O Salón do Libro de Pontevedra, entre as mellores iniciativas culturais en Galicia no 2020

Na listaxe do Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea tamén figura en segundo posto o Culturgal
Inauguración do Salon do Libro Infantil e Xuvenil. DAVID FREIRE
photo_camera Inauguración do Salon do Libro Infantil e Xuvenil. DAVID FREIRE

O Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra figura, por primeira vez, entre as 15 mellores iniciativas culturais do ano 2020 en Galicia. Neste ranking, elaborado anualmente polo Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea, tamén figura en segundo posto a Feira das Industrias Culturais, o Culturgal , que no 2019 encabezaba a listaxe.

A concelleira de Cultura, Carme Fouces asegurou que "esta é unha moi boa noticia para Pontevedra, que demostra o compromiso de calidade co que estamos a traballar no ámbito da Cultura e que, ademais, se corresponde co inicio dunha nova etapa para a cultura feita aquí e deste aquí, con calidade e profesionalidade".

Fouces agradeceu o esforzo, sobre todo no 2020, de todas as persoas que traballaron para sacar adiante o Salón "nun momento adverso no que parecía que todo se viña abaixo" e manifestou a intención do seu departamento de "seguir traballando para acadar postos máis altos no ranking de vindeiros anos".

Na pasada edición, o Salón do Libro reinventouse sobre a marcha para seguir ofertando contidos en liña tras a declaración do estado de alarma aos cinco días da súa apertura. Así, o Salón virtual ofreceu a través das redes 120 publicacións durante dous meses de actividade, chegando a 150.000 persoas e contabilizando 120.000 interaccións.

O Observatorio da Cultura elabora dous rankings, un relativo ao panorama estatal e outro por comunidades autónomas, co obxecto de dar visibilidade ao mellor da oferta cultural producida en todo o Estado. Os responsables do estudo indican que no ano 2020, con motivo das limitacións da programación cultural derivadas da pandemia, as listaxes sufriron nalgunhas ocasións grandes cambios con respecto a anos anteriores posto que un bo número de propostas culturais non se celebraron.

As listaxes por comunidades recollen as propostas máis destacadas en cada unha delas segundo os profesionais de cada autonomía. Cada un debe sinalar ata dez institucións e acontecementos culturais como os máis destacados do ano 2020. As puntuacións refírense á porcentaxe de profesionais que mencionaron cada iniciativa. O Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, cunha puntuación de 13,3%, comparte posto co Festival Internacional de Galicreques, a Real Filharmonía de Galicia, ambas de Santiago de Compostela, e Corpo (a) Terra - Festival de Danza e Artes do Corpo, de Allariz.

Comentarios