Risto: ''Si le guardé rencor a Jesús Vázquez, ya no sé donde está''

Admirado e odiado a partes iguais, o personaxe que inventou Risto Mejide en Operación Triunfo converteuse en puro magnetismo. Máis aló do reality, o Risto televisivo desinflouse no seu G-20 e agora, no purgatorio da pequena pantalla, pasa as horas escribindo. Actualmente promociona a súa primeira novela, Que la muerte te acompañe, da que fala intentando ser intelixente e irónico en cada resposta, algo que é imposible ata para el.

P: Antes de facer a entrevista, os compañeiros dixéronme que tivese coidado. ¿Non se cansa de que identifiquen o seu papel nun reality coa realidade?
R: É un bo consello. Ter coidado é fundamental cando un trata de achegarse a alguén, trátese de quen se trate. Non por medo, senón polas molestias que xera sempre calquera intruso.

P: A pesar de todo, supoño que lle debe algo a ese personaxe duro e extremadamente desagradable cos triunfitos...
R: Estou moi agradecido, pero nin moito menos en débeda.

P: Escritor, publicista e presentador... ¿Con que goza máis?
R: Eu gozo escribindo. Se o prezo que hai que pagar para podelo facer é ter que vender un produto ou ter que defendelo ante unha cámara, pois fágoo e punto.

P: Tras a publicación de El pensamiento negativo e El sentimiento negativo lánzase vostede á novela. ¿Por que decidiu dar o salto?
R: Sempre fun moi contista. Non hai máis que ver o que fixen na tele para darse de conta do que digo. Agora, o único que variou é o medio no que o expreso.

P: Preséntanos unha historia de amor, unha reflexión sobre os sentimentos e un retrato social. ¿Por que o fai desde o punto de vista dun morto?
R: Buscaba unha escusa para reflexionar sobre os aspectos importantes da vida, como poden ser a familia, o amor, o traballo, os amigos... e o único momento no que se pode opinar sobre a vida con total liberdade e honestidade é cando xa non se depende dela, cando xa non se está vivindo.

P: ¿Ata que punto a obra é un fresco de vivencias persoais?
R: Calquera parecido coa realidade nunca é pura coincidencia. Quen che diga o contrario, mente. Sexa o autor que sexa o que o sosteña.

P: O paraíso de Toscano no libro é un Corte Inglés de sete plantas. ¿Hai algún tipo de inspiración en Woody Allen ou en Saramago?
R: Xa me gustaría a min. Estás a falar de mestres ourives. O meu, de momento, non pasa de bixutería, iso si, baratiña e resultona.

P: Á marxe do seu, ¿que libros ou autores recomendaría?
R: Calquera de Millás, ou de Kundera, ou de Palahniuk, ou de Jesús Mosterín. Ou de Jared Diamond. ou de Javier Cercas...

P: As caixas rexistradoras teñen unha simboloxía especial...
R: Son os últimos confesionarios reais que nos quedan, onde a xente segue acudindo para admitir os seus pecados. En todo o demais, mentimos como pícaros.

P: ¿A obra é premeditadamente breve polos tempos que corren, nos que a xente le menos?
R: O estilo pretende ser como toda boa orxía. Breve, curta, intensa, en ocasións decepcionante, pero por encima de todo, moi divertida.

P: A paxinación do libro está en sentido decrecente, ¿por que?
R: Responde a unha cuestión puramente práctica, a de informar ao lector de canto lle queda para que acabe o suplicio.

P: Falemos da televisión. Vostede non viu a última edición de Operación Triunfo. ¿Como reaccionou ante a súa cancelación?
R: Non opino sobre o que non coñezo. En realidade si, pero só cando me apetece e cos amigos.

P: ¿Gárdalle rancor ao ferrolán Jesús Vázquez polo seu comentado enfrontamento en directo?
R: Se nalgún momento llo gardei, sinceramente, agora non sei onde o puxen.

“Todo o mundo sabe que escribir libros é a forma máis fácil de facerse millonario”
P: ¿Que lles diría aos que aseguran que é vostede un deses famosos que escriben para aproveitar o seu tirón nos medios?
R: Que teñen razón. Que como todo o mundo sabe, escribir libros neste país é o xeito máis rápido de facerse millonario.

P: ¿Ten en mente algunha obra nova?
R: Sen dúbida, os baños e se cadra ata me animo co recibidor. Pero agardarei a vacacións.

P: ¿Como considera o trato que recibiu de Telecinco nos últimos meses?
R: Extraordinario. Literalmente. Extra e ordinario.

P: ¿Que pasou con G-20?
R: Que xa non está.

P: Se seguise emitíndose, ¿a que personaxes e acontecementos lles estaría dando caña agora?
R: O G-20 segue en emisión diaria, só que agora lle chamamos rolda de prensa e é presentado por algúns políticos.

P: ¿Ten plans para volver?
R: Non son de facer plans. Prefiro que mos dean feitos.

P: A súa recente visita a Buenafuente deulle ao presentador catalán o seu mellor dato de audiencia...
R: Iso é só porque aparezo moi pouco agora.

P: ¿Ten pensado facer algunha nova incursión no terreo musical, onde debutou con Labuat?
R: Non sei se queda moito terreo musical por espoliar.

P: Virginia Maestro dixo que a colaboración con vostede puido ser mala para a súa carreira...
R: Só o feito de que se estea falando dunha carreira longa xa supón un éxito para os dous. Agora, deséxolle tanta sorte nese longo prazo como a que tivemos no curto.

Comentarios