O reloxo do festival

Romaría de rock and roll

O Surfing the Lérez encherá este sábado Pontevedra de música con Delorentos, Killer Barbies e máis bandas ►A cita pretende ser un evento familiar no que os nenos sexan os protagonistas
Los integrantes de 'Arizona Baby'
photo_camera Los integrantes de 'Arizona Baby'

Mellor tarde que nunca. O Surfing the Lérez chegou este ano cuns meses de retraso por mor da chuvia mais, finalmente, este sábado encherá a Illa do Covo de música. Despois de ser suspendido no mes de xuño debido ao mal tempo, volve agora para pechar a tempada de festas do verán.

Unha «romaría de rock and roll», destinada a nenos de cero a cen anos e de carácter familiar. Así definiu onte o organizador do evento, Marcos Rivas, a cita do vindeiro sábado. Por iso, insistiu en que o Surfing the Lérez non é un botellón, e animou á xente a ser responsable no uso do espazo público que ocupa o festival. Á presentación do mesmo tamén asistiu a concelleira de Festas, Carme da Silva, que explicou que a cancelación do evento propiciou que os organizadores tiveran máis tempo para preparar mellor as actividades.

A banda viguesa Killer Barbies, liderada por Silvia Superstar, dará un dos seus últimos concertos no Surfing the Lérez 

Os grupos que estaban confirmados para asistiren ao festival en xuño caeron do cartel na súa meirande parte. Porén, incorporáronse novas bandas entre as que destacan a viguesa Killer Barbies, liderada por Silvia Superstar e que ofrecerá en Pontevedra un dos seus últimos concertos, ou a irlandesa Delorentos. Ademais, tamén estarán no Surfing the Lérez os vallisoletanos de Arizona Baby, Ángel Stanich, Los Pontiaks, Los Motores, Sugar Mountais, The Grave Dolls, Julián Maeso, Gold & Colt ou A Banda do Terror, que pechará o festival acompañada de músicos doutras agrupacións participantes.

Bandas como Wyoming y los Insolventes ou Guadalupe Plata, que formaban parte do cartel de xuño, non poderán estar nesta ocasión por problemas de axenda, mais actuarán na Sala Karma de Pontevedra en decembro e no- vembro, respectivamente. No festival haberá tamén unha carpa con comida na que se interpretarán cantos de taberna.

Furious Monkey House ofrecerá un concerto e máis un obradoiro antes de comezar unha xira pola Península

Para entrar no festival só é preciso entregar unha doazón ao voluntariado da Redeaxuda. Segundo explicou onte Carme da Silva, as principais necesidades son alimentos básicos e cueiros da talla catro. O ano pasado reuníronse máis de dúas toneladas de comida e nesta edición a organización espera alcanzar as tres toneladas.

Unha das prioridades do festival é a presenza de nenos. Deste xeito, o evento conta cunha ampla programación de actividades destinadas aos máis pequenos. Dende carreiras de sacos a competicións de buxaina, chapas, ou inchábeis. Haberá oito persoas encargadas da animación para os máis pequenos. Ademais, os pequenos integrantes do grupo de música Furious Monkey House ofrecerán un obradoiro musical e un concerto como anticipo da xira que realizarán por España.

Unha das sorpresas da xornada será unha exhibición de Quidditch, un deporte pertencente ao universo Harry Potter, xa que aparecía na saga de novelas sobre o mago. «Trátase dunha mestura entre brilé e voleibol, con vasoiras, pero non podo explicar moito máis porque hai que velo», explicou Marcos Rivas. O club de rugby feminino Mareantes tamén protagonizará unha mostra do deporte para os asistentes.

O Surfing the Lérez non é só música, na Illa do Covo tamén se celebrarán moitas outras actividades paralelas e mesmo haberá un mercadiño con obxectos de segunda man formado por 20 postos.

Con todo preparado para o festival só queda mirar para o ceo. Afortunadamente, desta vez as previsións vaticinan un día solleiro con temperaturas que poden chegar aos 25 graos.

Comentarios