lunes. 10.05.2021 |
El tiempo
lunes. 10.05.2021
El tiempo

O Salón do Libro sae ao aire libre

Unha cativa revisando, este luns en Alba, os títulos que viaxan na Rodalibros. GONZALO GARCÍA
Unha cativa revisando, este luns en Alba, os títulos que viaxan na Rodalibros. GONZALO GARCÍA
As actividades do evento realízanse por primeira vez fóra do Pazo da Cultura buscando alternativas seguras en pandemia ►A furgoneta Rodalibros visitará as parroquias con contos e obradoiros e a Illa do Covo acollerá distintos espectáculos
O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra sae do Pazo da Cultura. Farao obrigado pola pandemia, buscando alternativas máis seguras aos espazos pechados, que eran os que acostumaban a acoller a programación. Este luns comezaron a funcionar algunhas destas novas propostas, como a Rodalibros, unha furgoneta que percorrerá as parroquias, ou como a Illa do Covo, escenario ao aire libre para distintas actuacións.

"A Rodalibros é unha furgoneta que se vai mover polas parroquias", explica a organización do XXII Salón, que se inaugurou o 23 de abril e se prolongará ata o 9 de maio. "É un novo xeito de achegar o evento aos nenos e as nenas das parroquias, que sempre teñen un pouco máis difícil que os do centro o de desprazarse, e ao mesmo tempo é un xeito de evitar que haxa aglomeracións no Pazo da Cultura".

O que leva esta furgoneta é un Salón do Libro en formato reducido. "Iso é. Levamos unha pequena biblioteca para que a cativada poida botar un ollo a algúns contos e montamos cada día unha serie de obradoiros". A única diferenza, polo que se refire á biblioteca, é que os títulos só se poden consultar. Non se ofrece o servizo de préstamo que si hai no Pazo. Polo que se refire aos obradoiros, o número de prazas é limitado, pero non é necesaria inscrición previa. É un dato a ter en conta nun ano no que para a grande maioría de propostas do Salón do libro, todas de balde, é imprescindible facer unha reserva previa.

Axenda Salón do LibroPUNTO DE ENCONTRO. "Cada día visitamos unha parroquia e instalámonos nun sitio que funciona como un punto de encontro para os veciños. Queremos que sexa o máis sinxelo posible localizarnos. E así percorreremos toda Pontevedra ata que remate o Salón". Durante a semana funcionará polas tardes. As fins de semana, mañá e tarde. Os percorridos comezaron este luns en Alba. Este martes estarán en Bora; o mércores en Campañó; o xoves na Canicouva; o venres en Cerponzóns... e así todos os días.

O único que lamenta a organización do Salón é que Orbil non poida viaxar na Rodalibros. "O lobo este ano está moi triste porque non pode saír xogar coa cativada e abrazala, que é o que máis lle gusta no mundo. Está aproveitando para ler un montón de cousas novas". Non se descarta que, de seguir viaxando ás parroquias en vindeiras edicións, Orbil suba na furgoneta.

Unha hora máis tarde de que a Rodalibros quedase instalada en Alba, a Illa do Covo comezaba a funcionar como escenario alternativo aos do Pazo da Cultura. A encargada de inaugurar as propostas ao aire libre foi Andrea Bayer que, xunto a Davide González, presentou o espectáculo Contos para sandar o planeta. As familias responderon a esta proposta enchendo todos os espazos dispoñibles.

Andrea Bayer e Davide González, na Illa do Covo. GONZALO GARCÍA

Este martes será a vez de Pavís Pavós; o mércores a de Bicharracos; o xoves a de Soraya Lema e o venres a de Soledad Felloza.

A maiores, a Illa do Covo tamén acolle este ano boa parte dos obradoiros do Salón. Así, este martes haberá alí un ambiental a cargo dos monitores do evento; o mércores outro de Paspallás; o xoves un de Matrioska e outro de Taller Abierto, e o venres repiten Matrioska e Paspallás.

STREAMING. Ademais, tamén por motivos de seguridade sanitaria, o Salón do libro ofrece este ano a posibilidade de asistir á maior parte dos encontros con autores a través da súa páxina web: www.salondolibro.gal. O mércores, a escritora María Solar protagonizará un faladoiro sobre o seu libro Os nenos da varíola, no que estará acompañada por Luisa Martínez e Marta López para reflexionar xuntas sobre a relación entre literatura e ciencia. Precisamente, a adaptación teatral que do título de Solar fixeron Pérez e Fernández poderase ver o venres no Auditorio do Pazo da Cultura. Outro encontro que se poderá seguir por streaming é o do xoves entre representantes de dúas xeracións de autores galegos que traballan na banda deseñada. Trátase de Miguelanxo Prado e Pablo Prado.

O Salón do Libro sae ao aire libre
Comentarios
ç