miércoles. 03.06.2020 |
El tiempo
miércoles. 03.06.2020
El tiempo

PREMIO MESTRE MATEO POLA DIRECCIÓN DE ARTE DE 'O QUE ARDE'

"O que arde' foi un traballo épico"

O cineasta, guionista e director de arte Samuel Lema co seu premio Mestre Mateo, en Pontevedra. GONZALO GARCÍA
O cineasta, guionista e director de arte Samuel Lema co seu premio Mestre Mateo, en Pontevedra. GONZALO GARCÍA
Di que baixou ao barro co seu equipo no traballo de arte de 'O que arde'. E que este título é un exemplo de película que o público fixo súa. Estradense afincado en Pontevedra dende neno, Samuel Lema prepara agora varios proxectos propios. Un deles é unha curta de amor... e zombies

La carne cruda (2012) foi unha curtametraxe salvaxe, a medio camiño entre o gore e o terror clásico, que levou a Samuel Lema (A Estrada, 1976) a compartir cartel dun festival con David Cronemberg e a gañar premios en certames estadounidenses, británicos e latinoamericanos, entre outros. Dende ese momento ata a actualidade, cando prepara novos proxectos persoais, o cineasta traballou en distintos departamentos de guión, produción e arte da industria. Ten formado parte, por exemplo, dos equipos de Dygra Films (El espíritu del bosque), de Matriuska (La estación violenta), de Ignacio Vilar (Vilamor) e de producións televisivas (Vivir sin permiso). Con Curru Garabal ocupouse da dirección de arte de O que arde. E por ese traballo veñen de gañar o Mestre Mateo.

Sentíanse favoritos?
Eu persoalmente para nada. Curru ten moita máis traxectoria ca min. Pero competiamos con pesos pesados. Juan Pedro de Gaspar (Feedback) ten varios premios Goya, o último por Mientras dure la guerra, de Alejandro Amenábar. Javier Albariño (Quien a hierro mata) e Marc Pou (Hierro) fixeron traballos cun nivelazo. Si que é verdade que posibilidades había porque O que arde foi unha película que o público fixo súa. E iso xogaba ao noso favor. Iso, e o marchamo de ser una película totalmente galega.

Aínda que parece incrible, é a segunda longa premiada na que se fala galego, despois de Doghs hai dous anos, tal e como lembraba o xornalista Ángel Suanzes.
Parece mentira.

"Ao final, o que aplicamos foron técnicas de guerrilla. Que é algo que mola moito, pero que tamén te fai sufrir moito. Si, nadamos en merda moitos días"

O do emprego no castelán na gala foi algo moi comentado nas redes sociais. "Que inquietante fotografía da situación actual do galego no noso país son, ano tras ano, os Mestre Mateo", dicía, por exemplo, o escritor Diego Ameixeiras.
Vin os comentarios, si. A miña experiencia é que no audiovisual en Galicia se fala os dous idiomas máis ou menos por igual. Fifty-fifty diría eu. Pero é só a miña experiencia. Non sei...

Como foi dirixir a arte de O que arde?
Eu cheguei á película a través de Analía Alonso. A primeira parte do filme foi a que fixo Curru Garabal, a do inverno. Eu entrei na segunda. E penso que Oliver [Laxe] quedou contento co que fixemos eu e o meu equipo, que foi unha baixada ao barro absoluta. Foi un traballo épico.

Así de claro.
Así de claro. A humildade non está reñida coa honestidade. E deste traballo quédame esa sensación. No audiovisual dicimos moito que as cousas, se non saen, flúen. Para min traballar con directores como Oliver é algo así como axudar a escribir a historia contemporánea dende o mesmo centro. Iso xa é un agasallo.

Pero que claves manexou para facer a película?
A miña formación [Historia da Arte e Belas Artes] lévame a traballar sempre con conceptos estéticos. Dentro do Novo Cinema Galego, os directores traballan moito co límite entre a ficción e a non ficción. Oliver, por exemplo, non deixa manipular nada que saia no cadro. Non che deixa ambientar. Hai que respectar o que hai. E iso non é sinxelo. Porque se el quere un recipiente para que os porcos beban, ten que ser un recipiente real. A sorte que tivemos é que onde rodamos non houbo fallo. A xente portouse da hostia. A maiores, as grandes dificultades estiveron na construción e na loxística. A escena da vaca na charca, por exemplo, foi unha escena moi complicada. Esa charca houbo que facela. E coidar ao animal. Tamén houbo que construír a fachada da casa que se queima con materiais propios de alí. Aquí teño que dicir que o traballo do meu xefe de construción, Marcelino Quindós, foi absolutamente incrible. Todo o meu equipo, que conformamos catro persoas en total, foi un pilar fundamental. Ao final, o que aplicamos foron técnicas de guerrilla. Que é algo que mola moito, pero que tamén te fai sufrir moito. Si, nadamos en merda moitos días.

O cineasta, guionista e director de arte Samuel Lema co seu premio Mestre Mateo, en Pontevedra. GONZALO GARCÍA

O que non se ve do cine. Aí non hai nada de glamour.
Glamour? Olvídate! O traballo do cineasta non ten glamour ningún. Teno, en todo caso, enfrontarte á idea e aos conceptos. Pero traballar no cine é duro.

Para moita xente, esta película marcou un antes e un despois no Novo Cinema Galego por esa conexión que acadou co público.
Totalmente. O Novo Cinema Galego ten un compoñente intelectual moi grande, que é necesario ademais. Ten moito dun cine de arte e ensaio, que xoga con moitos códigos da posmodernidade. Aquí, sen renunciar a estas cousas, conseguiuse chegar á xente. O público sentiuse cómodo vendo a película. A súa estrutura, a pesar de ser aristotélica, non renuncia a certa experimentación. E hai unha fisicidade da natureza. Aí está a primeira secuencia. Ou como nos achegamos aos incendios, que é absolutamente real, sen ningún tipo de efecto. E máis cousas. E o público conectou. Lembro esa imaxe do personaxe de Amador dándolle a volta ao pan tostándose na cociña de ferro e á xente chorando en Navia. Oliver conseguiu retratar todo iso sen caer no enxebrismo. E non uso esta palabra pexorativamente. Quero dicir que hai unha low culture que se pode elevar a alta cultura. Aquí fíxose. E o resultado foi acojonante.

"Hai unha 'low culture' que se pode elevar a alta cultura. Aquí fíxose. Oliver [Laxe] conseguiu non caer no enxebrismo. E o resultado foi 'acojonante"

Vostede é historiador da arte. Como chegou ao cine?
Sempre me gustou moito o cine. O mestre que mellores notas me poñía era o de Linguaxe Cinematogáfica, Xosé Nogueira. Así que dei o paso e fixen un mestrado de produción. Así empezou todo.

A súa curtametraxe La carne cruda, que tivo unha importante repercusión internacional, parecía que inauguraba a carreira dun autor próximo ao gore, pero decidiu volver aos apartados técnicos.
Non o decidín exactamente. Xuntáronse varias cousas ao frustrarse un par de proxectos. E dalgo tes que vivir. Iso non quere dicir que abandonara os proxectos propios para sempre. De feito, agora mesmo teño tres en marcha. Un de non ficción, un found footage da miña vida coa miña moza dende 1998, como un diario filmado ao Jonas Mekas. Ademais estou a punto de rematar o guión dunha longa que imos empezar a mover. E teño tamén aí unha curta de zombies que, en realidade, é unha historia de amor.

"O que arde' foi un traballo épico"
Comentarios