O RockLab clausurará o domingo a edición máis virtual do Salón do Libro

Será logo de dous meses de intensa actividade nas súas redes e web para amenizar o confinamento da cativada e dotar ás familias de recursos de xogo
Obradoiro Monster no Salón deste ano. CEDIDA
photo_camera Obradoiro Monster no Salón deste ano. CEDIDA

O Salón do Libro pechará as súas portas virtuais o vindeiro domingo 17 de maio, día das Letras Galegas, logo de dous meses nos que a actividade se levou a cabo nas súas redes sociais por mor da Alerta Sanitaria da covid-19, que obrigou a pechar as portas físicas do Salón o xoves 12 de marzo.

O confinamento e as sucesivas prórrogas do estado de alarma, ampliaron tamén a duración desta versión virtual dun Salón que tiña programada a súa clausura orixinal o domingo 22 de marzo.

A difusión será a través de Facebook, Instagram, Youtube e www.salondolibro.gal

Así como se adaptou o formato de diferentes actividades previstas no programa, o Salón plantexou a mesma vía para o concerto de clausura, a cargo do RockLab, actividade músical do Concello de Pontevedra, impartida no Pazo da Cultura e dirixida por Gonzalo Maceira. Aceptaron a proposta con moita ilusión pero levala a cabo non foi sinxelo tal e como comentou: "Traballamos con 30 alumnos/as de seis a dez anos a través de Goole Classroom e Zoom para as clases e levamos a cabo sesións de diferente tipo: invididuais, por grupos pero sobre todo moita formación para pais, que se involucraron moitísimo no proxecto. Sen a súa colaboración e implicación 100% non tería sido posible chegar a porto". Sen desvelar o contido do concerto, que leva unha parte de escenografía e interpretación tamén, Gonzalo avanza que "aínda que pareza imposible, o audio é da cativada".

A emisión das actuacións dos Rock 'N' Roll Monsters e Os Cabaleiros e Damas do Rock terá lugar o domingo 17 cara ás 18.00 horas no Facebook, Instagram, Youtube e web do Salón.

Unha xornada tan especial como é o peche logo de tantas semanas xuntos, require dunha programación especial entre a que cabe destacar tamén a segunda parte do obradoiro Aprende banda deseñada con Fiz de Kiko Dasilva. Ao longo do día terá lugar tamén a difusión de diferentes pezas recopilatorias, sorpresas e, aínda que non gusten moito, despedidas.

Comentarios