O Rocklab chega á súa novena edición con case 100 participantes

O obradoiro musical infantil do Concello de Pontevedra aumenta dous grupos este curso
Cativada de 4 e 5 anos no primeiro obradoiro da novena edición do Rocklab. RAFA FARIÑA
photo_camera Cativada de 4 e 5 anos no primeiro obradoiro da novena edición do Rocklab. RAFA FARIÑA

Vinculado definitivamente ao Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, ao que xa estivo conectado nas últimas edicións, o obradoiro municipal de música para a cativada, Rocklab, comezou este luns, no Pazo da Cultura, a súa novena edición. Fíxoo pasando de seis a oito grupos de traballo, "debido á alta demanda, que obrigou a desdobrar dúas clases", e aproximándose aos 100 participantes, segundo informou o Concello.

Literatura e música irán da man neste obradoiro, dirixido a rapazada de entre 4 e 14 anos, que tamén traballa propostas escénicas e audiovisuais. 

As actividades deron comezo este luns á tarde cos primeiros grupos. Son os bautizados como Jumanji (no que están integrados nenos e nenas de 4 e 5 anos); Historias Grunges I (de 7 e 8 anos) e Contos Eléctricos (de 9 e 10 anos). O resto traballarán os mércores. Son Invasores Espaciais (de 5 e 6 anos); Historias Grunges II (de 8 e 9 anos) e A Banda do Rocklab (de 10 anos en adiante). Historias Grunges I e II son os grupos que se desdobran e, polo tanto, incluirán catro clases en vez de dúas.

Segundo avanzan os coordinadores do Rocklab, os músicos Gonzalo Maceira (Furious Monkey House) e Violeta Mosquera (Bala), en palabras facilitadas polo Concello, salvo o alumnado máis veterano, que traballará nos seus propios proxectos, o resto axudará a compoñer unha soa historia.

"Gústanos o risco. Por iso, este ano enlazamos todos os obradoiros nunha soa proposta, que quedará descuberta en directo durante a clausura do Salón do Libro", explican. "Aínda non podemos revelar a temátiva, pero o que si revelamos é que haberá moita innovación musical, moita percusión, risas, crítica social e como non... moitísimo rock’n’roll!".

Segundo os organizadores, nos diferentes talleres, os participantes coñecerán dende ritmos tribais e sudamericanos ata música electrónica pasando por estilos como o grunge. Tamén descubrirán referencias cinematográficas ou de videoxogos.

Comentarios