Jaime Olmedo, fotógrafo

"O río foi un pretexto, unha escusa"

Supoño que estiven alí é o título da exposición que Jaime Olmedo inaugura este sábado (13.00 horas) na Fundación RAC. Nela recompila máis de 400 fotografías realizadas, entre 2016 e 2017, ao longo do curso do río Lérez, dende a Serra do Candán ata Pontevedra. "Máis que un documento sobre o río, o que hai aquí é unha proxección da miña mirada". 
 
O fotógrafo pontevedrés Jaime Olmedo. GONZALO GARCÍA
photo_camera O fotógrafo pontevedrés Jaime Olmedo. GONZALO GARCÍA

Buscaba un proxecto acoutado no que involucrarse, "algo que tivese un principio e un fin delimitados", e deu co río Lérez. Ao longo dun ano (2016-2017), Jaime Olmedo (Pontevedra, 1982) percorreuno o curso fluvial e tomou arredor de 5.000 fotografías. En 2021 comezou a compartir as que máis lle gustaban, xunto a pequenas reflexións, nas redes sociais. Aquel proxecto chega agora á súa conclusión coa exposición Supoño que estiven alí, que se inaugura este sábado na Fundación RAC, onde permanecerá ata o 18 de febreiro.

Que é o que se vai poder ver na mostra?
Esta é unha exposición de fotografía que ten como punto de partida o percorrido que fixen polo curso do río Lérez dende o seu nacemento, na Serra do Candán, en Forcarei, ata a súa desembocadura en Pontevedra. Trátase dun traballo persoal no que o río serve de fío condutor para unha reflexión e un crecemento persoal como fotógrafo.

Cantas fotos se van expoñer?
Vou incluír unhas 450 aproximadamente. Estarán agrupadas en diferentes espazos.

É un número importante.
O traballo en si tiña moito de acumular cousas do río: pedras, fentos... Case como un mantra. Hai moitas fotos porque o proxecto sempre xogou a iso: á acumulación. Pero tamén haberá outro tipo de fotos e outras cousas porque é unha proposta expositiva con diferentes partes. 

Fotografía incluída na exposición 'Supoño que estiven alí'. JAIME OLMEDO
Fotografía incluída na exposición 'Supoño que estiven alí'. JAIME OLMEDO

Por que escolleu o río Lérez para desenvolver este proxecto?
Por varias cousas. Unha tería que ver coa curiosidade. Quería ver onde nacía e como avanzaba. Quería exploralo. Outra estaría relacionada coa cercanía, coa proximidade do río a min, incluso coa afinidade e co apego emocional que sinto eu por el. Despois, e que foi o que ao final se converteu no máis importante, que o proxecto tivese o seu principio e o seu final, que estivese acoutado. Iso tiraba moito por min. Ter uns límites sempre facilita o traballo creativo e neste caso tíñaos moi claros: o propio río.

"O río é unha escusa", escribiu nun dos post que acompañaba as imaxes que compartiu nas redes sociais (Instagram e Facebook).
Si, porque era un pretexto, unha escusa. Ao final era como un Camiño de Santiago versión anfibia. Evidentemente a miña actitude non era a mesma que a dun peregrino, porque no meu caso ía deténdome a propósito nos detalles, na terra, na auga... Non se trataba tanto de chegar a ningures. Pero si que pode dicirse que tiña un punto en común con eles porque só tiña que seguir a liña que xa estaba marcada. Xa digo que esa idea foi moi potente dende o principio: percorrer algo de principio a fin.

"Nunca fixera fotografía de paisaxe, así que isto case foi un intento de volver empezar"

Vostede, que traballa no sector audiovisual facendo foto fixa de series e películas (Fariña, Hierro), neste caso enfrontou o retrato da natureza e da paisaxe. Foi difícil?
Tomeimo como unha especie de paréntese, como un exercicio de carácter moi persoal, que me serviu para volver facer fotografía partindo de cero. Porque eu nunca fixera fotografía de paisaxe. Así que case foi un intento de volver empezar. Foi un exercicio que creo que me pode axudar tamén noutros aspectos fotográficos. Porque aínda que digo que foi unha paréntese, todo iso é ficción: ao final todo se retroalimenta. Este traballo obviamente influirame en todo o que faga.

Fotografía incluída na exposición 'Supoño que estiven alí'. JAIME OLMEDO
Fotografía incluída na exposición 'Supoño que estiven alí'. JAIME OLMEDO

Foi un proxecto que desenvolveu entre 2016 e 2017, que publicou nas redes a partir de 2021 e que agora conclúe coa exposición na Fundación RAC. Dedicoulle moito tempo.
En canto empecei xa me decatei de que o avance ía ser moi lento. O máis complicado quizais foi dividilo por etapas: un ano facendo o primeiro percorrido; despois, a volta aos lugares que me interesaban; máis tarde, o traslado ás redes... É dicir, houbo un punto de partida claro, pero despois o proceso seguíu vivo durante moito tempo. Agora está rematando.

Que feedback obtivo da exposición das fotos nas redes?
A verdade é que moi bo. Goceino moito. Todo o proceso en xeral, porque acompañaba cada foto cunha reflexión, arredor da súa realización, do que se podía ver nela, e iso foi tamén moi interesante. A frescura das redes permíteche, por exemplo, ter un ton con máis humor ou máis íntimo.

"O río ten moitas pontes e moitos sendeiros, pero a sensación xeral é que é moi salvaxe ata practicamente chegar á desembocadura"

Que balance fai de todo o traballo? Atopou o que agardaba? Sorprendeuno algo en particular?
Respecto ao percorrido físico en si sorprendeume a dificultade que supón avanzar polo río. Atopei tramos aos que era realmente complicado acceder. Despois sorprendeume tamén a cantidade de muíños que hai, sobre todo no comezo do curso. Tamén me sorprenderon as presas que hai. E sorprendeume que é un río bastante salvaxe: Pontevedra é o núcleo máis importante polo que pasa. Ten moitas pontes e moitos sendeiros, pero a sensación xeral é que é un río moi salvaxe ata practicamente chegar á desembocadura. Respecto ao meu traballo serviume para darme conta de que o que comezou cunha intención documental evolucionou cara outra cousa. Hoxe creo que o resultado do que fixen, máis que un documento sobre o río, é unha proxección da miña mirada. O río é o punto de partida, o argumento, pero as fotos son moi persoais.

É un traballo de autor.
Eu creo que si. De feito, as contas nas redes sociais chamábanse Río Lérez, un nome que, para a exposición, mutou a Supoño que estiven alí, porque cadra máis co resultado do proxecto. É unha certeza que eu fun por alí, pero o traballo dalgunha maneira acabou superando aquel percorrido. Porque se ben a fotografía que eu fago necesita da realidade, despois a propia imaxe convértese noutra cousa.

Comentarios