'Dom(a)sticación' de Roi Fernández pecha 'Arte no parque'

O coruñés Roi Fernández pecha este serán o ciclo de performances promovido polo Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) dentro da programación estival 'Arte no Parque'. Neste proxecto, desenvolvido durante todo o mes de agosto, xa participaron Ana Gil, Miguel Bonneville e Silvia García.

O Parque de Bonaval de Santiago acolle hoxe a partir das 20.30 horas unha acción arredor da idea de domesticación corporal, social e histórica a cargo de Fernández, titulada Dom(a)sticación.

Roi Fernández empregará a simboloxía animal e dos alimentos para converterse nun camareiro de aparencia decimonónica que reparte gambas entre os asistentes, segundo informou hoxe o centro de arte compostelán nun comunicado.

Licenciado en Belas Artes na especialidade de audiovisuais, Roi Fernández é fundador do colectivo SrPause de creación multimedia, deseño audiovisual e escenográfico, e membro fundador da asociación cultural Alg-a.

O seu ámbito de traballo abrangue a arte de acción, as formas teatrais híbridas, a ilustración, o net art e a videocreación. En canto ás súas experiencias como performer, destaca Census, acción que presentou no Festival Internacional de Teatro de Edimburgo en 2005, e na sala Nasa, na Feira de Teatro de Galicia e na Mostra de Ribadavia en 2006.

Comentarios