Seixas lanza a biografía de Castelao, de quen "somos debedores"

Considera que o autor de Rianxo merecería "xustiza e respecto" polo seu labor de narrador, ensaísta, debuxante e político
 
Presentación de la primera parte de 'Castelao, construtor da nación'. @EdGalaxia
photo_camera Presentación da primeira parte de 'Castelao, construtor da nación'. @EdGalaxia

O historiador e escritor arzuán Miguel Anxo Seixas presentou este martes o primeiro dos tres tomos que compoñen Castelao. Construtor da nación, unha obra monumental que aspira a ser definitiva sobre o narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao.

"Non había ningunha biografía de Castelao. E Castelao é unha marabilla. Se hai algunha persoa á quen Galicia deba tanto é Castelao. Somos debedores de Castelao", dixo na presentación Seixas.

O historiador recordou que é grazas ao autor de Rianxo que Galicia ten un estatuto ou un parlamento, e que "Castelao merecía xustiza" e entrar na universidade, que é o que tratou de facer el.

Acompañado do escritor e expresidente da Real Academia Galega José Luís Méndez Ferrín, do fotógrafo e presidente do Ateneo de Vigo, Anxo Cabada, e do director xeral da editorial Galaxia, Francisco Castro, Seixas explicou o proceso de construción dunha biografía con aspiracións de totalidade.

Méndez Ferrín encomiou a "prosa histórica da excelencia nacional popular" que impón Seixas ao libro

Nela hai espazo para o debuxante e o pintor autodidacta, o médico celoso da súa profesión, o ilustrador que se vale do humor como mecanismo de concienciación dos galegos, o funcionario, o profesor, o membro das Irmandades da Fala, o escritor ou o artista, todos os homes que Castelao foi recollidos con minuciosidade de cirurxián durante un proceso de documentación hercúleo.

Seixas, que pediu perdón por escribir un libro tan gordo, falou da sensación de fracaso que queda ao terminar porque "quería facer algo mellor" para reivindicar "unha figura dunha ética e un compromiso admirables", e que "merecía xustiza e ser respectado".

Menos severo co resultado, máis ben todo o contrario, foi Méndez Ferrín. "Este libro é a infancia dunha grande obra", dixo o escritor, quen destacou o "estilo elaborado de Seixas". O escritor encomiou a "prosa histórica da excelencia nacional popular" que impón Seixas ao libro.

Comentarios