San Simón acolle o xoves e o venres unhas xornadas sobre o exilio durante a Guerra Civil

Intervirán, entre outros, os historiadores Ramón Villares e Xosé M. Núñez Seixas
'Guerrilleros Españoles', de Luís Seoane.  FUNDACIÓN LUÍS SEOANE
photo_camera 'Guerrilleros Españoles', de Luís Seoane. FUNDACIÓN LUÍS SEOANE

A illa de San Simón acollerá este xoves e venres unhas xornadas sobre o exilio durante a Guerra Civil nas que intervirán expertos na materia como os historiadores Ramón Villares e Xosé M. Núñez Seixas, que ofrecerán, respectivamente, as conferencias de apertura e clausura. 

O encontro está organizado polo Consello da Cultura Galega e o Concello de Redondela e leva por título Legados dende a dislocación. Intervencións no presente e imaxinación do futuro nos exilios da Guerra Civil. As intervencións dos especialistas vertebraránse arredor de tres mesas nas que se atenderán a cuestións como "a inserción das persoas exiliadas nas sociedades de collida, os legados culturais que deixaron no desterro e os futuros que imaxinaron desde as súas experiencias". 

Consulte aquí o programa completo

A cita incluirá un servizo de transporte marítimo á illa de San Simón que partirá desde o porto de Cesantes, en Redondela, ás 9.15 horas tanto o xoves 16 como o venres 17. Os interesados en asistir ás xornadas deberán inscribirse a través deste formulario.

Ademais da intervención de especialistas no exilio chegados desde diferentes puntos da xeografía galega, estatal e internacional, tamén haberá un oco para a música a cargo do guitarrista Samuel Diz, que interpretará pezas de compositores exiliados por mor da Guerra Civil.

Asemade, haberá  unha mesa redonda sobre a figura de Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado polas Letras Galegas, e a súa relevancia para a historia cultura do exilio republicano galego. 

As xornadas coordínaas o investigador posdoutoral da USC Pablo García Martínez e os relatores son Manuel Artime, Manuel Aznar Soler, Mari Paz Balibrea Enríquez, Jorge de Hoyos Puente, Samuel Diz, Ana González Neira, Ricardo Gurriarán, Teresa López Fernández, Xurxo Martínez González, Eva Moreda, Bárbara Ortuño Martínez e Giulia Quaggio, ademais dos xa mencionados Xosé M. Núñez Seixas e Ramón Villares.