Samuel Lema, Trece Amarillo e Marcos Nine, finalistas dos Mestre Mateo

A película ‘Cuñados’ parte como gran favorita aos premios tras conseguir 16 candidaturas
Anuncio dos finalistas. XESÚS PONTE
photo_camera Anuncio dos finalistas. XESÚS PONTE

O director de arte Samuel Lema, a produtora dos vídeos das Tanxugueiras, Trece Amarillo, e o cineasta Marcos Nine son tres dos pontevedreses que optarán a un Premio Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual, galardóns que se entregarán o 19 de marzo en Expocoruña e para os que parte como máxima favorita a película Cuñados despois de facerse con 16 candidaturas.

O estradense Samuel Lema, afincado en Pontevedra, é finalista polo seu traballo na película de terror Jacinto. Xa ten un Mestre Mateo por dirixir este mesmo departamento en O que arde, de Oliver Laxe.

De Marín e Bueu son a produtora Trece Amarillo e a promotora PlayPlan responsables dos videoclips das Tanxugueiras. Polo seu traballo con Figa optan a facerse co recoñecemento ao mellor vídeo musical, unha categoría na que tamén é finalista un dúo pontevedrés, Antilia (María Costas e José Churruca), con Voucho contar así, de Cumac Producións.

O cineasta da Illa de Arousa Marcos Nine opta a dous premios por A Virxe Roxa, a película que precisamente inaugurou o Festival Novos Cinemas da capital da provincia: son o de mellor montaxe e o de mellor documental. Nesta última categoría tamén compite A poeta analfabeta, traballo sobre Luz Fandiño dirixido por Sonia Méndez, actriz e directora vinculada a Pontevedra.

Un videoclip do dúo pontevedrés Antilia opta a un galardón, ao igual que tamén o fai o spot publicitaro ‘E Lalín... sóache?

De A Guarda e vinculada á Facultade de Ciencias Sociais é Beli Martínez, que pode facerse co premio á mellor dirección de producción por Eles transportan a morte, de Samuel M. Delgado e Helena Girón.

Formáronse noutra facultade pontevedresa, a de Belas Artes, outros dous candidatos aos Mestre Mateo deste ano: David Fidalgo Omil, que opta con Cacola ao premio á mellor serie web, e Lucía C. Pan, que pode facerse co premio á mellor dirección de fotografía por ¿Qué hicimos mal?.

ACTRICES. Dúas intérpretes viguesas, María Vázquez, polo seu papel en Cuñados, e Marta Larralde, por Olvido y León, poden gañar cadanseu Mestre Mateo, a primeira como actriz de reparto e a segunda como actriz protagonista. Finalmente, na categoría de mellor anuncio publicitario compite E Lalín... sóache?, de Lucas Terceiro, Marga Pazos e Webcom Consultora de Comunicación.

Polo que se refire ao resto das candidaturas, ademais de ‘Cuñados teñen moita presenza Jacinto e Melancolía, que conseguiron once. Séguelles a serie Hierro, que obtivo oito.

A Academia Galega do Audiovisual anunciou onte os nomes dos finalistas nesta edición, nun acto en Lugo que contou coa presenza de Alba Mancebo, Esther Estévez, Beatriz Serén, Luís Iglesia e María Costas.

Cuñados, Jacinto, Malencolía e Tres son finalistas a mellor longametraxe, mentres que A poeta analfabeta, A virxe roxa, O gran camiño e Welcome to ma maison o son a mellor documental. As finalistas a mellor serie son Hierro, A lei de SantosAuga Seca e Método Criminal e a mellor serie web CacolaDelicias Amargas, Mataría Microserie e Xela Arias. A palabra esgazada, da Real Academia Galega.

Dos 32 programas de televisión presentados os votos das académicas e académicos elixiron Cinephilia, Clac, Cos pés na terra e Dígocho Eu e o traballo de Esther Estévez, Paco Lodeiro, Rodrigo Vázquez e Simone Saibene na categoría de mellor comunicador.

Comentarios