sábado. 31.07.2021 |
El tiempo
sábado. 31.07.2021
El tiempo

O Salón do Libro homenaxeará ao escritor Antonio García Teijeiro

Antonio García Teijeiro, no Concello. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Antonio García Teijeiro, este luns, no Concello. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O evento recupera o recoñecemento a un autor concreto tras prescindir del en 2015

"Temos o pracer de anunciarvos que Antonio García Teijeiro será o autor homenaxeado dentro do XX Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra", anunciou este luns a concelleira de Cultura, Carme Fouces, que lembrou que o evento (22 de marzo-12 de abril) está adicado este ano á revolución. "E pensamos que nada máis revolucionario que a poesía nestes tempos onde manda a rapidez, da inmediatez e da tecnoloxía, por iso escollemos a un grandísimo poeta como figura homenaxeada. Porque aínda que esta nova xeira do Salón reforza a internacionalización do evento, seguimos reivindicado o noso, os creadores e creadoras galegas da Literatura Infantil e Xuvenil (LIX), que son, como sabedes, unha auténtica potencia".

Con Antonio García Teijeiro, o Salón do Libro de Pontevedra recuperará en 2019 a figura do autor homenaxeado tras prescindir dela na edición de 2015. Ata ese momento, o evento recoñecera traxectorias como as de Marilar Aleixandre, Xabier P. Docampo, Paco Martín ou Xosé Neira Vilas.

García Teijeiro, que foi galardoado en 2017 co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por Poemar o mar, protagonizará varias actividades do Salón, terá libros seus expostos na biblioteca do evento e será homenaxeado o 2 de abril, día da LIX, por parte de escolares.

Fouces quixo salientar este luns a traxectoria polifacética de García Teijeiro como mestre, mediador, poeta, blogger (garciateijeiro.blogspot.com), tradutor, editor... Ademais, ten recibido o premio Merlín e varias das súas obras foron incluídas en listas internacionais como a do IBBY. A concelleira destacou "o esforzo e bo facer na visibilización e dignificación da poesía para os nenos e as nenas" e que é un "defensor dela como elemento transformador da infancia e da sociedade", en palabras recollidas polo Pazo da Cultura nunha nota de prensa.

CIDADE PROPIA. Pola súa banda, García Teijeiro manifestou a ledicia ante o recoñecemento "dunha cidade que admiro e considero miña". Tamén eloxiou unha iniciativa como a do Salón do Libro de Pontevedra e reivindicou o papel dos poemas na sociedade actual. "É fundamental para o desenvolvemento da sociedade e dos nenos e nenas. Por iso é importante a figura do mediador, para transmitir a súa importancia. A poesía é a irmá pobre da literatura, pero a máis requirida cando as cousas non van ben, en tempos de inxustiza e de reivindicación".

O Salón do Libro homenaxeará ao escritor Antonio García Teijeiro
Comentarios
ç