Roberto Vilar celebra 30 anos "pintando a mona" cunha xira polos teatros galegos

O espectáculo, chamado Celebreixon, está pensado para ser "sorprendente" e amosará ao showman "en estado puro" ▶ Será a primeira xira en solitario do presentador da TVG e comezará o 20 de xaneiro no auditorio Gustavo Freire, en Lugo
Roberto Vilar. EP
photo_camera Roberto Vilar. EP

Na aldea xovense de San Cristovo un pequeno Roberto pasaba os días soñando diante do televisor. Encantáballe ilusionarse xunto aos irmáns Marx, con Charles Chaplin ou enfrascado nas batallas de indios e vaqueiros. Era un neno moi tímido, reservado, e esa caixa animada contiña todo un mundo de posibilidades que o facían soñar.

Foi alí, sen darse conta, e pasando as horas xunto aos grandes mestres do humor, onde naceu o xerme que o convertería nun dos humoristas más aclamados do panorama galego. "Contándoche isto parece mentira que leve media vida pintando a mona!", di entre risas Roberto Vilar. E é que un dos showman máis queridos da TVG foi na súa xuventude un neno tímido. "Non se me daba demasiado ben facer amigos e a televisión foi para min un método de escape. Agora, co tempo, penso que todo iso que vin na pantalla foi entrando en min e axudoume a sacar cara fóra un talento que tiña dentro: facer rir", conta un cómico que celebrou este xoves nada menos que 30 anos de traxectoria.

Cando era mozo non se me daba demasiado ben facer amigos e ver a televisión foi un método de escape para min"

Precisamente para compartir esta efeméride con todo o público está traballando nun espectáculo chamado Celebreixon que estreará en Lugo, a súa provincia, o 20 de xaneiro —entradas á venda en ataquilla.com—. "Cando me puxen mans á obra con este proxecto tiña claras dúas cousas: que ía ser unha gran festa e que o primeiro lugar onde o presentaría sería Lugo, a miña terra", recalca o lugués que vive esta aventura con especial emoción porque será a primeira vez que se lance en solitario nunha xira que o levará por teatros de toda Galicia.

Do show non quere avanzar moito porque está pensado para ser "sorprendente", pero o que si pode saber o público é que as risas están aseguradas. "Só che podo decir que ata hai pouco íase chamar Eu non paguei para ver isto", di entre gargalladas. E é que Celebreixon naceu sendo unha cousa e xa é outra. "Penso que é un formato nunca visto. O espectador ata que se sente na butaca non vai saber o que vai pasar. Podo dicir que son eu ao 100% e que me sentín moi liberado facendo o que me daba a gana, bueno, coma sempre", bromea.

Antes de baixar as escaleiras do Land Rober sempre me digo o mesmo: 'Roberto, desfruta do momento e acórdate de que un día non terás isto"

O humorista síntese emocionado de levar media vida diante das cámaras e recorda que os seus comezos foron detrás delas. "O meu primeiro cásting foi no ano 1993 para Café café da TVG". Presentáronse 400 personas e mandáronlle poñerse ante a cámara e falar do que quixera. "Púxenme a contarlles cousas sobre o ecoloxismo e colléronme. Ía ser o presentador pero ao final quedei por detrás".

Desde aquela, ese mozo que estudou para ser operador de cámara en Santiago converteuse nunha das caras máis coñecidas da TVG. Pasou polo Supermartes e polo programa de cámaras ocultas Con perdón, deu vida a Tonecho no histórico dúo cómico e creou o mítico Land Rober, polo que recibiu o Mestre Mateo.

Preguntado sobre cal é o segredo do éxito, Vilar teno claro: ter os pés na terra. "Antes de baixar as escaleiras do Land Rober sempre me digo o mesmo: 'Roberto, desfruta do momento e acórdate de que un día non terás isto'".

Comentarios