Rosario Álvarez e Menchu Lamas reciben os Premios Otero Pedrayo

O Pazo da Deputación acolleu onte a entrega dos galardóns da cultura galega que recaeron exaequo na lingüista pontevedresa e na pintora de Vigo nunha cerimonia solemne e emotiva
 
Rosario Álvarez e Menchu Lamas. DP
photo_camera Rosario Álvarez e Menchu Lamas. DP

A cultura, as artes e a lingua vestíronse de longo este sábado na Deputación de Pontevedra coa solemne gala de entrega dos Premios Otero Pedrayo 2021, que este ano organizou a institución e que recoñeceu ex aequo a dúas grandes mulleres: a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e a artista plástica Menchu Lamas.

Unha longa alfombra vermella que se despregou desde a explanada de Montero Ríos e as escalinatas centrais e se estendeu ata o Salón de Plenos, acolleu a cerimonia que presidiu a presidenta provincial, Carmela Silva, acompañada polas representacións das deputacións galegas, das universidades, da Xunta, dos presidentes da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, e da Fundación Otero Pedrayo, Eduardo López, e de moitos nomes do tecido cultural e das artes de Galicia.

Rosario Álvarez: "Concibo a cultura en 360 graos e Galicia é o meu universo"

O solemne acto foi conducido pola escritora María Canosa, e contou coa actuación de Alejo Amoedo ao piano e Lucía Comesaña coa zanfona. Á cerimonia asistiu tamén a escultora Soledad Penalta, autora da peza artística dos premios. Trala recepción das premiadas, que asinaron no Libro de Honra da institución celebrouse a gala de entrega dos premios. Tras a proxección dun vídeo sobre a figura de Otero Pedrayo e os Premios que levan o seu nome, procedeuse á lectura da acta do xurado polo presidente da Fundación, Eduardo López, quen oficializou os galardóns a Menchu Lamas, a artista galega de maior proxección internacional, e Rosario Álvarez, a primeira muller en presidir o Consello da Cultura Galega.

Menchu Lamas:"Cando se valora a creación se está a valorar o que é o futuro dun país"

Ambas as dúas tamén foron homenaxeadas coas tradicionais loas que realizaron a escritora Fina Casalderrey, que glosou a figura de Rosario Álvarez, da que destacou o feito de ser tantas veces pioneira na proxección da lingua "a María Moliner galega e moito máis, e referente imprescindible no estudo e investigación científica da lingua"; e Rosario Sarmiento, xestora cultural e comisaria artística no caso de Menchu Lamas, que puxo en valor que "con ela se recoñeza por primeira vez nos Premios o traballo dunha artista plástica galega".

Ambas premiadas convértensena cuarta e na quinta muller galardoadas nos 44 anos de historia dos Otero Pedrayo.

Finalmente, Carmela Silva pechou o acto apelando ao orgullo "a nosa cultura creativa, da nosa arte en todas as disciplinas".

Comentarios