De ruta por unha cidade moi teatreira

Dous autores da AELG propoñen percorrer Pontevedra trala pegada dos dramaturgos galegos
Portada da unidade didáctica de Miriam Ferradáns. ILUSTRACIÓN DE LUZ BELOSO
photo_camera Portada da unidade didáctica de Miriam Ferradáns. ILUSTRACIÓN DE LUZ BELOSO

Cando todo isto pase, haberá moitos plans que botarán a andar de novo. Un deles é a creación duns roteiros pola cidade trala pegada dos dramaturgos galegos e as súas obras. A idea nace dun proxecto da Asociación de Escritores en Lingua Galega, que ofrece distintas propostas nas que se implica a autores da casa, como Eva Mejuto, Montse Fajardo, Nee Barros e Miriam Ferradáns, coas distintas linguaxes literarias, e que tamén se converteron en dez unidades didácticas que, coordinadas pola escritora e profesora Anna Figueiredo, trata de levar a literatura galega ás aulas.

O escritor e youtuber pontevedrés Nee Barros e a escritora Miriam Ferradáns decantáronse polo teatro para realizar as súas achegas. Xunto a Camilo Franco asinan Escena para todas, que ten por obxectivo promover o coñecemento e o uso da literatura galega na escola tendo o teatro como protagonista. "A idea é transmitirlle á rapazada nesa unidade didáctica que se atrevan a ir ó teatro. Falamos do que nos achega a experiencia teatral dun xeito divertido, porque ó teatro vas a pasalo ben, a idea do teatro é que vas pasar un bo rato", explicou a coordinadora. "Cada proposta está relacionada coa cidade, por iso intentamos ligalo con autores nacidos na cidade ou moi vinvulados a ela. A idea é que coñezas a túa cidade", engadiu.

O obxectivo é que a rapazada se atreva a ir ó teatro

PONTEVEDRA. Os soportais e as rúas de pedra do centro histórico de Pontevedra acollen parte do roteiro trazado por Nee Barros. "Todos os anos a AELG e o Concello de Pontevedra organizan uns roteiros literarios coa cidade de Pontevedra cunha visión literaria. Cando mo propuxeron pensei que sería interesante darlle unha visión dende o teatro", manifestou o youtuber. "Pontevedra é unha parte fundamental para min e ademais de querer transmitir isto quería levalo un pouco pola historia da literatura galega", engadiu.IMG-20210128-WA0017

Precisamente, Nee Barros ten unha canle de Youtube na que dun xeito ameno explica a historia da literatura galega. "Nesta ocasión o que fixen foi preparar un percorrido a través de autores que escribiron teatro ó longo da historia en galego na provincia e na cidade de Pontevedra". Desde Xoán Manuel Pintos, Bernardino Graña e Castelao a nomes máis recentes como o grupo de teatro Migallas ou a directora Marta Pazos teñen presenza na proposta do escritor. Polo de agora, a pandemia impediu que se puideran realizar os roteiros, pero a AELG ten previsto colgalos na súa páxina web.

"No meu proxecto explico que Pontevedra é unha cidade moi teatreira, falo dos autores e a súa relación coa cidade, do Teatro Principal e ó mesmo tempo inclúo actividades con fragmentos das obras destes autores", subliñou Barros. "Gústame o teatro dende pequeno, fago teatro e teño un pequeno proxecto coa editorial Galaxia, titulado Identidade, e un poemario con trazos teatrais, 19 poemas para un virus 19", engade.

Por outra banda, a unidade de Miriam Ferradáns trata sobre Aurora Vidal. Leva por título Os ollos das mulleres e convida a percorrer os lugares antes transitados por mulleres decididas quen, ó seu paso, foron abrindo espazos máis ou menos extensos, máis ou menos iluminados pero sempre necesarios para o devir das que as sucederon.

Ambas unidades didácticas contan con ilustracións da autora Luz Beloso.

Comentarios