Jueves. 23.05.2019 |
El tiempo
Jueves. 23.05.2019
El tiempo

Renfe divulga a figura de Antonio Fraguas nas súas estacións e trens

Autoridades nun tren de Renfe coa imaxe de Antonio Fraguas. EP
Autoridades nun tren de Renfe coa imaxe de Antonio Fraguas. EP

Os repousacabezas de convois locen a imaxe do Día das Letras Galegas

A imaxe de Antonio Fraguas, autor ao que a Real Academia Galega (RAG) dedica este ano o Día das Letras Galegas, exhibirase en estacións e trens para conmemorar e divulgar a súa figura entre a sociedade. Con esta iniciativa, a Consellería de Cultura e Turismo e Renfe renovan, por terceiro ano, a súa colaboración en materia de dinamización lingüística para aliarse na celebración.

Unha das mostras gañadoras do concurso-exposición Letras Galegas 2019, Insuela do IES Álvaro Cunqueiro de Vigo, exhibirase nos espazos de información que a operadora ten asignados en cada unha das estacións principais de Galicia. Ademais, os repousacabezas de todos os trens de media distancia e Avant dos traxectos A Coruña-Santiago-Vigo e A Coruña-Santiago-Ourense incluirán a imaxe institucional do Día das Letras Galegas 2019 da Xunta. 

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, asistiron este martes á presentación da iniciativa, na Estación de Ferrocarril da Coruña. No acto, participaron tamén, en representación de Renfe, José Enrique Fonte e Alberto Martínez, xerente do Servizo Público de Renfe e xefe da área Comercial de Renfe en Galicia, respectivamente. 

Nel, lembraron a vinculación de Fraguas co ferrocarril, xa que estivo a piques de aprender o oficio de maquinista e o seu pai traballou como emigrante en Brasil na construción das vías do tren. Por outra banda, subliñaron a importancia dunha iniciativa que busca contribuír á "dinamización e visibilización" do galego. 

Renfe divulga a figura de Antonio Fraguas nas súas estacións e trens
Comentarios