martes. 20.08.2019 |
El tiempo
martes. 20.08.2019
El tiempo

O Salón do Libro cumpre 20 anos chamando á revolución

Orbil entregándolle a programación do XX aniversario do Salón do Libro ao alcalde. GONZALO GARCÍA
Orbil entregándolle a programación do XX aniversario do Salón do Libro ao alcalde. GONZALO GARCÍA

Máis de 300 actividades conforman a programación dun evento polo que pasarán 30.000 visitantes, 10.000 deles escolares ▶A lusófona será a literatura convidada e Antonio García Teijeiro o autor homenaxeado ▶"Non hai nada nin parecido en todo o país"

A revolución é o tema que o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra elixiu como eixe das actividades do seu XX aniversario. "É un tema moi fiado porque, efectivamente, este proxecto naceu hai 20 anos coa vontade de revolucionar a cidade contando co libro como ferramenta", explicou a concelleira de Cultura, Carme Fouces, este mércores, na presentación da programación do evento, que se celebrará entre o 22 de marzo e o 12 de abril. "Non hai nada nin parecido a isto en todo o país. E conseguiuse que formase parte da nosa vida cotiá, que se integrase nela. Ata o punto de que todo isto que se fai aquí poida parecer normal, pero non hai que esquecer que é excepcional".

Máis de 300 actividades conforman a programación do XX Salón do Libro de Pontevedra, que o ano pasado recibiu arredor de 30.000 visitantes. Desta vez está confirmada a asistencia de 6.000 escolares, dos 60 colexios colaboradores do evento. "En total serán uns 10.000 estudantes os que pasarán pola proposta", aclarou Fouces.

ℹ Saber máis
Información completa do Salón do Libro: www.salondolibro.gal

A concelleira lembrou que, entre as novidades desta edición, está a incorporación da Sala VIP do Pazo da Cultura, a extensión cara a Residencia de Campolongo ou a posta en funcionamento dun trocalibros, unha idea do IES Torrente Ballester. Ademais, fixo fincapé nos que serán os dous grandes protagonistas deste ano: a cultura convidada, a lusófona, e o autor homenaxeado, Antonio García Teijeiro.

RECOÑECEMENTO. Carme Fouces quixo ademais facer un recoñecemento público ás persoas e empresas que ao longo destes 20 anos traballaron no Salón. Mención á parte fixo á mascota do evento, creada por Kiko da Silva, o lobo Orbil (bautizado coa palabra libro ao revés), dunha gran popularidade entre o público, sobre todo o infantil, e a todos os concelleiros de Cultura que a precederon. "Dende Luís Bará, como construtor, a Anxos Riveiro, pasando por María Xesús López Escudeiro e Lola Dopico".

Á hora de destacar parte das actividades da programación, Fouces comezou sinalando como o Congreso de Mediación Lectora (do 27 ao 30 de marzo), que se puxo en marcha o ano pasado e no que participarán desta vez a escritora e xornalista brasileira de 82 anos Marina Colasanti, o Premio Andersen de Ilustración Roger Mello ou o poeta e tradutor angolano Zetho Cunha Gonçalves, era algo do que estaban "especialmente orgullosos".

Os espazos gastro-literario, cantina lusófona incluída (ademais da colaboración con 50 establecementos hostaleiros da cidade), e de banda deseñada, que contará cunha biblioteca e dúas exposicións de Kiko da Silva; as colaboracións co programa municipal de ocio alternativo xuvenil para as fins de semana Noites Abertas ou co obradoiro municipal de música RockLab; e a posta en marcha de novos roteiros pola cidade tamén son novidades destacadas do Salón do Libro 2019.

TEATRO E MÚSICA. Mención especial merece o apartado escénico da programación. O evento, ademais de ser escenario da estrea da última montaxe da compañía pontevedresa Baobab, Mai Mai, acollerá o 2 de abril, Día da Litetura Infantil e Xuvenil, xunto coa homenaxe a García Teijeiro, a estrea do espectáculo Po e xía. "E, á noitiña, para público adulto, a proposta poético musical Cría fama e bótate a correr, de Aldaolado", explica a organización do evento.

Outros espectáculos destacados son o concerto Paseniño, paseniño: 20 anos de revolución, co coro do IES A Xunqueira, o quinteto de metais do Conservatorio, Pavís Pavós e Raquel Queizás, dirixidos por Marcelo Dobode; a estrea de A nena e o grilo máis aló, de Magín Blanco, e Comboio da lusofonía, de Maria Fumaça; Cancións para desafinar, da Gramola Gominola, e Conto contigo, de Paco Nogueiras. Aos bebés están dirixidos Comenoites, de Os Náufragos, Crash babies, de We Tum Tum, e Afinal o caracol, de Andante Teatro. Para rematar co apartado escénico, para público adulto programaranse Helena, de Teatro Atlántico, e Celebración, de Sarabela Teatro.

O Salón do Libro incluirá este ano tamén ata 15 propostas expositivas que van dende Paseniño, paseniño, de Antonio García Teijeiro, e Carvoeirinhos, de Roger Mello, no Pazo da Cultura, a Movimento de Ilustração Portuguesa, no Museo, pasando por Ao final da fuxida, de Ángel de la Calle, no Recinto Feiral.

A ter en conta
Estrea de Baobab
Un dos acontecementos centrais da programación será a estrea de ‘Mai Mai’, de Baobab (24 de marzo).

Espazo VIP
‘Lemos e somos VIP’ é un novo espazo de encontro con autoras como Fina Casalderrey, María Reimóndez, Marilar Aleixandre ou Sés.

Residencia de Campolongo
Escolares da cidade acudirán o 5 de abril ao espectáculo ‘Alegría!’, de Sergio Tannus e Marta Bravo, na Residencia de Campolongo.

Trocalibros
A iniciativa do IES Torrente Ballester incorpórase ao programa: trátase dun espazo no que se poderán trocar todo tipo de libros.

Cantina lusófona
O Recinto Feiral, que non pechará ao mediodía durante as fins de semana, contará cunha ‘cantina lusófona’ para degustar petiscos.

Roteiros
O Salón incorpora dous roteiros: un polas librerías da cidade e outro por conta de Manuel Lourenzo.

O Salón do Libro cumpre 20 anos chamando á revolución
Comentarios