O Salón do Libro centrarase na 'Emerxencia literaria' marcada polo covid

O encontro arredor de literatura infantil levará por título Emerxencia literaria. Libros para salvar o planeta e, no canto de contar cun único país invitado, estende o convite a todo o mundo porque "a pandemia demostrou que estamos conectados"
Carmen Fouces na presentación do evento. GONZALO GARCÍA
photo_camera Carmen Fouces na presentación do evento. GONZALO GARCÍA

O Salón do Libro confía en volver en 2021. O equipo de Cultura do Concello de Pontevedra traballa xa na programación pormenorizada do evento, aínda que conta xa co «esqueleto xeral» do evento, que terá lugar entre o 5 e o 21 de marzo do ano que vén. Desta vez, o tema central arredor do encontro será o planeta, co título Emerxencia literaria. Libros para salvar o planeta, tal e como avanzou a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, na mañá de onte.

"Precisamos falar do que nos está acontecendo co apoio dos libros, para iso contaremos coa axuda do proxecto PO2 e os obxectivos de desnvolvemento sostible. Queremos traballar en todos os ámbitos, tamén o cultural, para cumprir con estes obxectivos", explicaba onte Fouces. No mesmo sentido, indicou que "falamos moito de oídas, pero tamén temos que ler". 

Deste xeito, a responsable de Cultura recordou que o ano pasado o Salón do Libro tivo que ser suspendido seis días despois da súa apertura por mor da pandemia e o estado de alarma, á vez que se traballou arreo para ofrecer unha versión en liña que substituíse a programación prevista. Neste sentido, a organización do evento manterá nesta próxima edición de 2021 aos mesmos personaxes homenaxeados que ían recibir tributo en 2020. Trátase de Helena Villar Janeiro e Kiko da Silva. "Retomaremos a homenaxe pendente e recuperarermos as dúas exposicións ligadas a estes autores que o ano pasado non puideron chegar a verse", contou onte Fouces.

No mesmo sentido, a concelleira explicou que, desta vez, non haberá ningún país invitado ao evento e que este convite farase extensivo a todo o planeta. "Probablemente haberá problemas de mobilidade e esta pandemia demostra que estamos todos conectados, cada un coa súa cultura e experiencia, hai un fío conector que nos une a toda a humanidade", declarou a concelleira. Deste xeito, a organización do Salón do Libro contará coa colaboración da rede de escolas Unesco para facilitar o contacto telemático con escolas de todo o mundo. "Usaremos esa plataforma e as tecnoloxías para estar en contacto con nenos e nenas de moitos lugares", contou Fouces.

A tecnoloxía é precisamente unha das apostas do Salón nesta nova edición. Por iso, o equipo de traballo do evento tratará de aproveitar ao máximo este recurso para que o salón chegue "a todos os recunchos" nun momento no que os actos presenciais están limitados por cuestións de aforo.

Como é habitual, as tardes e as fins de semana no Pazo da Cultura estarán adicadas ao lecer en familia. Neste sentido, a Concellería de Cultura repetirá a idea das festas do verán, espalladas por diferentes espazos, para non concentrar toda a actividade no Pazo da Cultura e evitar aglomeracións. "Aínda está por determinar os lugares, isto vai ter un custo importante pero pensamos que é máis importante a seguridade", contou Fouces, que recordou que iso non significa que non vaia haber actividade no Pazo da Cultura.

Do mesmo xeito, como xa é habitual, no contexto do Salón do Libro celebrarase un congreso de mediación lectora cuxa organización está pendente. Ante a posibilidade de que non se poida asistir de xeito presencial por mor das restricións derivadas da pandemia, a organización xa baralla a posibilidade de celebralo de xeito telemático.

Aínda así, Fouces explicou onte que a súa intención é celebrar un Salón do Libro "o máis presencial posible", aínda que a evolución da covid-19 determinará se este desexo se pode levar a cabo ou non.

Comentarios