Sanador nun hospital de libros

O don de Luciano Martínez, de Xeve, é curar. Traballa como farmacéutico en Montecelo e no seu tempo libre restaura libros antigos deteriorados polo paso dos séculos
Luciano Martínez co exemplar máis antigo da súa biblioteca restaurado. GONZALO GARCÍA
photo_camera Luciano Martínez co exemplar máis antigo da súa biblioteca restaurado. GONZALO GARCÍA

"A o principio, metes a pata, a falta de experiencia fai que te equivoques, agora decátome de burradas que fixen e pouco a pouco fun evolucionando". Explícao Luciano Martínez, cuxa paixón pola restauración de libros antigos o levou a converter a súa casa de Xeve nun verdareiro sanatorio de volumes con séculos de historia. O seu don é curar, xa que traballa como farmacéutico no Hospital de Montecelo e no seu tempo libre devólvelle a saúde a libros que suman séculos. A química axúdalle tamén a entender que substancias son mellores para devolverlle a saúde aos volumes.

A obra máis antiga que recuperou é un volume con máis de 400 anos, do século XVII, e trátase dun libro do cardeal Roberto Belarmino chamado A Controversia. "Nel repasa as razóns polas que a igrexa católica ten que enfrontarse ao calvinismo, por algo o chamaban o cardeal martelo dos herexes", explica Martínez mentres amosa o antes e o despois do exemplar que adquiriu nunha subasta a través da Internet.

Martínez recalca a importancia de realizar as intervencións con respecto, sen deteriorar os volumes. Pero iso que significa? Por un lado, empregar materiais que non sexan agresivos co papel e que provoquen o efecto contrario ao buscado. Así, salienta que restaurar non significa enganar e que pareza un libro orixinal, senón actuar con coherencia sobre a obra para mantela no tempo. "Todos os procesos teñen que ser reversibles para que o libro poida volver ao seu estado orixinal", conta.

No mesmo sentido, as intervencións deben utilizar técnicas e materiais propios da época na que se editou o volume. Por iso Martínez mesmo tivo que fabricar papel para completar algún dos seus volumes. Foi o que lle ocorreu cun libro das partidas de Afonso X o Sabio publicado en 1789, nas que o rei reunía a lexislación do seu tempo. "Ten a cuberta de pergamiño e faltáballe a páxina de papel máis groso que vai entre esta e o comezo do libro, así que tiven que facer papel para completalo", comenta. Empregar papel do que hoxe en día de podería comprar nunha papelería iría contra o principio de respectar as técnicas do momento de fabricación do libro. Ademais, a obra tivo que ser recosida cun traballo moi fino e de precisión que require moito tempo. Entre as tarefas que supón restaurar un libro atópase tamén a recomposición de páxinas cando o papel se atopa nun estado tan malo que se desfai só con tocalo e é preciso darlle consistencia para volver colocar cada anaco da páxina no seu lugar exacto ou retirar tintas de rotulador e bolígrafo para limpar o papel.

Unha edición do Quixote de finais do século XVIII ou un libro sobre a expedición das armadas francesa e española na que logo se baseou o sistema internacional de medición que estableceu o metro como unidade de medida son algunhas das obras máis relevantes que forman a biblioteca antiga de Luciano Martínez, a resgardo nunha vitrina na que a temperatura e o nivel de humidade están regulados para evitar que as obras se deterioren.

A debilidade de Martínez son as cubertas de pel e a súa restauración, aínda que tamén ten interese polos libros especialmente maltratados polos anos e as inclemencias. Do caixón dos libros en estado «catastrófico» rescatou un hai uns meses, durante o peor da pandemia. "A loita contra a pandemia no Hospital levoume a rescatalo, quizais para compensar os efectos anímicos que producía a evolución dos acontecementos a pesar do meu optimismo natural", indica.

Aínda que Luciano Martínez se define como un afeccionado que colecciona obras de valor e mesmo restaura libros para amigos polo valor sentimental que teñen as pezas para eles, dende hai dous anos tamén estuda na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia. Ata agora era autodidacta pero dende entón converteuse nun alumno atípico, como el mesmo se describe, "son maior que os propios profesores", conta.

Comentarios