra: Laxeiro, Souto, Colmeiro e Maside.

Se existise un Museo Nacional de Arte Galega sería o de Pontevedra. Porque a historia da arte galega con maiúsculas e sen lagoas está aquí. Unha das miñas obsesións foi conseguir iso. E acadouse

No título da obra fálase dunha "nova mirada" porque quizais a súa visión sobre Laxeiro foi cambiando tamén ao longo dos anos?
Cambiou en parte cando preparei o libro. Porque eu coñezo a Laxeiro no ano 1982, cando se reformula a Bienal. Aí teño contacto directo con el. Pero o da nova mirada ten que ver con que aquí me aproximei a el globalmente. Na miña etapa como director do Museo de Pontevedra xa fixera achegamentos a través das exposicións monográficas que lle dedicamos. En concreto, no ano 2008 realizouse unha exposición conmemorando os cen anos do seu nacemento, que foi importante. Volvendo ao da "nova mirada", ten que ver con que terlle dedicado o Día das Artes Galegas propiciou un novo achegamento global á súa figura. Neste caso ese achegamento é pola miña parte, a través da miña mirada. E como é? Pois é a dunha persoa coa bagaxe que supoñen décadas de dedicación e estudo á arte galega en xeral e a Laxeiro en particular. Porque dirixir o Museo de Pontevedra supón cursar varios mestrados á vez. Polo menos se queres ser un director que coñece o contido do museo, as súas necesidades e que trata de potenciar todas as áreas e coleccións. Sempre dixen que se existise un Museo Nacional de Arte Galega sería o de Pontevedra. Porque a historia da arte galega con maiúsculas, sen lagoas, está no Museo de Pontevedra. Unha das miñas obsesións foi conseguir iso. E acadouse.

Onde diría que reside o xenio de Laxeiro? 
Téñoo moi claro. Por un lado, na súa memoria visual. E por outro, ser capaz, non de mimetizar, senón de recrear as que foron as súas fontes de inspiración. 

Presentación na Coruña
Carlos Valle presenta este mércores, ás 20.00 horas, na sede da Real Academia Galega de Belas Artes (A Coruña), o volume Laxeiro. Outros ollos, nova mirada. Entrada libre.

Comentarios