O Salón do Libro acollerá un Congreso Internacional de Mediación Lectora

A mestra Eulalia Agrelo, a concelleira Carme Fouces e o decano Vicente Romo (de esquerda a dereita) na presentación. OLGA FERNÁNDEZ
photo_camera A mestra Eulalia Agrelo, a concelleira Carme Fouces e o decano Vicente Romo (de esquerda a dereita) na presentación. OLGA FERNÁNDEZ

Pontevedra é boa vila e dá de ler a quen pasa. Xogando co dito popular (Pontevedra é boa vila e dá de beber a quen pasa), o Salón do Libro Infantil e Xuvenil da cidade decidiu reunir na súa próxima edición (do 6 ao 29 de abril) todas as actividades formativas baixo o lema Dar de ler. Enmarcado nesa sección celebrarase o I Congreso Internacional de Mediación Lectora.

A concelleira de Cultura, Carme Fouces; o decano da facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Vicente Romo, e a mestra Eulalia Agrelo presentaron o mércores esta iniciativa que organizan conxuntamente Concello, Universidade de Vigo e a rede de Literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico e Iberoamericano (Lijmi). "Do que se trata é de dar visibilidade e formación á mediación lectora para acadar lectores críticos e que saiban escoller", sinalou Fouces.

A profesora de Ciencias da Educación Eulalia Romo explicou que se fala de mediación lectora no ámbito da literatura infantil e xuvenil para referirse ás persoas que fan de intermediarias entre o produtor literario e o lector final. O termo engloba dende a pais e a mestres pasando por bibliotecarios, entre outros. "Trátase dunha peza clave no eido educativo e cultural". Sobre o papel destes mediadores reflexionarase no congreso, que terá lugar entre o 19 e o 21 de abril.

MÉXICO. México será o país convidado do evento (igual que o é do Salón do Libro). Tamén se contará con participación portuguesa. Segundo explicou Agrelo, entre os asistentes estarán, por exemplo, a mexicana Rocío Kuri, "que protagonizará unha contada xunto á galega Cris de Caldas", ou a ilustradora portuguesa Mafalda Milhões, "que impartirá un obradoiro". "Ademais, contaremos coa presenza de autoras galegas da relevancia de Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre".

►Máis información sobre o congreso e inscripcións

Autores e ilustradores compartirán protagonismo con educadores, investigadores e persoas doutros ámbitos, como o das bibliotecas ou o das librerías. Haberá, segundo se avanzou este mércores, dende mesas redondas ata obradoiros de diferente tipo e roteiros literarios. "O programa definitivo farase público en poucos días e, a partir dese momento, todos os interesados en inscribirse poderán facelo de balde ata que se completen as prazas dispoñibles". A información completa estará dispoñible na páxina web do Salón (salondolibro.org).

"Do que se trata, en definitiva, é de axudar a visibilizar dunha forma notoria o noso sistema de literatura infantil e xuvenil", contou Eulalia Agrelo, que considera fundamental facer unha reflexión sobre a mediación lectora. "Ás veces, traballamos nun círculo excesivamente pechado e é importante promover actividades deste tipo, que nos poñan en relación a uns axentes con outros e fomenten a retroalimentación".

Na programación que adiantou a organización do congreso ten un papel destacado a autora homenaxeada o Días das Letras Galegas, María Victoria Moreno. Manuel Bragado presentará un libro sobre a escritora e mestra, e Fina Casalderrey conducirá un roteiro literario por distintos puntos de Pontevedra inspirado na súa figura.

"É LAMENTABLE QUE A XUNTA DEIXE DE IR ÁS FEIRAS". "A feiras internacionais do libro son os escaparates nos que se coce todo. Tomamos este tipo de decisións e despois preguntámonos por que nos comen as papas. A decisión da Xunta de deixar de acudir a estes eventos é lamentable", dixo onte Carme Fouces.

A concelleira de Cultura aproveitou a rolda de prensa para valorar a nova de Sermos Galiza na que se desvelaba que a Xunta de Galicia deixaría de participar en catro das cinco feiras internacionais do libro ás que acudía (Boloña, Frankfurt, Barcelona e Guadalajara; mantén a de Bos Aires).

"No Concello de Pontevedra temos moi clara a relevancia do sector do libro e traballamos con el dende hai anos. Lamentamos que a Xunta non o faga", dixo.

Cid publica o catálogo de 'Fe de erratas'

Rosendo Cid publica o catálogo de 'Fe de erratas'. OLGA FERNÁNDEZ

O creador ourensán Rosendo Cid presentou este mércores, na sede da Fundación RAC de Pontevedra, o catálogo do proxecto expositivo que realizou nese mesmo espazo, Fe de erratas. Fíxoo a través dunha charla co crítico e comisario de arte David Barro.

A mostra de Cid ocupou as instalacións da Fundación RAC durante o último trimestre do ano pasado.

Comentarios