Rosario Álvarez e Menchu Lamas, gañadoras do Premio Otero Pedrayo 2021

O xurado, reunido este mércores no Pazo Provincial e encabezado pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, salientou a "extraordinaria" traxectoria das dúas galardoadas e a súa fundamental contribución á cultura galega
undefined
photo_camera O xurado reuniuse este mércores na Deputación de Pontevedra. GONZALO GARCÍA

A presidenta do Consello da Cultura Galega, a pontevedresa Rosario Álvarez, e a artista viguesa Menchu Lamas son as gañadoras do Premio Otero Pedrayo 2021, convocado pola Xunta de Galicia e polas catro deputacións galegas e que este ano organiza a de Pontevedra.

O xurado, reunido este mércores e presidido por Carmela Silva, destacou a aportación de ambas galardoadas á cultura galega tras conceder este recoñecemento ex aequo a Menchu Lamas, cuxa candidatura propuxo a Deputación de Pontevedra, e a Rosario Álvarez Blanco, proposta pola escritora Fina Casalderrey en representación da Real Academia Galega. O galardón está dotado con 16.000 euros.

Carmela Silva foi a encargada de comunicar a decisión a ambas as dúas premiadas ás que trasladou os parabéns de todo o xurado e manifestou a súa satisfacción por "este recoñecemento a representatividade das mulleres, algo que cremos imprescindible". A presidenta provincial enxalzou "a extraordinaria" traxectoria das dúas premiadas e lembrou que "durante moito tempo as mulleres xogamos un papel moi por debaixo do moito que temos aportado á cultura. É fundamental rachar cos datos abraiantes de invisibilización recordando que desde 1977 tan só cinco mulleres, co galardón de Lamas e Álvarez Blanco, foron gañadoras deste Premio".

XURADO. Amais de Carmela Silva e Fina Casalderrey en representación da RAG, integraron o xurado o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez (por delegación do conselleiro de Cultura da Xunta); Xurxo Couto (en representación da Deputación de A Coruña); Tareixa Ferreiro (representando á Deputación Lugo); Ana Patricia Torres (Deputación Ourense); Victoria Alonso (Deputación de Pontevedra); María do Mar Lorenzo (en representación da Universidade de Santiago); Alfonso Caride Losada (Universidade de Vigo); Manuel Ferreiro Fernández (Universidade de A Coruña), entre outros.

Rosario Alvarez presidenta del Consello da Cultura GalegaPREMIADAS. Rosario Álvarez Blanco (Pontevedra, 1953) é unha das mulleres máis relevantes da cultura en Galicia e a primeira en presidir o Consello da Cultura Galega, cargo que ocupa desde 2018. Atesoura un importante labor no ámbito da universidade, da investigación e da defensa da cultura gales e está vencellada desde o inicio da súa traxectoria profesional a numerosos organismos culturais e educativos.

É licenciada en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde é catedrática na área de Filoloxías Galega e Portuguesa. Foi vicerreitora de profesorado da universidade (1990-1994), directora do Departamento de Filoloxía Galega (1995-1999) e directora do Instituto da Lingua Galega (2005-2013), entidade á que pertence desde 1974.

Integrante do equipo do Atlas Lingüístico Galego (ALGa), é coautora de dúas gramáticas do galego, con Henrique Monteagudo e Xosé Luis Regueira (1986) e Xosé Xove (2002), e investigadora principal do equipo redactor da gramática da Real Academia Galega. É directora do Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués, no que colaboran equipos de Galicia, Portugal e Brasil, e codirectora do proxecto Gondomar. Corpus dixital de textos galegos da Idade Moderna; no CCG é, ademais, responsable do proxecto Gallaeciae Monumenta Historica e directora da revista Estudos de Lingüística Galega. Pertence á Real Academia Galega desde o ano 2003, con funcións de coordinadora do Seminario de Gramática (desde 2003), Tesoureira (2013-2017) e directora da Sección de Lingua (desde 2013).

Menchu Lamas. ARQUIVOCarmen Lamas Pérez, Menchu Lamas (Vigo, 1954), é probablemente a artista galega de maior proxección internacional e unha creadora fundamental na renovación da arte galega. Convértese na primeira artista plástica en gañar o Premio. Lamas, tras estudar Deseño Gráfico na Institución Artística de Enseñanza (IADE) de Madrid e iniciar a súa traxectoria no Colectivo da Imaxe, con Carlos Berride, Antón Patiño e Jorge Agra, debutou cunha exposición colectiva na Praza da Princesa de Vigo en 1974 e colaborou tamén co grupo poético Rompente en dous libros de poemas.

Foi fundadora do colectivo referente da Arte Galega contemporánea Atlántica en 1980, xunto a Antón Patiño, Ánxel Huete, Guillerme Monroy e Román Pereiro. Trala súa primeira exposición individual na Galería Buades de Madrid no ano 1982, durante esa década participou nalgunhas das mostras colectivas máis importantes da arte española contemporánea como 26 Pintores/ 13 Críticos, a segunda edición do Salón dos 16, a Bienal Nacional de artes Plásticas ou Cinco nomes de muller. Realizou múltiples exposicións individuais e participou en diversas mostras colectivas en distintos países.

En 2018 ingresou na Real Academia Galega de Belas Artes. Conta cos premios Viguesa distinguida (2016) e o Premio Cultura Galega das Artes Plásticas en 2010.

Comentarios